Notas de prensa

Pérez Touriño asegura que a Xunta se marca como obxectivo prioritario a plena inserción de Galicia no escenario europeo a través da converxencia

Así o sinalou esta tarde en Madrid, onde presidiu o acto de presentación do libro Os Estados Unidos de Europa, do primeiro ministro de Bélxica, Guy Verhofstadt.

“Desde o Goberno galego fixámonos como obxectivo prioritario a plena inserción de Galicia no escenario global do século XXI, a través da converxencia con Europa”. Así o sinalou en Madrid o máximo mandatario galego, Emilio Pérez Touriño, onde presidiu o acto de presentación do libro Os Estados Unidos de Europa, escrito polo primeiro ministro de Bélxica, Guy Verhofstadt.

Na súa intervención, o presidente da Xunta remarcou que o Goberno que preside “aposta firmemente” polo proxecto de construción europea xa que, segundo indicou, a pesar da situación xeográfica periférica da Comunidade, todos os galegos estiveron, desde sempre, “no corazón de Europa”.

Neste sentido, Pérez Touriño referiuse a que a participación no proceso de toma de decisión comunitario xunto ao Goberno de España e a actuación directa a través doutros foros, como o Comité das Rexións, “constitúen reivindicacións tradicionais da nosa Comunidade Autónoma, que hoxe son xa unha realidade, en especial –engadiu-, desde a aprobación polo Goberno español en decembro de 2004 dos acordos referidos ao sistema de representación autonómica nas formacións do Consello da Unión Europea”.

Asegurar unha participación eficaz

“Agora –aseverou o presidente da Xunta-, o gran reto de Galicia é o de asegurar unha participación eficaz e unha achega de calidade ao proceso de toma de decisión comunitario” que contribúa a facer da Unión Europea “un espazo baseado nos principios de subsidiariedade, proximidade ao cidadán e cohesión económica e social”.

Continuar el debate

O presidente da Xunta resaltou ademais que “Galicia aposta por continuar o debate sobre o futuro da Unión, tentando mellorar algunhas das actuais propostas recollidas no proxecto constitucional e asegurando unha maior participación”. Para Touriño, o texto de Constitución europea supuxo “un salto cualitativo na consideración da importancia do papel das rexións”. De feito, o proxecto de Constitución Europea recoñece de forma explícita o nivel rexional na formulación do principio de subsidiariedade, refírese ao principio de autonomía rexional e local e introduce o principio de cohesión territorial como corolario á cohesión económica e social.

En palabras de Pérez Touriño, estes “logros sen precedentes” e outros conceptos que incorpora a propia Constitución Europea “lévannos a apostar en Galicia por continuar o debate sobre o futuro da Unión, tentando mellorar algunhas das actuais propostas recollidas no proxecto constitucional e asegurando unha maior participación cidadá”.

Vocación Europea

Na súa intervención, o presidente da Xunta tamén remarcou a vocación europea da Comunidade galega. “En Galicia –indicou-, temos vontade de máis Europa, dunha Europa que avance cara unha maior unidade, cara estruturas políticas máis resoltas e sólidas, capaces de facer oír a súa voz nun panorama internacional que precisa de contrapesos, de propostas e de xeitos de actuar distintos aos hoxe predominantes”.

Pérez Touriño lembrou, ao respecto, unha frase de Ramón Piñeiro que dicía que “os galegos eramos galegos por nación, españois por historia e europeos por vocación e por cultura”, unha idea que ao seu entender, segue a inspirar as actuacións do Goberno galego en todos os ámbitos. Neste sentido, tamén salientou que “o reforzo da nosa identidade” como país, como nacionalidade histórica e como comunidade cívica e cultural, “nunca entrará en conflito coa nosa vocación española e europea, que determinou e determina a realidade de Galicia”.

Os Estados Unidos de Europa

NotaO titular da Xunta non quixo rematar a súa intervención sen felicitar ao primeiro ministro belga, Guy Verhofstadt, “pola valentía” demostrada ao pronunciarse “tan claramente sobre o futuro da construción europea” nun período caracterizado por un marcado “pesimismo” e unha “sorprendente falta de ideas”.

Emilio Pérez Touriño dixo coincidir coas propostas concretas presentadas polo primeiro ministro belga, que apuntan cara un camiño a seguir para afondar no proceso de integración supranacional. “Coincido con vostede –aseverou o presidente galego- en que esa situación de escepticismo europeo non nos pode frear, senón que temos que seguir avanzando cara unha integración cada vez maior, tamén no plano político”. Así mesmo, Pérez Touriño coincidiu con Guy Verhofstadt en que o único xeito de responder ás aspiracións dos cidadáns é construíndo “unha Europa máis integrada”.

De feito, no seu libro Os Estados Unidos de Europa Guy Verhofstadt propón que o futuro de Europa pasa pola construción dunha realidade federal, aseverando que “se Europa desexa no futuro xogar un papel na escena mundial e ao mesmo tempo responder ás aspiracións dos cidadáns terá que integrarse máis”. A redacción deste “manifesto” sobre Europa debeuse a que o primeiro ministro belga considerou preciso facer saír a Europa da espiral negativa na que se atopa, e porque o proxecto europeo, ao seu entender, deberá levar aparellado o ensutiasmo e a ambición, sobre todo para os mozos.

Edición en galego

Por último, o titular da Xunta e presidente da Fundación Galicia Europa anunciou a publicación en vindeiras semanas, da edición en lingua galega da obra presentada hoxe en Madrid, edición realizada pola Fundación Galicia Europa, a través da Cátedra Jean Monet da Universidade de Vigo. Así mesmo, Emilio Pérez Touriño quixo aproveitar a ocasión para invitar ao primeiro ministro belga a participar na presentación do libro en Galicia.

Os Estados Unidos de Europa, resultado da conferencia homónima pronunciada por Guy Verhofstadt en Bruxelas en decembro de 2005, xa foi traducido a outras linguas comunitarias, como o inglés, o francés, o italiano, o alemán ou o grego, espertando un grande interese tanto no mundo político como no académico ou no xornalístico.

En España, a Fundación Galicia Europa impulsa e colabora no financiamento da súa edición, tanto en castelán como en galego. O libro en castelán foi editado polo Servizo de Publicacións da Cátedra Jean Monet da Universidade de Santiago, e a versión en galego estase a ultimar a través da Cátedra Joan Monet da Universidade de Vigo.

No acto de presentación en Madrid tamén participaron, ademais do propio autor do libro e o presidente da Xunta, o secretario xeral de Relacións Exteriores e director da Fundación Galicia Europa, Santiago Gómez-Reino, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Alfonso Palomares, así como numerosas personalidades do mundo político e académico.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-10-26

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES