Notas de prensa

Os orzamentos da Consellería de Presidencia medran un 4'3% en 2007

A Secretaría Xeral cun incremento do 11% e a Dirección Xeral de Xustiza cun aumento do 9,33% son as que máis investimentos reciben.

Os orzamentos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza medrarán o vindeiro ano un 4,3% respecto a 2006 tal e como explicou o conselleiro, José Luis Méndez Romeu. Ãs áreas que máis medren serán a Secrataría Xeral, un 11%, e a Dirección Xeral de Xustiza, un 9,33%, que experimentarán orzamentos por riba da media da Xunta.

José Luis Méndez Romeu presentou en rolda de prensa os orzamentos da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para 2007 que medran un 4,3% respecto aos de 2006 como “corresponde -dixo o conselleiro- a unha consellería que desenvolve funcións de infraestrutura e non funcións de investimento ou de gasto corrente”. A Consellería de Presidencia representa na súa totalidade o 2% do total do orzamento público da Xunta de Galicia e o montante global dos orzamentos cara a 2007 ascende a 205 millóns de euros.

Segundo explicou o titular de Presidencia, “as áreas máis destacadas son as máis grandes e as que máis medran”. Deste xeito, o orzamento da Secretaría Xeral, que se dedica aos investimentos, medra o 11% e o orzamento da área de Xustiza aumenta o 9,33%. Para Méndez Romeu estas son as dúas áreas estratéxicas do departamento e por iso “medran por enriba do incremento medio do total da Xunta”. Ao respecto, o conselleiro indicou, que a Secretaría Xeral representa un terzo da súa consellería e a Dirección Xeral de Xustiza outro terzo. En canto a representación por capítulos, o número I medra un 8%, o II medra un 4% e o IV un 12%, mentres que os capítulos VI e VII permanecen nas mesmas contías que no ano anterior.

Investimentos

Durante a súa comparecencia ante os medios, o conselleiro explicou en qué se van investir estes orzamentos. Méndez Romeu subliñou que en materia administrativa está previsto realizar obras de reforma no edificio de San Caetano para dotalo “dunha nova estrutura de procesamento da información. Se trata dunha reforma en profundidade do sistema de relación dos cidadáns coa Administración (o Rexistro, o Servizo de Información e o Portelo Único) para conseguir que teñan unha menor necesidade de acudir a unha oficina pública e pola contra maior rapidez na tramitación dos documentos”.

En materia de Xustiza, a consellería ten previsto construír catro novos edificios para xulgados en Bande, no Barco, Muros e Santiago. Precisamente, este último acollería a sede central do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) na zona de Fontiñas. Asemade, está prevista a reforma dos xulgados de Ponteareas e de Cangas. Ademais informou de que á espera do solo necesario na Coruña e en Vigo para construír as novas sedes xudiciais, xa hai previstas partidas para a construción da torre da Xustiza en Vigo de 650.000 euros para iniciar ese proceso e para o edificio xudicial da Coruña de 180.000 euros para a redacción do proxecto.

Outras actuacións que a consellería quere levar adiante son a informatización da Xustiza, en concreto a informatización dos Xulgados de Paz e dos Rexistros Civís para “reducir o tempo de realización de trámites e axilizar a tramitación por internet dos certificados que máis necesitan os cidadáns da Xustiza”; a mellora da Administración electrónica; o incremento de vixilancia dos edificios xudiciais.

En materia de Protección Civil, os investimentos irán destinados á construción de parques comarcais de bombeiros na Mariña Occidental e Oriental, Monforte de Lemos, Santa Comba, O Carballiño e Porriño e a comarcalización dos parques da Coruña, Ferrol e Vigo. Romeu puntualizou que en 2006 a Dirección Xeral de Protección Civil contou cunha partida de 14 millóns de euros de fondos FEDER, dos que só foron executados 8 millóns “polo tanto 6 millóns serán incorporados a este orzamento o vindeiro mes de xaneiro”.

Por último, Méndez Romeu apuntou que se incrementa notablemente a partida de transferencias a concellos para a mellora dos edificios consistoriais. O conselleiro tamén lembrou que a Consellería ten previsto levar ao Parlamento cinco proxectos de lei: o da Policía Autonómica, o de Coordinación das Policías Locais, Función Pública, Emerxencias e de Réxime Local que obviamente tamén terán as súas “consecuencias orzamentarias”.

Policía Autonómica

En materia de Interior, o departamento de Méndez Romeu vai dedicar unha partida de 3.379.000 euros para mellorar a dirección da Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada de cara a preparar esa instalación para acoller futura Policía autonómica. “Abordamos a mellora física e a ampliación da AGASP, que será o novo nome da instalación que vai ser o lugar onde se vai formar a futura Policía Autonómica. Este corpo vai ter unha estrutura civil que posibilite o acceso directo a algunhas categorías como o acceso dentro dun copo de funcionarios policiais de corpos estatais, e a súa formación vai ser 100 por 100 galega”.

Precisamente sobre a Lei de Policía Autonómica, Romeu anunciou que a lei debería estar aprobada a vindeira primavera e engadiu que será “un corpo ex novo, que ten que ter dende a súa propia identidade nos aspectos simbólicos e organizativos ata unha estrutura clara e propia. Unha policía do século XXI, a altura do que se espera hoxe: unha policía moderna que cumpre funcións de seguridade, administrativas, xudiciais, etc”

Ademais o conselleiro afirmou que vai ser “unha lei marco moi ambiciosa desde un punto de vista estrutural e unha lei que crea un marco lexislativo a partires do cal o Goberno poderá determinar que grao de despregue necesita Galicia e que grao de asunción de competencias que, polo de agora exercen outros corpos policiais”. Para Méndez Romeu “é unha lei que supera a calquera das anteriores, de feito todas as comunidades autónomas que teñen policía propia están a seguir atentamente o proceso da elaboración da policía autonómica galega”.

Sobre o contido desta norma, explicou que a lei crea a estrutura dun corpo policial: graos, acceso, promoción, segunda actividade, etc. Polo tanto, explicou Romeu, “é unha lei que non predetermina o modelo policial que deberá ser acordado posteriormente polo Goberno,así como en qué medida asumirá funcións e actuacións que hoxe exercen os corpos de seguridade do Estado. Así pois deberá ser obxecto de negociación e de transferencia de partidas económicas”.

Sobre o número de efectivos que vai ter a policía autonómica, Romeu dixo que variará unha vez aprobada a lei “xa que entón será cando se decidirá se o despregue se fará por territorios ou por funcións”. O conselleiro precisou que actualmente hai 400 axentes da Unidade Adscrita, uns 1.500 de policía local e 9.000 funcionarios dos corpos policiais do Estado, cifras que tamén haberá que valorar.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia, 2006-10-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (radio-na-biblio.jpg) O programa Radio na Biblio, que vai polo noveno ano en funcionamento, chega este curso a 245 centros de ensino que contan cun laboratorio de radio no que traballan as competencias vencelladas á alfabetización mediática, lingüísticas ou de expresión escrita e oral, entre outros. Con nove cursos en marcha, trátase dun programa consolidado que aproveita a posta en marcha dunha emisora de radio na biblioteca para traballar habilidades e destrezas e que permite o tratamento de contidos curriculares mediante metodoloxías activas e innovadoras que facilitan a aprendizaxe. Ademais, as actuais tecnoloxías da información e da comunicación facilitan o uso da radio como ferramenta pedagóxica de gran alcance para a difusión dos proxectos e iniciativas do centro educativo.
Foto de la tercera plana (aitor-martinez.jpg) Tivo lugar a na cerimonia de entrega dos XVIII Premios Nacionais de Artesanía 2025, na que resultaron premiadas dúas candidaturas galegas. O artesán Aitor Martínez López de Arbina (Tomiño), especializado en tornería de madeira, resultou gañador na categoría Produto e a Fundación Artesanía de Galicia obtivo o recoñecemento na categoría Promociona para Entidades Públicas polo seu proxecto 'Artesanía no Prato'.

Notas

O encontro 'Tecnoloxía en galego: resultados de ILENIA– Proxecto Nós' serviu para dar a coñecer os resultados dos últimos tres anos de traballo do Proxecto Nós no marco de ILENIA, unha iniciativa orientada a avanzar en recursos e capacidades en tecnoloxías lingüísticas, en particular para as linguas do Estado. Datos, casos de uso e ferramentas abertas de tradución automática, síntese de voz e modelos lingüísticos en galego déronse a coñecer neste foro que se desenvolveu no Centro de Estudos Avanzados.
O Centro de Arte Fundación Maria José Jove (FMJJ) en colaboración con Normal, o Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña (UDC), celebran hoxe xoves a terceira edición do encontro Dentro–Fora, que se enmarca no programa de residencias artísticas que ambas as institucións desenvolven conxuntamente.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES