O xurado do Premio Humanitas, dedicado a accións solidarias e convocado polo Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC), decidiu recoñecer o labor de Carlos Martínez Uzal, creador en 1995 da Asociación Itinera que, en calidade de técnico de Voluntariado, se encarga da coordinación e xestión dos seus programas dirixidos a todas as persoas que sofren trastornos mentais severos e persistentes.
A Insignia de Prata da AAAAUSC e o premio en metálico de 2.000 euros seralle entregado a Carlos Martínez, que durante unha década colaborou na Oficina de Voluntariado da USC que propuxo a súa candidatura, nunha cerimonia pública que se celebrará en datas posteriores.
O xurado reunido na sede do Consello Social estivo formado polo presidente do Consello Social da USC, Manuel Puga Pereira; Emilio Crespo Correa como voceiro do Consello Social; o presidente da AAAAUSC, Perfecto Yebra Martul-Ortega; o secretario desta, Santiago Amor Barreiro; e o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José M. Mayán Santos.
Os membros do xurado quixeron tamén recoñecer o labor social comprometido das outras dúas candidaturas presentadas. Por unha banda, destacaron o traballo de Mónica Domínguez Pena, delegada para Galicia de Coopera (Mozos para a Cooperación Internacional ao Desenvolvemento) e encargada de coordinar o campo de traballo en Angola, que ademais organizou por segundo ano consecutivo en Santiago a Olimpíada Solidaria de 2005. Por outra, o xurado destacou o importante esforzo de Pilar Astray Sanmartín, tesoureira de Abagal (Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia).
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.