A Facultade de Ciencias Sociais da Comunicación foi o escenario de presentación do portal Audiovisual de Galicia, que pretende converterse nunha zona de encontro e porta de entrada ás webs relacionadas co audiovisual galego. O portal, presentado polo director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel Fernández Iglesias, ten como obxectivo ser un portal de portais, onde calquera que estea interesado en promocionar as súas curtas, videoclips ou calquera outra produción audiovisual poda facelo.
O portal está dividido en catro apartados: directorio, zona pública, caixa de información técnica e novas. No primeiro, o Directorio, ofrécese un listado de institucións, asociacións, film commisións, festivais, universidades, empresas e outras entidades relacionadas co audiovisual galego.
No segundo, Zona pública, inclúense os servizos para a promoción de curtametraxes, videoclips ou calquera outra produción audiovisual. Así mesmo, ofrécese un servizo de hosting web particularizado para creadores, pequenas empresas e asociacións.
Na Caixa de Información técnica, terceiro eido, crease un espazo aberto ao coñecemento para compartir información técnica relacionada co mundo audiovisual e multimedia, onde se pode contibuir aportando experiencias propias, titoriais, etc... O que se pretende é ofrecer un espazo referente do audiovisual galego axudando aos que inician a súa carreira. No apartado de Novas, elabórase un boletín que as recollerá de forma periódica e que pode ser enviado ás persoas inscritas para a súa recepción.
Paralelamente a este portal, ponse en marcha a web do Observatorio Audiovisual. Esta páxina crease coa finalidade de proporcionar unha información permanentemente actualizada sobre o sector audiovisual, dirixida sobre todo aos axentes implicados neste sector, tanto empresas como institucións.
O observatorio ten como elemento central o catálogo que recolle os principais indicadores estatísticos do sector e do mercado, contextualizando as observacións propias coas medicións e variables doutros observatorios de carácter nacional e internacional.
Tamén se incorporará información sobre a estrutura sectorial, con seccións destinadas ás institucións e as empresas existentes, facilitando o acceso á base de datos do Rexistro de Empresas do Audiovisual. Deste xeito achégase unha información obxectiva de grande importancia para o deseño de estratexias tanto para as empresas como para as institucións.
O observatorio incorpora tamén a sección Colabora, dentro do cal calquera estudante, investigador ou profesional relacionado coa comunicación audiovisual pode contribuír cos seus traballos, aparecerá na sección Contribucións, do centro de documentación.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.