O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, puxo fin á súa viaxe por México, que agora terá continuidade en EE.UU., cun encontro cunha nutrida representación de empresarios galegos asentados no país azteca, que puxeron no seu coñecemento o interese en que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, visite proximamente México, e de feito, encargaron ao secretario xeral que, cando chegue a Galicia, faga traslado ao titular do Goberno galego dunha invitación expresa por parte do empresariado de orixe galega para que Touriño acuda en viaxe institucional ao país americano.
A entrevista de Manuel Luís Rodríguez cos empresarios galegos serviu asemade para analizar a situación e as perspectivas futuras daqueles e o seus intereses en América, así como a papel mediador que pode desenvolver o Goberno galego de cara a propiciar as condicións dende as que se optimicen as ferramentas que permitan un intercambio empresarial fluído entre Galicia e México, de xeito que se acaden novos espazos de oportunidade para os intereses galegos, tanto os asentados en América coma os afincados en Galicia.
O secretario xeral de Emigración constatou no encontro co que fechou a súa visita a México que o empresariado de orixe galega preserva intacta a súa posición e os seus intereses pese ao complexo proceso político polo que está a pasar este país dende o último proceso electoral.
Unidade da colectividade
A unidade coa que os empresarios superaron o contexto político mexicano é trasladable, segundo Manuel Luís Rodríguez, á comunidade de galegos e galegas, cos que tivo ocasión de reunirse en máis dunha ocasión dende que recalou no país a comezos de semana. Precisamente, as diferentes entrevistas mantidas coa cidadanía galega permitiu constatar que, en liñas xerais, o seu benestar en México segue a consolidarse.
Ao longo dos encontros mantidos, o responsable do departamento de Emigración asumiu o compromiso de trasladar ao Goberno central a conveniencia de mellorar os prazos e optimizar os procedementos a través dos que se homologan en España os títulos universitarios obtidos no país azteca. Circunstancia esta pola que amosaron certa preocupación os galegos e galegas alí asentados. Fronte ao incremento nos fluxos de retorno a Galicia que nos últimos anos se detecta entre a comunidade de orixe galega en México, Manuel Luís Rodríguez coincidiu na oportunidade de reclamar a maior dilixencia nun apartado, o da homologación de títulos, de especial relevancia á hora de decidir o momento do retorno.
O papel da xuventude
O responsable de Emigración do Goberno galego, que detallou as novas liñas que seguirá o seu departamento de cara ao vindeiro ano, comprometeuse a incrementar a axenda cultural que a Secretaría Xeral promove no exterior, e que no caso de México debe camiñar cara unha oferta que permita satisfacer unha demanda, especialmente a da xente nova, que converta o asociacionismo da galeguidade nun tecido máis dinámico, capaz de fixar ás xeracións máis mozas. Nese senso, subliñou a conveniencia de consolidar o xiro imprimido ás políticas de xuventude, de forma que, sen deixar de garantir as necesidades socioasistenciais da poboación, sexa posible poñer en valor as capacidades dos mozos galegos en México, en moitos casos con unha alta cualificación formativa.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.