Notas de prensa

Pérez Touriño remarca que o Plan Valora nace co dobre obxectivo de poñer en valor a educación e promover entre os máis novos a cultura democrática

O titular do Goberno galego presentou en Santiago este programa encamiñado á educación nos grandes valores democráticos.

O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, presidiu o acto de presentación do Plan Valora, “un plan integral, ambicioso, cheo de novas ilusións que se entrelazan arredor dun proxecto común de futuro: a educación para a cidadanía democrática”.

Trátase dun proxecto que, segundo sinalou o máximo mandatario galego, xa na definición do seu nome, “recolle as súas dúas intencións principais”: poñer en valor a educación, instando a que o alumnado, as familias e a sociedade no seu conxunto valoren o feito educativo e a súa capacidade transformadora das realidades sociais; e actualizar nos centros educativos o compromiso coa cultura democrática, entendida como conxunto de valores que constitúen a base da educación integral da cidadanía.

Na presentación do novo plan, na que tamén participou a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, o presidente do Goberno galego referiuse á necesidade de fomentar os valores democráticos como a responsabilidade, a xustiza, o diálogo, a solidariedade, a autoestima, a sinceridade, a confianza, a paz, a cooperación, a creatividade ou a protección ambiental.

Valores “positivos”, en palabras de Pérez Touriño, sobre os que se fundamenta a vida digna e a convivencia democrática que forman parte dun proxecto colectivo e que requiren “necesariamente” da implicación e colaboración de todos os axentes da comunidade educativa.

Implicación dos departamentos autonómicos

O máximo mandatario autonómico lembrou, a este respecto, que o Goberno que preside entende como “clave para a educación do futuro” apostar por aprendizaxes innovadores que incorporen ao proceso educativo a formación en actitudes e valores. De feito, segundo remarcou, o Plan Valora aglutina este espírito innovador, atendendo a todas as recomendacións de organismos internacionais, e por iso sete dos departamentos autonómicos se incorporan ao desenvolvemento desta iniciativa.

“Sen dúbida –engadiu Pérez Touriño-, trátase dunha liña de innovación educativa que se configura arredor de diversos ámbitos: a educación para a igualdade de homes e mulleres; a convivencia, cidadanía e cultura de paz; a interculturalidade; o medio ambiente e desenvolvemento sustentable; a educación viaria; o consumo responsable; o lecer; a saúde; e o medio mariño”.

Modelo escolar diversificado, flexible e comprensivo

Segundo explicou o mandatario galego, a esencia do Plan Valora é camiñar cara un modelo escolar “diversificado, flexible e comprensivo”, de aí a posta en marcha de diversas liñas de actuación.

A primeira delas, refírese á convocatoria de proxectos de innovación educativa, proxectos que fomenten, desde a óptica da educación para a convivencia e a paz, a formación en valores democráticos na vida diaria dos centros educativos. A este respecto, Pérez Touriño lembrou que recentemente a Xunta publicou a orde de convocatoria para 78 premios a proxectos de innovación en materia de educación en valores en centros públicos de niveis non universitarios.

Xunto a esta actuación, poranse en marcha outras como a creación dun espazo específico no portal educativo da Consellería de Educación dedicado á educación en valores democráticos; a potenciación da publicación Saudiña, que se converterá no voceiro dos pasos, das aprendizaxes, do día a día que aconteza no Plan Valora; a inclusión dun módulo formativo dedicado á educación en valores democráticos nos cursos de formación inicial de todos os novos profesionais do ensino; a promoción de convenios de colaboración con institucións e organismos para a realización de accións conxuntas ou produción de materias que poidan colaborar con esta tarefa educativa; a elaboración de materiais e recursos que sirvan para a difusión e sensibilización da cidadanía en xeral e para a divulgación de boas prácticas; a investigación sobre a práctica dos valores democráticos nos centros educativos; ou a convocatoria de premios a iniciativas individuais e colectivas relacionadas coa práctica dos valores democráticos polo alumnado galego.

Recoñecemento do traballo dos mestres e colectivos

Emilio Pérez Touriño non quixo rematar a súa intervención sen subliñar que este novo plan pretende recoñecer e pór en valor “o traballo continuado, escasamente recoñecido, de moitos mestres e mestras, de moitas escolas e colectivos a prol dunha educación máis democrática e comprometida coas preocupacións da sociedade actual”.

“Teño a seguridade que fomentando e mantendo unha vibrante educación en valores democráticos fortalecemos a cultura e sociedades democráticas”, engadiu Pérez Touriño, lembrando que “paga a pena, pois, asumir a tarefa conscientemente, transmitindo aos nosos fillos e fillas, alumnos e alumnas, aqueles aspectos do mundo que queremos conservar”. “Porque educar –concluíu Touriño- é nada menos e nada máis que ensinar a vivir e a convivir”.

Web do Plan Valora

Na súa intervención, a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, tivo ocasión de presentar a web do Plan Valora: www.edu.xunta.es/valora/, que forma parte do portal de contidos educativos da Consellería de Educación. Así, Sánchez Piñón destacou que “todos aqueles galegos e galegas que estean interesados na educación en valores democráticos poderán entrar neste novo espazo”. Ademais, salientou “o carácter educativo” desta web, que “queda patente coa presenza constante das ligazóns aos portais da Consellería de Educación, como son educativo e o de contidos”.

Laura Sánchez Piñón indicou que nesta web se pode atopar información sobre campañas e convocatorias de proxectos, cursos e congresos relacionados coa educación en valores; experiencias educativas neste eido; así como lexislación, materiais informativos e ligazóns de interese. A conselleira de Educación animou a toda a comunidade educativa a colaborar na “contribución para converter esta páxina nun espazo útil para a educación en valores”.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, 2006-10-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES