
O xefe do Executivo galego, Emilio Pérez Touriño, avanzou as principais actuacións do Goberno que preside para mellorar a rede de centros galegos no exterior. Así, o Goberno da Xunta desenvolverá ao longo do próximo exercicio un estudo de diagnóstico e catalogación dos centros galegos no exterior co fin de determinar cales destes centros poden ser considerados Bens de Interese Cultural.
O obxectivo desta iniciativa é determinar, de xeito fehaciente, o patrimonio histórico e cultural que se atopa espallados polos distintos centro. Este estudo realizarase en colaboración co Consello da Cultura Galega.
Reforma da Lei de galeguidade
Durante un xantar cos presidentes dos centros galegos máis representatiavos de Europa, Pérez Touriño referiuse a reforma da Lei de galeguidade, na que traballa o seu Executivo e que se presentará no Parlamento a inicios de 2007. Neste texto preténdese dotar de auténtico contido ao termo galeguidade.
Este termo, salientou o presidente, debe ser un recoñecemento en clara sintonía coas normas básicas, como son a Constitución e o Estatuto de Autonomía. Estas normas recollen dereitos fundamentais e liberdades públicas e deben estar reflectidas nos propios estatutos dos centros e comunidades galegas. Así mesmo, lembrou o presidente, a galeguidade debe ser un recoñecemento pleno e extensivo á cidadanía, debe entenderse como un deber activo a todos os emigrantes galegos.
Na reforma estatutaria impulsarase a creación do valedor do emigrante, como comisionado do Parlamento de Galicia para a defensa dos dereitos fundamentais e liberdades dos emigrantes galegos. Ademais crearanse delegacións da Xunta no exterior.
Necesidades reais dos galegos
O titular da Administración autonómica explicou aos responsables dos centros galegos en Europa o propósito da Xunta de Galicia de realizar ao longo do próximo ano un ambicioso estudo coa finalidade de coñecer de primeira man as demandas e necesidades reais dos galegos e galegas residentes no exterior. No traballo tamén se avaliará a situación social e económica na que se atopan os centros na actualidade.
Emilio Pérez Touriño salientou na súa intervención ante os representantes dos centros galegos o esforzo da Xunta para incrementar as liñas de actuación específicas de apoio aos centros galegos. Así subliñou que no ano 2006 os orzamentos dedicados a estas instalacións medraron un 9,5% e, apuntou, que para o próximo ano está previsto un incremento dun 7%.
Difusión da lingua e da cultura no exterior
O presidente da Xunta argumentou que este aumento ten como obxectivo incentivar a planificación de programacións anuais nos eidos formativo e cultural. Destacou, neste eido, a pretensión de impulsar a formación on line, con especial incidencia, na formación en lingua galega e na axuda á integración social e laboral para aqueles que deciden retornar a Galicia.
Así mesmo, o titular do Executivo autonómico asegurou que se potenciarán os proxectos culturais das federacións ou grupos de centros que teñan como obxectivo realizar actividades culturais abertas. Ao mesmo tempo, e co fin de facilitar o coñecemento de lingua e culturas galegas, estableceranse convenios coas universidades dos países de acollida, así como con diferentes delegacións do Instituto Cervantes e coas cátedras de lingua e cultura galega no exterior. Por outra banda, e coa meta de difundir a cultura e patrimonio, a Xunta porá en marcha o próximo ano un programa para a elaboración dun catálogo do patrimonio galego no exterior, que estará dispoñible a través de Internet.
Do mesmo xeito, impulsaranse proxectos de formación específica e de intercambio de experiencias, en colaboración coa Fundación Galicia Emigración, co fin de apoiar e potenciar novos talentos no eido cultural e empresarial dos centros galegos
Centros autosuficientes
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, afondou na necesidade de cambiar o plantexamento de xestión e funcionamento dos centros galegos no exterior. Neste sentido subliñou que, desde o Goberno que preside, seguirase afondando na creación de instrumentos que permitan un funcionamento máis democrático, transparente, aberto e eficaz. Neste sentido, indicou que o recoñecemento de galeguidade suporá unha adaptación dos estatutos aos principios fundamentais da Constitución Española e do Estatuto de Autonomía de Galicia. Este aspecto, asegurou Pérez Touriño, será considerado requisito obrigado para poder optar ás subvencións ou recursos públicos.
Coa intención de procurar centros autosustentables editarase un Manual de Tramitación e Xustificación de Subvencións. Complementariamente promoverase a formación na xerencia e administración de entidades, comunicación e programación cultural para os centros que conten con representantes con coñecemento neste eido.
Neste sentido, o presidente da Xunta subliñou o papel que deben xogar os centros galegos como representantes de Galicia no exterior. Estes, segundo indicou, deben ser espazos de encontro para os galegos e galegas, plurais, abertos e dinámicos nos que se favoreza a participación de todos, especialmente da xuventude.
O máximo mandatario da Xunta afondou tamén nas novas fórmulas de entender as relacións entre as comunidades galegas e o Goberno autonómico nun contexto do século XXI. Neste marco, explicou a posta en marcha este ano do Plan Estratéxico de Emigración 2006-2009, cunha dotación de máis de 7 millóns de euros e que terá un incremento superior ao 5% en 2007.
Asistentes ao xantar co presidente da Xunta
Ao xantar deste mediodía co presidente da Xunta asistiron, ademais do secretario xeral de Emigración, Manuel Luis Rodríguez, e do secretario xeral de Presidencia, Gumersindo Guinarte, os responsables dos Centros Galegos de Londres, Nicolás Miño; do Val do Rinh, Manuel Pereira e Matías Calvo, de Toulusse, María López; de Le Locle, Santos Cambra; de Berna, Antonio Díaz Rey; de Bruxelas, Miguel Palomo e Óscar Porral; e do Centro Gallego A Roda de Lausanne. Participaron tamén o presidente do Consello Xeral da Emigración, Francisco Ruíz, e representantes doutros colectivos e institucións como A Nosa Galiza de Xenebra, Manuel Constenla e Xosé Constenla; da fundación cultural Tordoia, Eduardo Castro; do grupo de gaitas O Afiador, Manuel Rico Gómez; de Promoción da Cultura Galega en Zurich, Juan Antonio Ortiz; de Promoción da Cultura Galega en Lausanne, César Polo e José Antonio Cabanelas, a Asociación Cultural Galega O Pote, de Holanda, José María Broz; a Irmandade Galega de Xenebra, José López; a Casa de Galicia de Andorra, Bieito Caxide; a Asociación Cultural Sementeira de Basilea, Miguel Carreira; a Federación de Sociedades Galegas de Suíza, Pedro Hombre.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur. De feito, destacan os altos rexistros acadados entre os días 9 e 15.
A Xunta de Galicia puxo en marcha a campaña de inmunización fronte á gripe e a COVID, que este ano incorpora como principais novidades a extensión da vacina antigripal de alta carga ás persoas de 65 a 69 anos e a ampliación do proxecto piloto de vacinación nos colexios a 75 centros educativos. O inicio oficial tivo lugar nun acto nas residencias de maiores e centros de discapacidade, o colectivo polo que arranca tradicionalmente a campaña debido á vulnerabilidade deste grupo fronte ás infeccións respiratorias.