A obra O afundimento do Tiránic, de Breogán Riveiro, resultou gañadora do Premio Internacional Barriga Verde de Textos para Teatro de Títeres 2006 na categoría de monicreques para rapaces, segundo resolveu por unanimidade o xurado desta cuarta edición do galardón que convoca o Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellaría de Cultura e Deporte en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde.
O tribunal integrado pola escritora Marilar Aleixandre, como presidenta; e por Xosé Cermeño, escritor, guionista e xornalista; Jorge Rey, director do festival Galicreques e responsable da compañía Títeres Cachirulo e da Sala Yago de Santiago; e Anxo García, director de Viravolta Títeres, como vogais decidiu, así mesmo, declarar deserto o premio na modalidade de textos para adultos.
Presentada baixo o lema Batel, a obra gañadora parte do afundimento dun barco como argumento para abordar os distintos xeitos de reaccionar dos personaxes e a importancia da unión á hora de enfrontar os problemas. O xurado destacou de O afundimento do Tiránic a súa adecuación á especificidade do teatro para monicreques e a súa ollada irónica sobre personaxes arquetípicos do teatro de títeres e da literatura infantil. Subliñou, igualmente, a calidade literaria dos diálogos a través dos que consegue unha linguaxe áxil.
TRAXECTORIA
Breogán Riveiro recibirá 4.000 euros como gañador deste IV Barriga Verde de Textos para Títeres, premio que se suma a outros galardóns cos que ten sido recoñecido como autor literario. Así, recentemente obtivo o Pura e Dora Vázquez de Narración da Deputación de Ourense por A historia máis incrible que nunca liches, ademais de gañar en 2004 o V Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil da Deputación da Coruña por Tonecho de Rebordechao, o I Premio de Literatura Fantástica Cidade da Coruña e A Curuxa Literaria do Museo de Humor de Fene. Foi, así mesmo, finalista do I Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia.
Nado en Montevideo (Uruguai) en 1967 e residente en Oleiros (A Coruña), na actualidade Breogán Riveiro é realizador e guionista audiovisual. De feito, no seu ámbito profesional ten empregado os monicreques de xeito experimental, aínda que O afundimento do Tiránic supón a súa primeira incursión no terreo da creación literaria para títeres.
Ten publicadas, ademais, as obras O vendedor de mazás, de xénero fantástico, e O asasino bífido, que pode inserirse no ámbito da literatura humorística.
Un total de dez orixinais optaron a esta cuarta edición do Barriga Verde, promovido anualmente polo IGAEM como xeito de incentivar a creación de textos para o eido dos monicreques, ao tempo que lembra a figura de José Silvent, creador do mítico personaxe Barriga Verde e considerado o fundador do guiñol popular galego.
Xosé Manuel Fernández Castro, con Misterio en Guernica, resultou gañador o ano pasado na categoría de teatro para adultos, mentres que a modalidade para rapaces quedou deserta. Os anteriores galardoados neste certame internacional foron Celia Díaz Núñez (teatro infantil, 2003), Tino Antelo (teatro infantil, 2002) e Guaira Castilla (teatro para adultos, 2002).
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.