Notas de prensa

Agamar saúda e valora positivamente o anuncio da conselleira de Pesca dunha saída para as mariscadoras que non cotizaron o suficiente para lograr unha pensión digna

Lembrar que esta Asociación foi a que denunciou publicamente a situación que sofren unhas 2.500 mariscadoras en Galicia. Agora é o momento de consensuar coas asociacións de mariscadoras as fórmulas.

A Asociación Galega de Mariscadoras/es (Agamar), a través da súa secretaria xeral, Natalia Laíño, valora positivamente a decisión tomada pola Consellería de Pesca, e anunciada pola súa titular o pasado venres no Parlamento, de garantir o acceso a unha xubilación digna das mariscadoras galegas que non cotizaran o suficiente, unhas 2.500 en toda Galicia.

Para Agamar, agora é o momento de que esta Consellería se dirixa ás asociacións que representan a estas traballadoras para analizar as mellores fórmulas, as máis axeitadas e que garantan que todas as afectadas poidan acceder á pensión de xubilación en condicións dignas.

Inicialmente, a conselleira non concretou estas fórmulas pero apuntou a planos de xubilación, dende Agamar tamén se aposta pola fórmula dos Expedientes de Regulación de Emprego (ERE) como procedemento para solucionar o problema destas mariscadoras, como xa se ten feito noutros sectores.

Lembrar que foi Agamar a asociación que ao longo do tempo viu denunciando esta situación. Moitas mariscadoras de a pe de toda Galicia chegan aos 65 anos de idade e ven como Pesca lle denega o Permex pero tampouco se lle aproba a pensión de xubilación por non ter o período mínimo de carencia na cotización, fixado na lexislación nos 15 anos.

Asemade, é imposible que unha mariscadora que teña agora os 65 ano cumpra os requisitos de carencia mínima, ao menos, ata o ano 2010, porque só a partir de 1995 se lle permitiu a alta no Réxime Especial de Traballadores do Mar (RETM) e, polo tanto, comezar a cotización.

Ata este momento traballaban como mariscadoras co “carné de mariscador en man” e sen que a lexislación específica en materia de seguridade social lles permitise darse de alta no RETM, dotarse da cobertura legal de prestacións e cotizar durante o desempeño das súas labores. A isto hai que engadir que ata ben entrado o ano 2000 a Consellería de Pesca non esixe darse de alta no RETM para a obtención do Permex.

Agamar, 2006-11-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES