
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou o compromiso do seu Goberno coa promoción dos hábitos saudables e a prevención da obesidade, especialmente no ámbito escolar. Para este cometido, a Xunta destinará en 2007 un orzamento superior ao millón de euros, máis do dobre que este ano.
O presidente da Xunta inaugurou en Baiona o II Congreso Internacional da Dieta Atlántica e IV Reunión Internacional sobre a Alimentación e a Nutrición no século XXI, acto no que estivo acompañado polas conselleiras de Educación, Laura Sánchez Piñón, e Sanidade, María José Rubio Vidal. O presidente agradeceu a escolla de Galicia para celebrar este congreso e destacou o papel da nosa comunidade como produtora dos elementos principais que compoñen esta dieta o leite, os vexetais, a carne de vacún e o peixe-, cuxo consumo ligou coa maior lonxevidade dos galegos e as baixas cifras de colesterol e menor risco de padecer enfermidades cardiovasculares.
No decurso da súa intervención, Emilio Pérez Touriño salientou a preocupación que suscita a obesidade no conxunto da sociedade, á que definiu como unha das grandes ameazas para a saúde pública no século XXI, como recoñeceu a OMS.
Obesidade e sobrepeso
É preciso alertar sobre o deterioro da saúde que provoca a obesidade e incidir, cunha perspectiva multinivel, na promoción de hábitos e estilos de vida saudables. Unha alerta que considero debemos situar preferentemente no sector de poboación infantil e xuvenil. Coincidirán comigo en que a progresión da obesidade e do sobrepeso nestas idades está a ser demasiado rápida e, inescusablemente, debemos pór todos os medios de cara a freala, expresou o presidente, quen incidiu no papel relevante que as administracións públicas deben asumir ao respecto.
Touriño chamou a evitar que a obesidade se convirta nun factor disgregador da saúde da cidadanía, polo que avogou porque as administracións promocionen os hábitos saudables e o exercicio físico. A este respecto, salientou que nas Directrices de Política Sanitaria e no Plan de Saúde de Galicia 2006-2010, a Xunta incluíu unha clara política pública de impulso de estilos de vida saudables, ao tempo que se puxo en marcha o Programa de Promoción de Actividades Saudables, Exercicio e Alimentación (PASEA). Un programa que impulsa a prevención do sobrepeso e da obesidade, así como dun grupo de enfermidades crónicas de alta prevalencia en Galicia, como as cardio e cerebrovasculares, a diabete ou a hipertensión arterial.
Este programa multiestratéxico promoverá acordos e convenios con diversas administracións ou entidades interesadas en contribuír á consecución dos seus obxectivos, centrándose en nenos e mozos, e tendo na educación a súa principal estratexia. Contará para o ano 2007 cun orzamento de máis de 1.000.000 de euros, máis do dobre que este ano, explicou Touriño, quen sumou a este conxunto de actuacións a colaboración co Ministerio de Sanidade na estratexia NAOS, que quere sensibilizar á poboación do problema que a obesidade representa para a saúde.
Alimentación equilibrada
Con esta colaboración búscase sensibilizar e concienciar a moi diversos sectores sociais, especialmente no eido escolar e familiar. Precisamente, incidiu en que o programa Pasea centra os seus esforzos en favorecer a alimentación equilibrada e a práctica frecuente de actividade física entre os nenos.
Nesa liña, o presidente destacou a iniciativa Consumo de Peixe Fresco nos comedores escolares, posta en marcha polo Goberno galego este ano en 20 centros educativos e que se estenderá a outros 32 centros ao longo deste ano. Pérez Touriño recoñeceu como preocupante que os nenos galegos practiquen menos dunha hora ao día de actividade física. Trocar esta tendencia vai a esixir un esforzo continuo e sostido, a medio e longo prazo. E como é recoñecido, no ámbito da saúde pública, a participación dos diversos colectivos implicados é fundamental, sinalou.
Por iso, emprazou aos asistentes ao Congreso a sentar as bases dunha nova política preventiva da obesidade na que a promoción da Dieta Atlántica teña un papel destacado. Só así será posible frear este preocupante problema de saúde pública, esta epidemia que xa ten dado mostras da súa perigosidade. Quitarlle peso á obesidade para crecer en benestar e saúde para nós, para os nosos fillos e fillas e para as xeracións futuras é a senda que, en conxunto, debe unirnos a todas e a todos, concluíu.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.