
O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou que o Goberno que preside destinará o vindeiro ano 2007 un total de dez millóns de euros destinados a promover a integración laboral de persoas con discapacidade. O máximo mandatario galego así o sinalou durante a visita que realizou ao Centro Especial de Emprego de Trameve, destinado á venda de compoñentes de vehículos e que ten como obxectivo prioritario favorecer a integración laboral de persoas con discapacidade. Durante o percorrido por Trameve, o presidente da Xunta estivo acompañado polo conselleiro de Traballo, Ricardo Varela.
Nos orzamentos de 2007 hai un total de 10 millóns de euros destinados a esta finalidade, indicou Pérez Touriño, comprometendo ademais que a Xunta seguirá a traballar nesta liña. No ano 2006 os programas para a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego contaron cun orzamento de 6.600.000 euros e no vindeiro exercicio, no ano 2007, o orzamento nesta materia ascende aos 7.500.000 euros, aos que hai que sumar outros 2,5 millóns destinados a actividades complementarias.
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico sinalou que o obxectivo é que o vindeiro ano estea en pleno funcionamento unha rede de centros especiais de emprego. Serán un total de 100, que se potenciarán ata ofrecer traballo a preto de 1.400 persoas.
Liñas de actuación para a integración dos discapacitados
O presidente da Xunta lembrou ademais, que unha prioridade da acción de Goberno consiste precisamente en dar as máximas posibilidades e conseguir a máxima capacidade de integración das persoas que teñen algún tipo de discapacidade, integración en todos os campos pero, fundamentalmente, no que ten que ver co mundo laboral.
Por iso o Goberno galego está a traballar nunha tripla dirección para a inserción no mundo laboral das persoas que padecen algún tipo de discapacidade: tratando de buscar un itinerario personalizado e realizando un seguimento directo das persoas con discapacidade para procurar a súa integración directa ao mundo laboral; impulsando o autoemprego; ou ben a través dos centros especiais de protección de emprego, como o visitado hoxe polo presidente galego.
Referíndose concretamente aos centros especiais de emprego, Pérez Touriño lembrou a súa función de tránsito e de ponte para buscar a incorporación plena no mundo laboral das persoas con discapacidade.
Así mesmo, o titular da Xunta aproveitou a súa visita ao centro de Trameve para facer un chamamento á colaboración de toda a sociedade para facer ese esforzo na dirección positiva de garantir a integración dos que padecen algunha discapacidade, algo que considerou esencial.
Vitalidade do mercado de traballo
En declaracións aos medios de comunicación, o máximo mandatario autonómico tamén valorou positivamente, a vitalidade do mercado de traballo galego. A este respecto sinalou que os últimos datos da Epa verifican que hai un empuxe importante no mercado de traballo de Galicia, unha dinámica positiva. Segundo a Enquisa de Poboación Activa, Galicia é a Comunidade de España onde se ten achegado máis na creación de emprego e no crecemento de actividade e onde se ten reducido a taxa de paro de forma moi significativa xa que, segundo remarcou Pérez Touriño, por primeira vez en 25 anos estamos por debaixo da cifra dos 100.000 parados e a taxa de paro está por baixo da taxa española.
Emilio Pérez Touriño salientou a necesidade de seguir traballando nesta dirección, amosándose confiado en que no vindeiro ano 2007 sexa tamén un ano moi importante para Galicia en termos de crecemento de emprego e diminución do paro.
Centro de Trameve
O Centro Especial de Emprego Trameve, visitado hoxe polo mandatario galego e promovido pola Confederación Galega de Minusválidos (COGAMI), está dedicado á recuperación de vehículos con destino á venda e desguace ecolóxico de automóbiles. O obxectivo do centro é a venta dos compoñentes dos vehículos e, ao mesmo tempo, a integración laboral de persoas con discapacidade.
O labor destes traballadores céntrase en someter aos vehículos a un proceso de descontaminación, segundo estipula a normativa europea en materia de protección do medio ambiente. Deste xeito, o cadro de persoal de Trameve encárgase de retirar aceites, valvulinas, baterías, líquidos de refrixeración, combustibles e todo aquilo que sexa contaminante.
No ano 2002, data na que comeza a súa actividade, o centro ten un cadro de persoal formado por 9 persoas, mentres que no ano 2005 o seu cadro de persoal aumentou máis dun 40%, ao estar formado por 17 traballadores.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.