
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que os medios de comunicación públicos de Galicia iniciaron un novo rumbo que sitúa como prioridade o cumprimento da súa obriga de servizo público. O máximo mandatario autonómico sinalou que as transformacións abordadas no último ano no eido dos contidos da Radio e da Televisión de Galicia aumentaron os espazos destinados á información, á cultura e á promoción da lingua galega, e polo tanto, reforzaron a súa función de servizo á cidadanía.
O xefe do Executivo galego remarcou ademais que os datos económicos avalan a profunda transformación de orde interna que está a levar a cabo a CRTVG. Pérez Touriño subliñou que o manexo dilixente dos recursos públicos permitiu aliviar considerablemente a grave situación que na orde económica, patrimonial e financeira vivía a Compañía. Afirmou que a boa xestión fixo posible reducir a débeda da institución que en novembro do 2005 era de 87 millóns de euros ata os 31 millóns en setembro deste ano, é dicir, un 36 por cento en dez meses.
A política de estrito cumprimento do orzamento que se está a levar a cabo polos novos xestores da CRTVG, e a autorización por parte da Consellería de Economía de aplicar ao pago a provedores as devolucións do IVE recibidas, son para o presidente da Xunta, as razóns desta melloría
O titular do goberno galego enfatizou que o carácter de servizo público dos medios públicos de comunicación está estreitamente ligado aos seus contidos, e que, neste sentido, despois dun ano de xestión dos novos responsables, se pode dicir que efectivamente, a Televisión de Galicia e a Radio Galega están garantindo o seu papel de servizo público.
Emilio Pérez Touriño citou como proba as transformacións acometidas na grella da Televisión de Galicia, que consistiron, en primeiro lugar, en incrementar o espazo destinado á información, non só a través de bloques informativos ordinarios, que veñen de aumentarse nunha hora ao día, senón tamén dos programas dedicados ao debate público e social situados en horas de alto consumo televisivo
Éxito de audiencia
A cobertura informativa da vaga de lumes do pasado agosto, obxecto dun despregamento sen precedentes, é para o presidente da Xunta, un bo exemplo do novo papel de servizo público da TVG, que se converteu na canle de referenza para e, situou oito dos programas informativos da canle pública no ránking dos 10 espazos máis vistos polos galegos na primeira quincena de agosto. Estes datos contrastan, recordou Pérez Touriño, co acontecido coa crise do Prestige, cando ningún dos informativos da TVG estivo entre os 25 programas máis vistos de novembro do 2002. O máximo mandatario galego subraiou que esa é a diferenza entre o que é a pluralidade e a información pública veraz cun goberno de cambio e cun goberno de dereitas de maioría absoluta neste país.
Doutra banda, o xefe do Exectutivo autonómico indicou que a programación cultural da Televisión de Galicia viuse multiplicada por sete no último ano, pasando de 55 minutos semanais, case sempre en horas de madrugada, aos 380 minutos actuais, moitos deles en horario de máxima audiencia. Pérez Touriño subliñou ademais que os actuais xestores da TVG eliminaron dunha plumada as cinco horas diarias de telenovelas que ocupaban hai un ano a grella, un terzo do total da súa programación diurna.
Compromiso coa lingua do país
Finalmente, Pérez Touriño fixo referenza aos esforzos realizados para que o compromiso coa lingua do país sexa un dos eixes da xestión dos medios públicos, e puxo como exemplo a recuperación do protagonismo da programación dirixida ao público infantil.
No tocante á Radio Galega, o titular do Goberno galego remarcou que está a seguir o camiño trazado para a Televisión, cunha aposta pola información rigorosa e puntual do que acontece no país, polos programas dedicados exclusivamente a potenciar o noso idioma e polo notable incremento da programación cultural. O presidente da Xunta afirmou que as audiencias amosan que as cousas se están a facer ben, xa que as tres últimas sondaxes rexistraron os mellores datos de toda a historia da Radio Galega, con 180.000 oíntes de luns a domingo, reflexo, dixo, do compromiso coa veracidade, coa información e coa realidade do país.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.