O director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, asegurou no Parlamento que para executar unha verdadeira política de xuventude é necesario un marco normativo propio, capaz de garantir a transversalidade das medidas a adoptar polos diferentes departamentos. Cela engadiu que o Goberno traballa de cheo na futura Lei da Mocidade Galega, que prevé ter en funcionamento a finais do vindeiro ano, tras sometela a un profundo traballo de achegas e acordos con todos os sectores implicados. Rubén Cela respondeu deste xeito a unha pregunta do grupo parlamentar popular sobre a posición da actual Xunta con respecto a ao Plan Estratéxico de Xuventude 2004-2007.
Cela explicou que o actual Goberno galego non está guiando as súas políticas xuvenís por este Plan, deseñado polo anterior Executivo, porque se trataba unicamente dunha recompilación de medidas dispersas, realizadas polos diferentes departamentos, usada cunha evidente función propagandística en vésperas dunhas eleccións. Cela aclarou que isto non significa que o Goberno galego estea en contra de moitas das medidas que o Plan recollía, pero expuxo que en ningún caso se tratou dun plan participativo, global e transversal, non foi un verdadeiro plan de xuventude. O director xeral considera que para aplicar unha verdadeira política xuvenil non é suficiente cun Plan así, senón que é imprescindible un marco normativo amplo, mediante o que desenvolver logo plans plurianuais.
Rubén Cela insistiu en que a futura lei de xuventude terá que garantir os dereitos da mocidade galega, e en calquera caso, na súa elaboración teñen que implicarse de xeito claro todas as institucións públicas, a mocidade -tanto a asociada como a que non-, o consello de xuventude, os axentes sociais, os sectores relacionados co mundo xuvenil, e en xeral, todo o conxunto da sociedade.
Participación
O director xeral de Xuventude reiterou, polo tanto, que a participación será e foi dende o principio unha das premisas básicas da Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Lembrou a súa firma convicción de que calquera política xuvenil deseñada de costas á mocidade está condenada ao fracaso antes de se executar, e criticou que iso é o que pasou co Plan Estratéxico 2004-2007.
Fronte a esta falta de participación dos mozos e mozas, Rubén Cela asegurou que o Executivo de agora -mediante a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade- está facendo as cousas doutro xeito, fomentando, en primeiro lugar, unha verdadeira participación e implicación dos máis novos, e iso é o que se pretende seguir facendo coa elaboración da futura Lei de Xuventude. Cela puxo diversos exemplos da aposta da actual Administración pola implicación dos máis novos, como o encontro a nivel Galiza que tivo lugar en Santiago, tan só dous meses despois de acceder ao goberno, no que participaron máis de 100 entidades e no que se debateu e se concluíu sobre as liñas xerais de actuación de Xuventude. Engadiu que a este gran encontro o seguiron outros dezaseis encontros polas catro provinciais, onde todos os asistentes participaron no deseño da orde de subvencións dirixida ás asociacións xuvenís. En canto ao voluntariado, a participación está sendo outra das prioridades, segundo Cela, e iso viuse tamén nos encontros para avanzar no Plan Galego de Voluntariado 2006-2010 ou no Congreso sobre Voluntariado.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.