A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, compareceu na comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para explicar o proxecto de Orzamentos para 2007 no que atinxe ao seu departamento.
A contía prevista para o vindeiro exercicio ascende a 22.931.621 euros, cun incremento respecto ao 2006 de 969.881 euros, é dicir, un 4,42 por cento.
Marisol López explicou que os maiores incrementos presupostarios previstos concéntranse nas novas estruturas deseñadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para coordinar as accións de planificación, fixación de terminoloxía e dinamización lingüística na sociedade.
O Consorcio para a Planificación Lingüística, que coordinará os esforzos normalizadores das administracións e promoverá a normalización do idioma en Galicia, e o Consorcio de Terminoloxía, que coordinará as actividades terminolóxicas da lingua galega, disporán dunha cantidade para a súa posta en funcionamento de preto de 900.000 euros.
Novas tecnoloxías
O apoio á investigación é outro dos obxectivos prioritarios da Secretaría Xeral de Política Lingüística para o ano que vén. Así, vaise potenciar a dotación de medios e a investigación relacionada coas novas tecnoloxías da lingua. Neste apartado, a contía prevista pasa de 980.000 euros aos 1.500.000 euros previstos para o ano que vén, o que supón un incremento do 53 por cento.
A formación de adultos e, en concreto, a adaptación do actual sistema de certificación de competencias lingüísticas en galego ao Marco común europeo de referencia para as linguas, recibe tamén unha inxección relevante nas contas do vindeiro exercicio. Deste xeito, a partida orzamentaria pasa de 1.600.000 euros a 2.900.000 euros, un 81,25 por cento superior.
Revitalización dos equipos
A liña iniciada este ano por Política Lingüística para revitalizar os equipos de normalización lingüística dos centros de ensino terá continuidade en 2007 coa actualización das axudas aos equipos de normalización lingüística dos centros públicos non universitarios. Esta actualización suporá un incremento do 17,65 por cento do orzamento, ao pasar de 680.000 a 800.000 euros.
Outras actuacións preferentes para o ano que vén serán a realización dunha campaña xeral de fomento do uso do galego que xa está en fase administrativa e doutras accións focalizadas na poboación infantil e xuvenil.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.