Notas de prensa

A directora xeral de Relacións Laborais pide sensibilidade aos mozos galegos fronte á problemática da siniestralidade laboral

A representante da Consellería de Traballo, Pilar Cancela, fixo estas declaracións durante a inauguración da Semana Europea de Prevención, que nesta edición se organiza baixo o lema ‘Crecer en seguridade’.

A directora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, Pilar Cancela, inaugurou a xornada Semana Europea da Prevención, organizada pola Confederación de Empresarios de Galicia, que baixo o lema Crecer en Seguridade ten a finalidade de sensibilizar á xente moza da necesidade de tomar a prevención de riscos laborais como unha cuestión clave e decisiva no desenvolvemento do seu traballo diario.

Cancela sinalou que a prevención de riscos laborais é unha das preocupacións prioritarias da Consellería de Traballo, polo que “todas as actuacións que redunden nunha mellora neste eido son ben recibidas”.

Corresponde aos poderes públicos a tarefa de protexer a vida e a integridade física dos traballadores, deseñando un sistema eficaz de protección da seguridade e saúde laboral, no que conflúen ademais diferentes normativas de ámbito europeo, nacional e autonómico. Sen embargo, a directora fixo fincapé en que “esta tarefa non é posible realizala sen a colaboración de todos os axentes implicados nesa protección”.

Segundo Pilar Cancela, “os mozos menores de 25 anos constitúen o presente e o futuro da nosa forza de traballo, polo que nos corresponde a todos garantir que comecen a súa vida laboral dun xeito estable e seguro”.

A representante de Traballo apuntou os beneficios que se poden acadar “sempre e cando se preste atención a saúde e a seguridade dos traballadores”. Destacou que, por unha banda, unha boa xestión da seguridade no traballo é unha das características das organizacións xestionadas con eficacia e redunda en beneficio da empresa.

Por outro lado, apuntou que “formando e educando axeitadamente á xente moza a empresa pode beneficiarse da súa enerxía, entusiasmo e vontade de aprender á vez que se garante a súa seguridade no traballo”. Ademais, Cancela destacou que outro dos beneficios baséase na reputación como empresarios, xa que os modelos en seguridade e saúde laboral axudarán a atraer a traballadores de calidade.

Na súa intervención, a directora xeral de Relacións Laborais sinalou que a difusión dunha cultura de prevención é un elemento clave. Por iso “estanse a desenvolver nos Centros Provinciais de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería xornadas de difusión entre o profesorado sobre a importancia da prevención, aproveitando o discorrer desta Semana Europea da Prevención”, explicou.

Sensibilización na Formación Profesional

Nese senso, estes primeiros plans de actuación en materia de prevención “seguiranse afianzando e desenvolvendo no tempo, complementados con campañas específicas para as alumnas e alumnos de formación profesional, traballadoras e traballadores de incorporación inminente ao mercado laboral e que na súa formación práctica xa están en contacto cos riscos inherentes á súa futura prestación no traballo”, asegurou a representante do departamento que dirixe Ricardo Varela.

Antes de rematar, Cancela recordou aos presentes no acto que, no seo do proceso de Diálogo Social, acordáronse dous grandes proxectos, como son “a creación do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral”, un organismo de carácter técnico que se encargará de levar adiante a coordinación e a realización das políticas de prevención en Galicia, e un segundo acordo, o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2006-2010, que se configura como marco básico de actuación no eido da prevención en Galicia para os vindeiros anos. Segundo declarou a directora xeral, “ambos os dous acordos marcarán un antes e un despois para a seguridade e saúde laboral en Galicia”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia, 2006-10-25

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES