Notas de prensa

Ricardo Varela anuncia o investimento de 7'5 millóns de euros para fomentar o emprego feminino e da mocidade na provincia de Lugo

O conselleiro de Traballo destaca que esta provincia percibirá 1,5 millóns máis que en 2006 en formación para o emprego, polo que contará con 14,3 millóns de euros para esta materia.

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, anunciou que o investimento para o fomento do emprego feminino e da mocidade ascenderá en 2007 na provincia de Lugo a 7,5 millóns de euros. A provincia recibirá deste departamento da Xunta 14,3 millóns de euros en programas de formación para o emprego, o que supón 1,5 millóns máis que en 2006. O obxectivo é que 2.700 mulleres desempregadas reciban formación, ademais de 1.100 mozos e mozas da provincia. O conselleiro adiantou ademais que 1.800 persoas pertencentes ao colectivo con dificultades de inserción laboral serán beneficiarias dos programas de formación, así como de programas experimentais de emprego.

Estes son os principais datos que Ricardo Varela adiantou en Lugo, na presentación dos orzamentos da Consellería de Traballo correspondentes á provincia para 2007. Subliñou que os programas de adquisición de experiencia se incrementarán nun 17%, ata acadar máis de 600 beneficiarios, dos que máis da metade serán seleccionados entre demandantes de emprego de longa duración.

O conselleiro de Traballo explicou que Lugo contará con 720 participantes nos programas de formación, dos que máis de 400 serán mulleres. Nesta liña de aposta polo emprego feminino, o Goberno galego desenvolverá na provincia ao longo do vindeiro ano máis de 4.000 itinerarios personalizados de inserción, dos que máis de 2.500 serán de mulleres, segundo garantiu Varela.

O responsable da área de emprego da Xunta precisou que o vindeiro ano serán investidos en Lugo máis de 35 millóns de euros, cara a consecución de máis emprego, e de carácter “máis estable, máis seguro e de máis alta produtividade”.

Comportamento do mercado de traballo en Lugo

O conselleiro de Traballo explicou que a determinación dos orzamentos da provincia lucense para o ano que vén baseouse na análise do comportamento do mercado laboral dos últimos 12 meses, durante os que a afiliación á Seguridade Social en Galicia se incrementou en 33.658 afiliados, ata chegar en setembro a 1.052.394. En Lugo o incremento foi de 2.899 afiliados máis.

Respecto ao paro rexistrado, en Galicia tense reducido unha media do 7,8% (na actualidade hai 151.534 desempregados). En Lugo a redución foi dun 8,7%, o que supón 1.420 parados menos na provincia. Polo que atinxe á contratación indefinida, que en Galicia aumentou un 25% respecto ao ano anterior, esta provincia rexistrou un incremento dun 34,3%.

Por outro lado, Lugo rexistrou unha diminución da taxa de incidencia dos accidentes con baixa laboral dun 18,7%, fronte ao descenso do 8,4% de Galicia.

Obxectivos

Ricardo Varela indicou que o obxectivo do departamento que dirixe é “o triplo 10”: incrementar un 10% a ocupación feminina; incrementar un 10% a ocupación da mocidade; e incrementar un 10% a ocupación de colectivos de difícil inserción.

Ao seu xuízo, a planificación orzamentaria da Consellería para 2007 “pon cifras ás prioridades declaradas”. O conselleiro fixo fincapé nas áreas nas que se desenvolverá un traballo exhaustivo: seguir afondando na cultura do diálogo como elemento da mellora do emprego e das relacións laborais, a través dun marco regulador no que se incluirá a Lei do Traballo en Igualdade das Mulleres de Galicia. Esta lei, consensuada cos axentes sociais, laborais e económicos da Comunidade, pretende poñer fin ao trato diferenciado que sofre a muller a nivel laboral e virá acompañada doutras actuacións de carácter normativo, como son a Lei de Participación Institucional e a modificación da Lei Reguladora do Consello Galego de Relacións Laborais.

O segundo ámbito no que se centrará o traballo da Consellería será a prevención de riscos laborais, que o conselleiro cualificou como “prioridade determinante” dentros dos obxectivos para 2007. Neste sentido, a creación do Instituto Galego de Saúde Laboral, así como o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2006-2010, recentemente acordados, constituirán “elementos decisivos” no obxectivo de reducir en número e gravidade os accidentes, explicou Varela.

Asemade, segundo o conselleiro a mellora do emprego en Galicia pasará pola posta en marcha do novo Servizo Público de Emprego, xunto co Acordo sobre a Formación para o Emprego. A Consellería de Traballo centrarase, nesta área, no fomento de pactos sectoriais de estabilidade e no programa de apoio ás empresas de inserción. A aposta pola economía social será outro dos piares deste departamento, a través do programa Coopera.

No que atinxe ao ámbito empresarial, Varela adiantou que se proporcionarán axudas a aqueles sectores con maiores dificultades para a creación de emprego, baixo a premisa da busca da innovación e a produtividade. Por iso promoverase, en colaboración coas universidades, o establecemento dun plan estratéxico do emprendemento e a innovación (INNOVA), así como o impulso da formación ocupacional nas empresas.

Estratexia de inserción sociolaboral na capital lucense

Ricardo Varela centrou outra parte da súa intervención na estratexia sociolaboral desenvolvida ao longo do último ano entre a Consellería de Traballo e o Concello de Lugo. Acompañado polo alcalde lucense, José López Orozco, o conselleiro destacou que as liñas de traballo desenvolvidas por ambas institucións son acordes coa Estratexia de Lisboa. Así pois, centráronse en fomentar o coñecemento e a innovación para o coñecemento; facer da capital da provincia un lugar máis atractivo para investir e traballar; e crear máis emprego e de máis calidade.

Entre as actuacións desenvolvidas para este fin, o conselleiro subliñou o investimento de 115.600 euros no financiamento da contratación de persoal para os Servizos de Orientación Laboral e de axentes de emprego, que teñen a misión de facer un asesoramento individualizado das persoas paradas con especiais dificultades de inserción.

Varela manifestou a súa satisfacción por ter contribuído á mellora da empregabilidade de 100 demandantes de emprego por medio de programas de formación en alternancia, en ocupacións vencelladas coas novas necesidades sociais, unha actuación na que se investiron 2,1 millóns de euros.

Recordou tamén o investimento de máis de 364.000 euros na formación de 210 persoas desocupadas, así como o financiamento de programas de adquisición de experiencia para 36 lucenses por valor de máis de 891.000 euros.

O conselleiro de Traballo fixo balance e destacou que mediante a colaboración entre a Consellería e o Concello de Lugo tense contribuído ao crecemento do emprego neto desta cidade, traducido no descenso de máis de 300 demandantes de emprego no último ano, tras un investimento total do organismo autonómico de 3,1 millóns de euros.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2006-11-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (tecnoloxia-cuantica.jpg) O conselleiro Román Rodríguez visitou co catedrático de Biotecnoloxía da Universidade de Pensilvania, o galego César de la Fuente, o Centro de Supercomputación de Galicia para firmar un convenio de colaboración entre a Xunta e esta institución académica estadounidense. Durante a visita, o investigador, pioneiro no emprego da IA para o desenvolvemento de antibióticos, puido coñecer as instalacións do centro co que colaborarán para acelerar o descubrimento de antibióticos fronte a bacterias resistentes.
Foto de la tercera plana (rozas-ciar.JPG) A nova estratexia establece cinco grandes obxectivos para os próximos cinco anos. O primeiro deles é impulsar a creación de novas empresas e o crecemento das que xa existen no ámbito do aeroespazo, da seguridade e da defensa. Na actualidade a Comunidade galega suma 115 centros de traballo xa dedicados ao sector, pero nos vindeiros anos esta cifra podería incrementarse, xa que unhas 150 empresas contan con potencial para incorporarse a este ámbito industrial. O segundo dos obxectivos busca que as industrias que operan neste ámbito diversifiquen a súa produción.

Notas

Baixo o lema de 'Outra ciencia é posible', a Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET) e a Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol) reunirán entre o 2 e o 5 de xuño máis de 800 investigadoras e investigadores no Pazo da Cultura de Pontevedra, co propósito de debater sobre como, desde o campo da ecoloxía, pode promoverse un futuro máis inclusivo e sostible para a investigación científica.
O Campus Terra da USC será campus de especialización por catro anos máis. Así se acordou no Consello da Xunta que este luns 12 se desenvolveu no Pazo de Montenegro. A decisión tómase logo da visita, a comezos de ano, dun Comité Avaliador que percorreu distintos centros da sede universitaria luguesa, ademais de participar en xuntanzas con grupos de investigación, empresas ou colectivos de mocidade investigadora, entre outros.
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES