Notas de prensa

Agamar demanda á Consellería de Pesca que afronte o problema do marisqueo coa maior celeridade posible

Urxe o desenvolvemento dos proxectos colectivos recollidos dende xaneiro nunha orde de Pesca para traballar na creación de semilleiros para a ameixa (Hatchery) que permitan repoboar as costas afectadas.

A Asociación Galega de Mariscadoras/es (Agamar), tras un seguimento intensivo e constante da problemática xurdida nos
bancos marisqueiros a causa das riadas e ás fortes choivas destes últimos días, considera que chegou o momento de que a Consellería de Pesca afronte este problema coa maior celeridade posible en todo o relativo á recuperación das zonas afectadas e na concesión de axudas económicas para as mariscadoras.

Ata o momento, Agamar agardou por unha análise reflexiva de todo o acontecido para coñecer con datos obxectivos, unha vez transcorridos os feitos, as consecuencias das choivas, basicamente a falta de salinidade das augas que afecta
directamente ao marisco, alterando o seu hábitat natural. Tamén incidiu negativamente a chegada de lodos procedentes de riadas, agravado isto, por conter cinza a causa da queima dos montes galegos este verán. Todo isto conflúe para que o marisco perda forza e morra.

Pero agora si é o momento de afrontar o problema e, para que as
consecuencias para o sector, que se enfronta á campaña de nadal, sexan as menores posibles, Pesca ten que seguir incidindo na rápida e continuada limpeza e abrir liñas de compensación económica suficientes para as afectadas.

Asemade, dende Agamar apúntase que urxe o desenvolvemento dos proxectos colectivos para o marisqueo, contidos nunha orde do mes de xaneiro da propia Consellería de Pesca, que prevén traballar na apertura de semilleiros de ameixa (Hatchery) co fin de garantir o material necesario para a recuperación das zonas
afectadas, imprescindible para facer fronte e asumir catástrofes como esta.

Asociación Galega de Mariscadoras (Agamar), 2006-10-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES