O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, mantivo unha xuntanza de traballo en Cee cos alcaldes dos concellos coruñeses afectados polo temporal, para revisar a situación de recuperación da normalidade en todos estes municipios. Nela, os rexedores municipais entregáronlle a documentación descriptiva cos danos producidos polas choivas tanto nas infraestructuras de titularidade municipal como en vivendas particulares.
Así mesmo, na reunión tratouse a efectividade dos medios postos neste momento á disposición dos alcaldes, como os xefes directos de Protección Civil en cada concello. Segundo afirmou o conselleiro, a situación está, nese sentido, razoablemente ordenada.
Méndez Romeu tamén adiantou que será, probablemente, na xuntanza semanal do Consello da Xunta, cando se aprobe o marco de axudas compensatorias por esta situación. Máis adiante haberá que iniciar os traballos de reparación, substitución ou reparación das infraestructuras danadas, engadiu.
Na reunión participaron os alcaldes de Cee, Camariñas, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muros, Muxía, Padron, Rois, Vimianzo e Zas. Temos xa as estimacións de danos de moitos concellos, e entre mañá e pasado teremos a totalidade considerou o titular de Presidencia-. Son aproximacións iniciais pero suficientes para e fundamentais para iniciar o proceso de axudas.
Sobre as causas das inundacións, Méndez Romeu sinalou como principal evidencia os índices pluviométricos das últimas datas, xa que superan amplamente as medias habituais, o que produce as inundacións e os desbordamentos de ríos, e polo tanto problemas nas vivendas colindantes. A partir de aí, existe unha evidencia de causas concorrentes que poden agravar os problemas nalgunhas zonas e que terán tamén que ser analizadas para adoptar medidas estructurais para o futuro declarou-. Pero iso é un labor máis complexo, máis técnico, que xa se está comezando a facer pero que aínda non podemos enunciar con toda rotundidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.