Notas de prensa

Touriño e o ministro de Ciencia de Portugal acordan incrementar a cooperación científica entre ambos territorios

O presidente do Goberno galego inaugurou en Vigo a IV Mostra Portuguesa na nosa comunidade.

O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño e o ministro de Ciencia, Tecnoloxía e Ensino Superior de Portugal, José Mariano Gago, acordaron incrementar a cooperación científica entre ambos territorios. Así o manifestaron en Vigo logo de manter un encontro e durante a inauguración da IV Mostra Portuguesa en Galicia, na que tamén participou a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón.

O ministro portugués e o presidente da Xunta amosaron a súa disposición a abrir un camiño de colaboración entre Galicia e Portugal en materia científica co obxectivo de levar ao vindeiro Cumio Hispano-Luso que se celebra en Badaxoz o 25 de novembro unha proposta conxunta nesta materia.

Posgraos comúns

Do mesmo xeito, ambos mandatarios coincidiron en que a creación do Espazo Europeo de Ensino Superior abre novas posibilidades de cooperación, e en especial entre España e Portugal. Por iso acordaron a realización de posgraos e masters entre universidades portuguesas e galegas.

De feito, segundo quedou posto de manifesto trala reunión ente ambos mandatarios poranse en marcha no curso 2007-2008 títulos de master baseados nunha oferta de módulos cuadrimestrais das universidades portuguesas e galegas participantes no proxecto. Neste sentido, como proxectos piloto, propóñense un master en Nanotecnoloxías (soportado no Centro de Investigación Luso-Galego de Braga) e outro en Oceanografía e Ciencias do Mar.

A xuntanza entre Pérez Touriño e José Mariano Gago deulle o impulso definitivo a ese proxecto, e a partir de aquí un grupo de investigadores comezará a traballar no deseño desta oferta. As intencións dos dous Gobernos pasan por afrontar os gastos de mobilidade dos estudantes que viaxen a Portugal e a Galicia.

Laboratorio Internacional de Nanotecnoloxía

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño referiuse ao Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga, que nace precisamente coa vocación de converterse “nun centro singular de excelencia, referente da comunidade científica internacional e que sirva de estímulo ás comunidades científicas portuguesas e españolas, facilitando as súas investigacións e a interacción coa comunidade científica internacional”

Segundo explicou Pérez Touriño, este Laboratorio aumentará as posibilidades de innovación da Eurorrexión e facilitará a implantación de empresas innovadoras. “Galicia ten unha Rede de Nanotecnoloxía con investigadores de calidade nas Universidades de Vigo, Santiago e A Coruña. Existen tamén grupos de calidade en diversas Universidades portuguesas. Dende o Goberno Galego dedicaremos especial atención a potenciar a interacción entre estes grupos en conexión co Laboratorio de Braga”, salientou Pérez Touriño, quen valorou o “exemplo de colaboración entre dous países e de cooperación transfronteiriza” que supón este centro.

Pola súa banda, o ministro de Ciencia portugués salientou a necesidade de que este proxecto de cooperación “funcione e demostre a capacidade de creación de institucións científicas na propia Península Ibérica”.

Aposta pola I+D+I

Na súa intervención o presidente e da Xunta salientou a aposta decidida do Goberno galego pola I+D+I como clave principal da competitividade e o desenvolvemento socioeconómico de Galicia, razón pola que os orzamentos galegos para o 2007 incrementan os recursos deste capítulo nun 25,3 por cento ata acadar os 119,.2 millóns de euros.

Pérez Touriño sostivo que a capacidade para xerar novos coñecementos, tecnoloxía e innovación é unhas das “claves principais” da súa competitividade e do seu desenvolvemento socioeconómico e cultural. Por esta razón, o Goberno galego esta a facer o maior esforzo orzamentario que nunca si fixo en Galicia en materia de I+D+i, co obxectivo de reducir a fenda que nos separa de España e de Europa, de xeito que ao remate da lexislatura Galicia acade o 1,5% do seu PIB destinado a este capítulo. Este compromiso, engadiu, corrobórase nos presupostos da Xunta, que nos últimos dous anos incrementaron os recursos en I+D+i nun 63%.

“O novo Plan Galego de I+D+i contempla unha previsión orzamentaria de 800 millóns de euros de gasto público. A importancia destes presupostos apreciámola se consideramos que no período 2001-2005 os orzamentos aplicados non chegaron aos 400 millóns”, puntualizou o presidente, quen revelou que coas 119,2 millóns que se destinarán o vindeiro ano se poderán impulsar 2.850 proxectos de I+D+i.

Este plan, ao que definiu como “aposta estratéxica pola excelencia científica, a articulación público-privada e a innovación competitiva”, permitirá ademais que Galicia duplica o seu número de investigadores en catro anos, ata chegar a 10.000.

A este respecto, indicou que as universidades están a formar persoal investigador de calidade pero non son quen de incorporalos ao ámbito académico ou empresarial. Por iso, o programa de recursos humanos é prioritario no novo plan de I+D+i, ao recibir unha achega de 200 millóns de euros para lograr consolidar os postos de traballo, “incentivando a súa integración estable dentro do Sistema Galego de I+D+i”.

A maiores deste programa, o presidente tamén lembrou a posta en marcha do programa de consolidación, cuxo obxectivo é a creación de novos espazos organizativos que propicien a integración de capacidade e a especialización das unidades científicas de excelencia, “na procura do desenvolvemento eficiente dunha ciencia de calidade e xeradora de valor social e económico”.

Rede de Centros de Investigación

Así mesmo, informou que o Goberno galego está a artellar unha Rede de Centros de Referencia en Investigación –para o que se asinou un convenio co Ministerio de Educación- que permitirán “potenciar” a presenza de Galicia na ciencia española e europea, ao tempo que “xerar obxectivos e resultados capaces de mobilizar novas iniciativas económicas”. O presidente fixo fincapé en que un dos catro centros estará radicado en Vigo: trátase do Centro de Investigación e Tecnoloxía Mariña do Atlántico, que se creará dentro do proxecto da Cidade do Mar, que verá a luz no vindeiro ano. “Unha unidade interdisciplinar de investigación de excelencia” que , segundo Touriño, “integrará as capacidades científicas “máis competitivas de Galicia” no ámbito do Instituto de Investigacións Mariñas, as universidades e outras entidades públicas de investigación.

Pérez Touriño incidiu na necesidade de impulsar a colaboración entre o administracións, universidades e empresas en materia de I+D+i. Dentro destas iniciativas, significou dúas que terán “clara influencia directa” en Vigo. A primeira é o Centro de Electrónica Avanzada para Vehículos Intelixentes, unha estrutura tecnolóxica singular vinculada ao clúster da automoción, “con vocación de referencia internacional” e que persegue “enraizar a innovación e I+D neste sector”.

A segunda é o Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, que entrará en funcionamento a principios de 2007 e no que confluirán empresas de software, operadores, empresas de audiovisual. Estes centros tecnolóxicos conxugarán a participación das empresas, as administracións e os organismos públicos e privados de investigación.

NotaO presidente tamén avogou por seguir apostando pola ciencia básica pois, como indicou “non sabemos o que pode xurdir e as tecnoloxías que poden emerxer nos vindeiros anos, por iso é indispensable estar preto da investigación punteira”

Ponencias e debates

Na xornada participaron coñecidos científicos portugueses e galegos como Mª José Alonso, vicerreitora de Investigación e Innovación da USC; Paulo Freitas, director do INSEC de Lisboa e José Rivas, futuro director do Laboratorio Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía que coincidiron en que a nanotecnoloxía suporá numerosos avances para moitas industrias, novos materiais con propiedades extraordinarias e novas aplicacións informáticas.

Para estes científicos a nanotecnoloxía e o coñecemento dos procesos biolóxicos, químicos e físicos a nivel molecular, convertiranse nunha das revolucións científicas máis importantes para a humanidade e aseguran que esta disciplina fará posible, ao longo das dúas próximas décadas, obter potenciais avances que agora parecen de ciencia ficción.

Ao final da xornada desenvolveuse un debate entre distintos científicos entre os que se atopaban Rui Dias, do departamento de Geociencias da Universidade de Évora, Ángel Rodríguez de Lera, catedrático de Química Orgánica da Universidade de Vigo ou Rosalía Vargas, directora de Ciencia Viva-Axencia Nacional para a Cultura Científica e Tecnológica de Portugal, sobre os libros que marcaron a vida e a súa e elección profesional.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (carlos-nunez-2025.jpg) Os Concertos do Xacobeo achegan a arte de Carlos Núñez, considerado como un dos mellores gaiteiros do mundo, ás Ermidas coa súa nova e singular xira 'Lugares Máxicos 2025'. O artista actuará no marco incomparable do Adro do Santuario da localidade ourensá o xoves, 17 de xullo, contra ás 20,00 horas. Os Concertos do Xacobeo danlle tamén cobertura a outras oito citas do músico este verán noutros escenarios únicos como Baiona, Ribadeo, Vilanova de Arousa, Salvaterra de Miño, Boqueixón, Marín, Sober e Sobrado.
Foto de la tercera plana (enfermidades-raras.jpg) O Consello aprobou hoxe a Estratexia Galega de Enfermidades Raras 2025-2030 na que se van investir 400 millóns de euros e que vai reforzar os servizos de rehabilitación e ampliar o cribado neonatal. O obxectivo é desenvolver un conxunto de actuacións que teñen por obxectivo mellorar a calidade de vida destes pacientes que sofren este tipo de doenzas durante os próximos cinco anos. Unha das principais novidades será a avaliación de resultados en saúde para medir a calidade de vida, as funcionalidades recuperadas, a autonomía ou a redución da dor e dos síntomas, con cada un dos tratamentos.

Notas

No contexto do Ano Castelao 2025, o proxecto expositivo 'Traxes e cores de Galiza. A identidade nacional na plástica de Castelao' que dende este luns e ata o 30 de agosto se pode visitar no Colexio de Fonseca propón amosar a rica e importante presenza da indumentaria tradicional na obra pictórica e gráfica de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Conectar os sectores agrícola e espacial, promovendo o uso de tecnoloxías do ámbito espacial en zonas rurais como ferramentas para a innovación e a resiliencia fronte ao cambio climático é o obxectivo do proxecto europeo AgroSpace, no que participan 12 entidades, entre elas a UVigo, coordinadas polo catedrático Jesús Simal Gándara.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES