Notas de prensa

Quintana asegura que as políticas sociais son o mellor investimento que un país pode facer no seu futuro

O vicepresidente inaugurou en Expourense o salón Galisenior. Salientou o papel deste certame como un gran foro onde atopar toda a información dos programas, produtos e servizos dirixidos aos maiores.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou en Ourense por librar ás políticas sociais do seu carácter marxinal para convertelas en impulsoras da sociedade. Quintana asegurou que, lonxe da visión da anterior administración de entendelas como “gasto social”, para este Goberno “as políticas sociais son o mellor investimento que un país pode facer no seu futuro, e por iso nós falamos de investimento social”. Neste camiño, “quixemos converter aos maiores en protagonistas da revolución tranquila do benestar que se impulsa dende a Vicepresidencia”, afirmou.

Durante a inauguración de Galisenior 2006, que se celebra no recinto feiral Expourense, Quintana salientou a importancia deste salón tanto polo seu papel como foro onde os maiores poden atopar toda a información sobre os recursos e programas destinados a eles, como por ser unha iniciativa válida para impulsar este sector no país e para a dinamización socioeconómica da provincia. Neste senso, o vicepresidente amosouse convencido de que a atención á terceira idade representa unha oportunidade para Galiza. Trátase, dixo, de reverter a situación de Galiza para situala na vangarda da atención á dependencia.

Na súa intervención, Quintana repasou as iniciativas postas en marcha polo seu departamento no último ano. A Vicepresidencia ten impulsado a creación de cinco novas residencias en colaboración coas caixas de aforros do país a través da sociedade Sogaserso, cuxa sede –confirmou hoxe vicepresidente– estará no Parque Tecnolóxico de San Cibrao das Viñas. Quintana tamén fixo referencia ao Plan Integral de Mellora de Centros, que pretende optimizar a calidade das instalacións públicas. Estas dúas iniciativas supoñen a creación de 2.000 novas prazas residenciais. De feito, lembrou que “neste último ano xa se reduciu en máis de 1.000 persoas a lista de espera para acceder a unha praza residencial pública”.

Destacou tamén, como iniciativas para a atención ás persoas en situación de dependencia, a posta en marcha da rede de centros de día para enfermos de alzheimer e outras demencias –un deles na cidade de Ourense–, e a construción de máis de 50 centros de día en todo o país, así como o proxecto da Vicepresidencia de estender un servizo de transporte adaptado por toda a xeografía galega.

En canto á futura Lei de Dependencia, Quintana lembrou que o Goberno central ten que ter en conta que Galiza ten as pensións máis baixas do Estado á hora de esixir o copago dalgúns servizos por parte dos usuarios do sistema de dependencia. Nesta liña, dixo que todas as administracións temos que facer un esforzo para garantir a igualdade de todos, de xeito que a Lei sirva para crear máis dereitos, e non máis obrigas.

O vicepresidente afirmou a súa vontade de traballar para garantir o poder adquisitivo con aquelas persoas con menos recursos. Así, asegurou que a previsión é que no 2007 as pensións non contributivas suban en torno a un 4,4%, e que a partir do 2008 se quere complementar estas pensións a través dunha paga compensatoria duns 100 euros. Tamén asegurou que dende a Vicepresidencia se está a estudar a fórmula legal que permita complementar as pensións contributivas máis baixas a partir do ano 2009.

Galisenior

O vicepresidente da Xunta destacou o gran crecemento que experimentou o salón Galisenior respecto doutras edicións, tanto por espazos como por contidos, xa que este ano o “Salón dos Nosos Maiores” ocupará a totalidade do pavillón feiral de Expourense grazas aos expositores, os obradoiros e actividades de lecer e tamén a celebración do primeiro Foro Internacional de Xerontoloxía.

Manifestou que Galisenior é unha grande oportunidade para proporcionarlle ás persoas maiores algo que é vital para eles hoxe en día, a información. Unha información que lles permita coñecer os programas dirixidos a eles, os servizos, os produtos e as tecnoloxías que poden contribuír a mellorar a súa calidade de vida.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-11-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (pesca-azul.jpg) Alfonso Rueda informou de que o Consello 'aprobou a orde para a posta en marcha do Bono Peixe' que ofrecerá 'ata 50 €' para mercar peixe e marisco frescos nos establecementos da comunidade adheridos. Unha medida coa que a Xunta busca 'incentivar o consumo' destes produtos galegos que son sinónimo 'de excelencia e calidade' por todo o mundo e 'facer unha chamada atención' sobre o descenso destes alimentos na dieta que se está a vivir 'a nivel nacional, europeo e mundial e do que Galicia non é allea'.
Foto de la tercera plana (praia_mar.jpg) Galicia segue a ser un referente nacional en calidade ambiental e turística, con 137 bandeiras azuis e 54 sendeiros azuis recoñecidos en marzo. Sanxenxo mantén a súa posición á cabeza do conxunto estatal con 17 praias, 3 portos deportivos (o Real Club Náutico Sanxenxo, o Club Náutico Portonovo e o Porto Deportivo Juan Carlos I) e 1 centro azul (o Centro de Interpretación das Telleiras), ademais de ser o concello que conta co maior número de sendeiros azuis de toda España, cun total de 8 rutas. Galicia mantense entre as tres Comunidades con máis distintivos azuis (tras a Comunidade Valenciana e Andalucía) con 137 galardóns que inclúen praias, portos e centros azuis, ademais de 54 sendeiros azuis recoñecidos en marzo. De feito, concentra unha de cada seis bandeiras azuis concedidas este ano aos areais españois.

Notas

No contexto do Ano Castelao 2025, o proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' que dende este luns e ata o 30 de agosto se pode visitar no Colexio de Fonseca propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Conectar os sectores agrícola e espacial, promovendo o uso de tecnoloxías do ámbito espacial en zonas rurais como ferramentas para a innovación e a resiliencia fronte ao cambio climático é o obxectivo do proxecto europeo AgroSpace, no que participan 12 entidades, entre elas a UVigo. Coordinados polo catedrático Jesús Simal Gándara, investigadores e investigadoras dos grupos de Investigacións Agrarias e Alimentarias; Tecnoloxías Aeroespaciais e Historia Contemporánea I conforman a representación da UVigo en AgroSpace.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES