
O director xeral de Comunicación Audiovisual da Xunta de Galicia, Manuel José Fernández Iglesias, explicou na comisión 4ª do Parlamento que o departamento que dirixe incrementou nun 10% as axudas para festivais e demostracións cinematográficas en Galicia. Ademais, anunciou o seu compromiso de aumentar por riba do incremento xeral do presuposto do departamento as achegas a festivais.
Fernández Iglesias destacou ademais que coa chegada do novo Goberno á Xunta as achegas aos festivais se comezaron a regular mediante unha convocatoria pública de axudas, publicada no DOG, en concorrencia competitiva, desbotando o anterior modelo que operaba de xeito arbitrario, sen basearse en ningún tipo de estratexia ou criterio de tipo técnico.
En canto ao modelo de financiamento do seu departamento, Fernández Iglesias quixo deixar claro que as actuacións da Secretaría Xeral de Comunicación a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual non tiveron en conta xamais a cor política de ningún concello e que todas as actuacións levadas a cabo responden a criterios públicos e notorios.
Apoio ao Festival de Cine de Ourense
En canto ao Festival de Cine Independente de Ourense, o director xeral de Comunicación Audiovisual manifestou que a Xunta mantén o seu apoio ao evento mediante a achega de 70.000 euros por parte da Secretaría Xeral de Comunicación e de 20.000 da Consellería de Cultura e Deporte, tal e como lle transmitiron en conversas mantidas co departamento que dirixe Ánxela Bugallo. Ista cifra constitúe un aporte maior ao que recibiu nunca o festival por parte da administración pública galega, destacou. Así, sinalou que o compromiso co festival de Ourense sobe en termos económicos dos 72.000 aos 90.000 euros no ano 2006. Tal e como indicou Fernández Iglesias, a axuda ao festival non só non se reduciu, senón que aumentou de xeito considerable.
Neste sentido, Fernández Iglesias explicou que o apoio aos festivais se artella mediante unha convocatoria pública de axudas co cal as cantidades dedicadas ao festival de Cine de Ourense dependerán unicamente do modelo de festival e da súa relación co resto de festivais e mostras de Galicia, nun contexto de concorrencia competitiva e pública.
Así, explicou que o Festival de Cine de Ourense concorrerá na convocatoria pública de axudas ao igual que o resto de festivais. Se ben, sinalou que o festival de Cine de Ourense posiblemente se faga acredor da mellor axuda posible, porque presentará unha unha aposta que lle permita acadar unha mellor puntuación e, polo tanto, un maior financiamento.
Apoio ás actividades culturais
O director xeral de Comunicación Audiovisual manifestou o apoio ás actividades culturais e cinematográficas do departamento que dirixe baseado na importancia que posúen os festivais e mostras no sector audiovisual, como actos públicos das producións audiovisuais e o relevante efecto divulgativo que producen.
En canto ao apoio do cine no noso país, explicou que as tres grandes liñas que guian a promoción e difusión do audiovisual galego se centran na formación, difusión e comercialización. No eido formativo favorecerase a experiencia técnica; a difusión potenciará o apoio ás estreas; e a comercialización facilitará ao acceso ao mercado das producións galegas.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.