A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, apostou pola posta en marcha de servizos como mecanismo para facilitar o acceso das mulleres do rural ao emprego. En resposta a unha pregunta no Parlamento de Galicia, Adán considerou que o rol tradicional de coidadoras que desempeñan as mulleres fai especialmente difícil a súa incorporación a un posto de traballo, polo que considerou a construción de escolas infantís e de centros de día como claves para reverter esta situación.
Neste senso, a secretaria xeral da Vicepresidencia sinalou algunhas das medidas que está a poñer en marcha o seu departamento, destacando sobre todo o aumento no número de prazas ofertadas en escolas infantís que significará a posta en marcha da rede Galescola. Esta oferta de prazas, segundo Carme Adán, vai prestar especial atención ao medio rural, xa que 38 das 121 escolas infantís que se abrirán entre o ano 2006 e o 2007 estarán en concellos rurais de menos de 10.000 habitantes.
Na súa intervención, Adán tamén lembrou que este ano se teñen creado 66 Puntos de Información á Muller (PIM), case todos eles situados en municipios do rural. Con estes PIMs preténdese solucionar as carencias de servizos ás mulleres que se dan en moitas zonas de Galiza, onde non poden acceder a determinadas informacións, asesoramentos ou servizos por non dispoñer dun Centro de Información á Muller preto.
Cotitularidade das explotacións
Por outra banda, quixo destacar que a Vicepresidencia inviste no presente ano un total de 400.000 euros para facilitarlle ás mulleres o acceso á cotitularidade das explotacións agrarias en Galiza dentro do programa EMEGA (Estímulo a Mulleres Emprendedoras de Galiza) posto en marcha polo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (SGI). As achegas consisten nunha prima, por unha soa vez por explotación e beneficiaria, de 2.000 euros pola inscrición das solicitantes no Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias.
Esta iniciativa pretende ser unha fórmula de integración laboral da muller, ao tempo que se busca avanzar no recoñecemento do estatus de cotitular das mulleres labregas que comparten explotación e que ata o de agora non tiñan os mesmos dereitos que os seus compañeiros titulares.
Con esta resolución, a Vicepresidencia apoiará ás mulleres labregas emprendedoras, estimulándoas mediante a concesión de axudas económicas para que se rexistren como cotitulares das súas explotacións e acaden deste xeito o recoñecemento oficial do traballo que están a realizar. Ademais, contribuirase a reducir as inexactitudes estatísticas referidas á actividade laboral das mulleres de Galiza. Segundo explicou Adán, está oculto o traballo de moitas mulleres parella doutra persoa titular da explotación e que traballan na mesma.
Nesta mesma dirección camiñan outras liñas de axudas impulsadas dende a outros departamentos autonómicos, como os incentivos que a Consellería de Traballo ofrece para promover a afiliación á Seguridade Social das persoas cotitulares das explotacións agrarias, ou a orde de axudas da Consellería do Medio Rural para a mellora e modernización das estruturas de produción das explotacións agrarias.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.