Notas de prensa

A Consellería de Traballo investirá máis de 300.000 euros nunha campaña para fomentar a contratación indefinida

O titular deste departamento da Xunta, Ricardo Varela, anuncia un programa de actuacións que incluirá a comunicación directa cos empresarios a través de cartas, a sinatura de convenios cos axentes económicos e sociais, e unha campaña de sensibilización en medios.

A Consellería de Traballo investirá máis de 300.000 euros no desenvolvemento dunha campaña dirixida aos empresarios co fin de incentivar o emprego estable. O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, anunciou a campaña, que incluirá diversas actuacións para difundir as medidas de que dispón este departamento para axudar á conversión de contratos temporais en indefinidos. Así, inclúe accións de comunicación directa cos empresarios a través do envío de 30.000 cartas con información; a sinatura de convenios cos axentes económicos e sociais e unha campaña de promoción da estabilidade en medios escritos e radiofónicos.

A partir do venres 24 desenvolverase a campaña nos medios de comunicación, baixo o lema Coa estabilidade gañamos todos. A semana que vén iniciarase o envío de comunicacións a todas as empresas de máis de 3 traballadores, nas que se convida ao empresariado a facer unha reflexión sobre as vantaxes que a estabilidade ten para a súa empresa e, por conseguinte, para toda a sociedade. Ademais, serán editados 40.000 dípticos explicativos sobre as medidas de que dispón a Consellería para subvencionar ás empresas que tomen a iniciativa de transformar contratos temporais en indefinidos.

Asemade, o conselleiro avanzou que nun período breve de tempo serán asinados convenios cos axentes económicos e sociais para divulgar as medidas de impulso á contratación indefinida e de fomento da contratación para a mellora do tecido produtivo de Galicia.

A campaña completarase cunha orde que constitúe unha prórroga temporal das medidas que estiveron vixentes ao longo deste ano para promover a sinatura de contratos indefinidos. (Consultar documento en formato Powerpoint adxunto).

Análise da situación actual

Ricardo Varela fixo balance do camiño andado ata o de agora para concienciar aos empresarios da necesidade de incrementar a contratación indefinida. “O emprego estable é o punto de partida para acadar un novo modelo produtivo baseado no coñecemento e na innovación. Só así mellorará a produtividade da nosa economía e, como consecuencia, o benestar, o emprego e a cohesión da nosa sociedade”, argumentou o conselleiro.

Varela recordou que o departamento que dirixe desenvolveu distintas liñas de actuación a prol da estabilidade do emprego baseadas fundamentalmente na incentivación da contratación indefinida da mocidade e nos Plans Sectoriais de Estabilidade. “En todas as actuacións se ten establecido unha discriminación positiva das mulleres, debido a que elas son quen máis sofren a precariedade”, matizou.

O conselleiro recordou que no pasado mes de xullo foron asinados convenios de colaboración entre a Consellería e os colexios de graduados sociais, a Asociación Española de Dirección y Desarrollo de Personas (Aedipe) e os colexios administrativos para a difusión do emprego estable.

Por outra parte, en virtude dos Plans Sectoriais de Estabilidade estableceuse unha liña de subvencións en determinados sectores (hostalería, comercio, construción, téxtil, forestal e agrogandeiro) pola que as empresas reciben unha subvención de 2.500 euros pola contratación indefinida dunha traballadora ou 2.000 pola dun traballador.

Ricardo Varela destacou tamén os bos resultados do Acordo pola mellora do crecemento e do emprego acadado polo Estado español o pasado mes de maio, polo que a Administración central estableceu bonificacións de 2.400 euros pola conversión de contratos temporais a indefinidos.

As cifras resultantes das distintas medidas

O responsable do departamento de emprego da Xunta destacou que as distintas medidas adoptadas ao longo do último ano “téñense demostrado eficaces”. Así pois, informou de que o número de contratos indefinidos e conversións acumulados en Galicia ao longo de 2006 foron un total de 74.217. Isto significa un incremento do 25% respecto ao ano anterior.

De feito, a contratación indefinida pasou de supoñer o 8,9% do total de contratos rexistrados ata outubro de 2005 ao 10,3% correspondente a este ano, pese ao incremento do volume total da contratación. Neste sentido, Varela destacou que as mulleres rexistraron un crecemento do 26%, o que se traduce nunha cifra absoluta de 6.561 contratos ou transformacións de contratos máis. Por outra banda, a contratación das persoas menores de 30 anos presentou un incremento do 22,2% (5.739 contratos máis).

“Destas cifras podemos concluír que a política de fomento da estabilidade emprendida pola Consellería de Traballo parece estar dando resultados, tanto no incremento da contratación indefinida como en relación coa discriminación positiva que se ten establecido coa mocidade e as mulleres”, subliñou o conselleiro. Precisou, non obstante, que “a temporalidade na contratación en Galicia segue a ser un problema do noso mercado de traballo que segue a requerir de continuado esforzo para atallalo”. De aí a campaña presentada hoxe, coa que se pretende “reforzar” a aposta da Consellería de Traballo polo emprego estable. O obxectivo, concluíu o conselleiro, é “proseguir na liña iniciada este ano, que nos ten permitido que haxa case 75.000 traballadores máis con contrato estable”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2006-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (alume-app.jpg) A loita contra os incendios forestais suma un novo aliado tecnolóxico ao servizo de toda a sociedade. A aplicación móbil ALume, deseñada para facilitar que calquera persoa poida dar a alarma sobre un foco de lume de forma inmediata e precisa, xa se atopa plenamente operativa e dispoñible para a súa descarga de balde nas plataformas Android e iOS. O obxectivo principal desta ferramenta é potenciar a detección temperá dos incendios forestais. Nunha emerxencia no monte, os primeiros minutos son decisivos para evitar que un foco inicial se converta nun gran incendio; por iso, ALume nace para acurtar os tempos de aviso e facilitar ao servizo de extinción datos exactos antes de despregar os medios sobre o terreo. Cabe sinalar que a aplicación leva xa 7.000 descargas e 200 notificacións que axudaron ao operativo.
Foto de la tercera plana (titiribeira-2026.jpg) Un dos grandes atractivos desta undécima edición será a estrea de dez novos espectáculos, todos eles impulsados por compañías galegas, un dato que evidencia o dinamismo creativo do sector dos monicreques na Comunidade. A programación abrirase coa nova versión de A festa dos títeres, presentada por Viravolta, Vai de Roda e Títeres Alakrán, para continuar coa estrea de Treco-lerias, de Trécola Producións, e A rosa de papel, adaptación ao teatro de monicreques do texto de Valle-Inclán realizada por Alakrán.

Notas

'Dálle á lingua' é un proxecto de divulgación lingüística da USC que se desenvolverá en colaboración con bares de diversas localidades galegas. O seu obxectivo é 'poñer a lingüística sobre a mesa', literalmente, a través de pousavasos de dobre cara que ofrecerán información para desmontar mitos sobre diversos temas relacionados coa lingua e a lingüística. A iniciativa que agora bota a andar busca locais interesados en participar. Ademais, os establecementos inscritos participarán nunha competición, denominada Liga Mente e Palabra.
A Universidade da Coruña desenvolverá durante os próximos tres anos o proxecto 'INTERLYNX: Estudo paleomolecular da interacción interespecífica de poboacións de lince antigo na conca do Mediterráneo occidental', unha investigación financiada pola Axencia Estatal de Investigación (AIE) dentro da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2025.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES