O Departamento de Cultura de Brión traballa actualmente na organización do III Certamen de Pintura Novos Valores 2006. O éxito das anteriores edicións marca as pautas a seguir. Todos os mozos e mozas galegas así como os residentes en Galicia, amantes das artes plásticas, poderán participar neste concurso, sempre e cando teñan entre 14 e 30 anos. O obxectivo fundamental do certame é a promoción da arte e dos novos valores da pintura en Galicia. O patrocinio do evento corre a cargo da Fundación Feiraco.
A presentación das obras, de temática e estilo libre, deberá facerse persoalmente entre os días 11 e 29 de decembro na Casa da Cultura do Concello, en horario de luns a venres de 10 a 14 horas e de 16 a 22, e os sábados de 10 a 14 horas. Cada artista poderá entregar unha única obra, orixinal e non presentada noutro certame. As medidas desta non deben exceder os 150 cm nin ser inferiores aos 80 en ningún dos seus lados. A entrega da obra debe facerse sobre un único soporte e enmarcada cun listón que non exceda os 2 cm de ancho.
Como complemento á obra o participante achegará a seguinte documentación:
-Formulario de inscrición
-Foto a cor da obra presentada
-Fotocopia do DNI ou documentación que acredite ao autor como residente en Galicia
-Breve currículum que inclúa os datos persoais do autor (enderezo, teléfono, etc.)
* O formulario de inscrición poderá recollerse na Casa de Cultura ou ben accendo a el a través da web oficial do Concello: www.concellodebrion.org, onde xa está colgado para todos os interesados.
Premios e categorías
A contía total destinada aos premios do certame ascende a 2.000 euros que se repartirán en dúas categorías cun primeiro e segundo premio en cada unha delas. Así na categoría xuvenil A, de 14 a 19 anos, o gañador do primeiro premio recibirá 600 euros e o do segundo 400. Pola súa banda, na categoría xuvenil B, de 20 a 30 anos, o primeiro premiado recibe 600 euros e o segundo clasificado 400.
As obras premiadas, en ambas categorías, pasarán a formar parte do Patrimonio Cultural do Concello e serán expostas xunto a unha selección de todas as recibidas, nunha exposición a celebrarse entre o 16 de febreiro e o 30 de marzo.
O fallo do xurado
O veredicto do xurado, composto por personalidades do mundo da cultura, a arte e a crítica, será inapelable. O dictame e a entrega dos premios ten lugar o 16 de febreiro de 2007 ás 20.30 horas no Hotel Balneario Compostela, no lugar do Tremo (Os Ánxeles).
O feito de participar neste Certame supón a aceptación destas bases.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.