Salustiano Mato de la Iglesia, director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Xunta de Galicia e conselleiro-delegado do Parque Tecnolóxico de Galicia (PTG), anunciou en rolda de prensa a instalación de dúas novas infraestruturas científico-tecnolóxicas na Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense). Entre as dúas suporán un investimento de 4,2 millóns de euros 3,2 millóns para a lanzadeira e 1 millón para o centro de enerxías renovables-.
Ambas iniciativas veñen de recibir o respaldo económico do Ministerio de Educación e Ciencia, a través do Plan Nacional de Investigación Científica, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. O Ministerio concederá un crédito reembolsable do 75% para a construción da incubadora e do 85% para o centro de experimentación. Na rolda de prensa estiveron presentes tamén o delegado da Consellería de Innovación e Industria en Ourense, Xosé Antón Jardón, e o director-xerente do PTG, Ricardo Capilla.
UN CENTRO PARA PROBAR AS INNOVACIÓNS NO EIDO DAS ENERXÍAS RENOVABLES
As empresas galegas do sector das enerxías limpas terán a mediados do vindeiro ano un banco de probas no que testar as súas innovacións, así o anuncio Salustiano Mato de la Iglesia. É o Centro de Experimentación en Enerxías Renovables que vai construír a Tecnópole no seu recinto de San Cibrao das Viñas, en Ourense.
O novo centro de experimentación está pensado para que as empresas galegas que desenvolven a súa actividade en relación coa xeración de electricidade a partir da enerxía eólica e solar fotovoltaica poidan realizar probas e validacións dos seus novos produtos.
As instalacións que prestarán apoio ao sector empresarial a partir de xuño de 2007 permitirán testar a eficacia e a eficiencia de novos equipamentos aos fabricantes de aeroxeradores, pas, paneis, captadores solares e os restantes compoñentes de carácter tecnolóxico que forman parte das instalacións de enerxía eólica e solar.
O principal obxectivo do novo centro é contribuír a consolidar a posición de liderado que Galiza ten na produción de enerxía eólica e optimizar a relativa á da enerxía solar fotovoltaica, que non se corresponde coa potencialidade que presenta o territorio.
POTENCIA, VERSATILIDADE E POTENCIALIDADE
O centro dividirase en dúas seccións, unha orientada á enerxía eólica e outra á solar. O equipamento que se instalará na primeira delas consistirá nun aeroxerador de probas que terá a suficiente versatilidade para incorporar novos modelos de pas e equipos complementarios cos que realizar probas e verificacións técnicas. A sección de enerxía solar fotovoltaica disporá dunha instalación conectada á rede eléctrica cunha potencia de 99,9 quilowatts (kW) na que as empresas do sector poderán realizar probas, sobre todo no referente a novos compoñentes, fundamentalmente paneis solares e inversores.
Galiza lidera a xeración de enerxía eléctrica de orixe eólica no país, con 2700 megawatts (MW) de potencia instalada, o que supón cerca da cuarta parte de toda a que se produce en todo o Estado. Tendo en conta que só Alemaña supera a España no desenvolvemento da produción a nivel mundial de enerxía obtida a partir da forza do vento, o papel de Galiza e a súa potencialidade son claros de cara ao futuro. Pola contra, a presenza de instalacións de enerxía solar fotovoltaica en Galiza é moi reducida, limitándose a 0,506 MW sobre o total de 37 que existen en todo o Estado español. Neste sector volve ser Alemaña a que lidera, esta vez de maneira contundente co 70% do total da Unión Europea, a potencia instalada.
O diferencial de potencial produtivo instalado entre España e Alemaña é, non obstante, totalmente incoherente co nivel medio de irradiación solar que reciben cada un dos dous países, polo que a capacidade de crecemento é moito máis favorable no caso de España. O Centro de Experimentación en Enerxías Renovables da Tecnópole contribuirá, polo tanto, a asentar a situación de Galiza nos postos de cabeza na produción de enerxía eólica e a aproveitar as potencialidades que presenta para avanzar na de enerxía solar fotovoltaica.
INCUBADORA CON SERVIZOS DE LABORATORIO PARA EMPRESAS BIOTECNOLÓXICAS
Así mesmo, a Tecnópole porá en marcha nos próximos meses unha incubadora para empresas biotecnolóxicas que lles permitirá aos emprendedores galegos do sector iniciar a súa actividade nun contorno que non só suporá un espazo físico para instalar as súas oficinas, senón tamén o acceso a infraestruturas de laboratorio especializadas para desenvolver os seus proxectos de investigación.
Desta maneira, o Parque Tecnolóxico de Galicia dá un paso máis no ámbito do seu esforzo por apoiar as iniciativas relacionadas coa I+D, construíndo as súas primeiras instalacións orientadas especificamente a desenvolver este tipo de proxectos.
A Lanzadeira de empresas biotecnolóxicas que se situará no concello ourensán de San Cibrao das Viñas será dotada de todos os equipamentos científicos e tecnolóxicos necesarios para que os galegos interesados en pór en marcha unha empresa biotecnolóxica poidan desenvolver as súas investigacións e comprobar a viabilidade técnica dos seus produtos e servizos.
Nestes laboratorios de uso común para as empresas que se instalen na lanzadeira radica o verdadeiro sentido da iniciativa, xa que a adquisición dos equipamentos de investigación son a maior traba económica para a posta en marcha e a prosperidade das empresas biotecnolóxicas.
As empresas relacionadas coas ciencias da vida teñen na I+D a súa base fundamental, polo que os responsables do Parque Tecnolóxico de Galicia proxectaron unha incubadora na que os emprendedores poidan dedicar o groso dos seus esforzos ao desenvolvemento dos seus novos servizos e produtos, no lugar de traballar condicionados polas limitacións económicas e administrativas.
Neste sentido, ademais de pór a disposición dos novos empresarios os equipamentos científico-tecnolóxicos que precisan para levar a cabo a súa actividade, a lanzadeira contará con servizos centralizados de márketing, financeiros e comerciais.
Con estas infraestruturas e servizos de apoio preténdese eliminar as principais barreiras coas que se atopan os emprendedores do sector da biotecnoloxía. Os equipamentos tecnolóxicos dos laboratorios e a xestión profesionalizada supoñen custos moi difíciles de asumir de forma individual, ao que se suma a dificultade de atopar financiamento externo para facerlles fronte por tratarse dun sector que, coma todos os tecnolóxicos, presenta un elevado nivel de risco.
Dado que as empresas biotecnolóxicas que son capaces de levar a cabo liñas de investigación solventes presentan unha elevada capacidade para xerar ingresos e emprego, a Tecnópole decidiu buscar a maneira de prestar servizos comúns para darlles soporte ata o seu despegue.
RISCOS MÍNIMOS
A finalidade da lanzadeira é que as empresas que arranquen grazas a ela poidan dirixirse ao mercado con produtos e servizos tecnoloxicamente solventes e, polo tanto, cos riscos asociados á súa industrialización reducidos ao mínimo.
A porcentaxe de fracaso das empresas biotecnolóxicas durante a súa primeira etapa de vida é moi elevada, xa que ascende ao 90%. Isto significa que só unha de cada dez iniciativas empresariais do sector chegan a prosperar. A iniciativa da Tecnópole permitirá reducir este índice ao 15%, de maneira que o risco de que a idea non chegue a ser negocio será un 75% por debaixo da media para as empresas que se instalen na lanzadeira.
DA SANIDADE Á ESTÉTICA
Na actualidade só están rexistradas en Galiza unha ducia de empresas especificamente dedicadas á biotecnoloxía. Os promotores da lanzadeira prevén que entre 15 e 20 emprendedores poidan iniciar a súa actividade nela e neste momento xa son 12 as solicitudes para facelo, polo que, como mínimo, e contando cunha alta porcentaxe de éxito, o parque de empresas biotecnolóxicas en Galiza quedará duplicado en pouco tempo.
Os promotores da iniciativa prevén recrutar a maior parte dos emprendedores na Universidade e nas empresas que operan en ámbitos afíns á biotecnoloxía.
O subsector no que se concentrará o esforzo para a captación de iniciativas emprendedoras será o das solucións terapéuticas e de diagnose para algunhas das enfermidades máis comúns, aínda que tamén se buscarán novas empresas que se dediquen a desenvolver alimentos funcionais que poidan contribuír a previr doenzas- e proxectos relacionados co coidado estético.