Notas de prensa

Paula Carballeira gaña o I Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil e Claudia Grandal o XV Álvaro Cunqueiro

Convocado polo Igaem.

Paula Carballeira, coa obra Boas noites, é a primeira gañadora do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, segundo resolveu o xurado do galardón creado este ano polo IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da Consellaría de Cultura e Deporte. O Manuel María foi convocado xunto ao XV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, que recaeu na peza O caso Otero, de
Claudia Grandal. As galardoadas recibirán unha dotación económica de 4.000 €, no caso do Manuel María, e de 6.000 €, no do Álvaro Cunqueiro, e ambas as obras serán publicadas.

Lidos os 25 orixinais que optaban ao primeiro dos galardóns, o xurado –integrado por Laura Tato, profesora da Universidade da Coruña, como presidenta; e por Carlos Paulo Martínez Pereiro, tamén profesor da UDC; Dolores Vilavedra, profesora da Universidade de Santiago; Rubén Ruibal, gañador da anterior edición do Álvaro Cunqueiro; e Gloria Sánchez, autora especializada en literatura infantil, como vogais– adoptou por maioría declarar a devandita obra, presentada baixo o lema Boas noites. Maimara, gañadora desta primeira edición do Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.

O xurado destacou de Boas noites a axilidade dos seus diálogos, así como a orixinalidade na elección do tema sobre o que se desenvolve a trama, o estrés infantil, como argumento contemporáneo que a autora aborda seguindo a tradición fantástica.

No caso do XV Premio Álvaro Cunqueiro, resolto tamén por maioría, a gañadora é
Claudia Grandal coa obra O caso Otero, presentada baixo o lema AGLAV. Inspirada na vida de Carolina Otero, “La Bella Otero”, a peza propón unha volta “imposible” da
protagonista ás súas orixes, regreso tinxido de ansias de vinganza.

O xurado salienta deste texto a súa axilidade e economía teatral, xa que propón un xogo con tres actores para numerosos personaxes, ademais da boa resolución dramática dunha historia complexa e con apuntamentos metateatrais. A obra resultou elixida de entre un total de 24 títulos candidatos.

Gabinete de Comunicación do Igaem (Xunta de Galicia), 2006-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES