Notas de prensa

Vicepresidencia porá en marcha unha nova experiencia piloto de bancos de tempo en núcleos rurais de Galicia

Os municipios de Foz e Allariz serán os primeiros en contar con este proxecto, tras un estudo realizado polo Servizo Galego de Igualdade. Apoiarase aos concellos e asociacións que queiran implantalo nos vindeiros anos.

A Vicepresidencia da Xunta -a través do Servizo Galego de Igualdade- vai pór en marcha un sistema de bancos de tempo como experiencia piloto en núcleos rurais de Galiza. Os primeiros municipios onde se experimentará esta iniciativa serán os de Foz e Allariz, determinados tras a realización do estudo “Os bancos de tempo: unha estratexia de organización comunitaria no espazo rural”, presentado esta mañá en Santiago de Compostela. Esta iniciativa enmárcase dentro do Proxecto Arco, que busca fórmulas de reforzamento da conciliación da vida persoal e laboral no mundo rural.

A iniciativa dos bancos de tempo consiste en crear un campo de intercambio de tempos entre persoas, no que cada persoa ten unha conta cun deber e cun haber, é dicir, no debe están as horas que me presten e no haber están as que eu dou. Cada persoa ofrece ao banco horas do seu tempo en función das habilidades ou coñecementos que ten, e recibe a cambio modalidades de servizos que ofrecen outros usuarios do banco e que se corresponden coas súas necesidades e demandas. A través do banco de tempo o que se intercambian son horas e polo tanto é moito máis que algo máis e algo diferente que voluntariado, xa que non só se dá algo, senón que tamén se recibe. Trátase de estimular procesos de organización comunitaria que faciliten a prestación de servizos ás persoas e ás comunidades.

Dende o Servizo Galego de Igualdade (SGI) destácase que os bancos de tempo son unha iniciativa moderna, que xa leva moitos anos funcionando en Europa (en Italia e en Inglaterra, por exemplo) e tamén nalgún punto de España (como en Barcelona), pero aínda sen practicar no territorio galego. O SGI decidiu pór en marcha esta iniciativa tendo en conta que se trata dun proxecto que se adapta moi ben á idiosincrasia do rural galego, onde sempre existiu unha importante tradición de intercambio de tarefas agrarias. Do que se trata é de mesturar a modernidade de fórmulas como os bancos de tempo coa tradición do traballo voluntario no agro galego.

Plan de traballo

O Servizo Galego de Igualdade desenvolveu nos últimos meses o estudo “Os bancos de tempo: unha estratexia de organización comunitaria no espazo rural”, que determinou a escolla dos municipios de Foz e Allariz para implantar o proxecto piloto de bancos de tempo. Nos vindeiros meses, técnicos e responsables do SGI traballarán co persoal destes concellos e con persoal das asociacións municipais para facer efectiva a posta en marcha dos bancos de tempo. Unha vez que remate a experiencia piloto, o obxectivo da Vicepresidencia da Xunta é apoiar aos concellos e asociacións que queiran implantar o sistema dos bancos de tempo por consideralo adecuado para o desenvolvemento comunitario do seu territorio.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-11-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
Foto de la tercera plana (vacinacion-2026-01.jpg) A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES