Notas de prensa

Vicepresidencia colabora con Feafes-Galicia nun programa de actividades diarias e atención a domicilio no rural para persoas dependentes con trastorno mental

Anxo Quintana asinou o convenio coa Federación de Asociacións de Familiares de Enfermos Mentais de Galicia.

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, rubricou un convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galiza (FEAFES-GALICIA) mediante o que se desenvolve un programa de fomento das actividades da vida diaria e da atención a domicilio no medio rural para persoas dependentes con trastorno mental grave.

En virtude deste convenio, a Vicepresidencia e o Ministerio de Traballo e Asuntos sociais cofinancian con 450.000 euros este programa, dentro das actuacións conxuntas entre ambas institucións previas á entrada en vigor da Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia.

O obxectivo desta iniciativa é contribuír a que as persoas dependentes con trastorno mental grave acaden un maior grao de independencia para realizar as actividades básicas, instrumentalizadas e avanzadas da vida diaria, permitíndolles conseguir unha vida o máis autónoma e normalizada posible. Tamén se pretende facilitar que estas persoas poidan permanecer no seu entorno comunitario cunha calidade de vida digna, promovendo a súa inclusión social e formando ás familias sobre as características da súa enfermidade para mellorar a función terapéutica e coidadora que están desenvolvendo.

Por outra banda, quérese achegar a axuda e atención a aquelas persoas en situación de dependencia que por mor do illamento ou características especiais do seu lugar de residencia non poden acceder aos servizos de apoio comunitarios.

O programa derivado do convenio de colaboración implica, en primeiro lugar a realización dun estudio individualizado de cada caso. A partir disto, organízanse talleres de coidados persoais e de atención das necesidades do fogar, como cociña básica e limpeza doméstica. Tamén se fomentan as habilidades sociais, de ocio e tempo libre, e o coñecemento básico de formación e emprego para contribuír a unha maior e máis efectiva integración social.

Esta colaboración entre Vicepresidencia e FEAFES-GALICIA nace da loita por defender os dereitos e necesidades das persoas que sofren trastornos mentais, así coma dos seus familiares. Deste xeito, benefícianse do programa 150 persoas con discapacidade de toda Galiza, e podería chegar tamén a 280 coidadores informais ou familiares.

O que persigue FEAFES-GALICIA nas 14 asociacións coas que conta por toda a xeografía galega é que os seus máis de 4.000 membros con discapacidade acaden unha autonomía persoal e independencia maiores para conseguir que gocen dunha vida autónoma e normalizada. Neste senso traballa tamén a Vicepresidencia da Xunta, co obxectivo de acadar unha total integración social dos discapacitados que sufran un trastorno mental grave, obxecto para o cal se pon en marcha o programa de fomento das actividades da vida diaria e da atención social a domicilio no medio rural para estas persoas.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-10-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES