Notas de prensa

Os orzamentos da Vicepresidencia para o 2007 ascenden a 406 millóns de euros, case un 11% máis que o ano anterior

O 70% do presuposto investirase na área de Acción Social, que atende aos maiores, menores e persoas con discapacidade.

O orzamento total da Vicepresidencia para o ano 2007 ascende a 405.916.041 euros, o que se traduce nun incremento dun 10´94% en relación ao ano 2006 que contou cun presuposto de 365.874.290 euros. Destes 405.916.041, 107.391.231 corresponden ao capítulo de gastos de persoal e 298.524.810 ao de investimentos, segundo informou o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.

O vicepresidente destacou que o capítulo correspondente a gastos de persoal increméntase un 8´88% en relación ao 2006. Esta partida dedicarase á contratación de equipos de valoración da dependencia, con motivo da entrada en vigor da Lei da dependencia. Ademais inclúe o investimento para a contratación de persoal da nova residencia pública de persoas maiores de Volta do Castro e o relativo á homologación da situación laboral dos profesionais que traballan no eido dos servizos sociais.

No que se refire aos investimentos, a maior parte do orzamento, un 70´63% vai ir destinado á área de xestión da dirección xeral de Acción Social, mentres que a secretaría xeral de Igualdade contará co 16% do orzamento da Vicepresidencia. Un 8'44% será xestionado pola secretaría xeral de Relacións Institucionais e finalmente, un 4´92% destinarase ás políticas de xuventude.

A maior partida, o 70´6% para Acción Social

O 70,6% do orzamento da Vicepresidencia para o 2007 dedicarase ás áreas de actuación da dirección xeral de Acción Social, dependente da secretaría xeral do Benestar. Este departamento conta cun presuposto 210.848.001 euros, un 9´49% máis que no 2006.

As actuacións que se van a levar a cabo nesta área céntranse, en primeiro lugar, na atención ás persoas maiores a á dependencia. Neste senso, unha parte importante destes orzamentos do 2007 destinaranse a incrementar o número de prazas nas residencias de titularidade pública, creando centros propios e establecendo liñas para o concerto de prazas. Ademais abriranse novos centros de día e crearase unha rede de centros especializados na atención ás persoas con alzheimer e outras demencias. Tamén se vai investir na creación da rede pública de transporte adaptado de Galiza e incrementarase a intensidade na axuda a domicilio e o apoio ás persoas coidadoras.

No que se refire a menores, vanse implantar o Rexistro Unificado de Maltrato Infantil, o programa de absentismo escolar e crearanse 4 unidades de acollida e valoración nas catro provincias galegas.

Na área de discapacidade, os orzamentos do 2007 contemplan partidas para a posta en marcha do Plan de Acción Galego para Persoas con Discapacidade, para o Programa Galego de Accesibilidade, así como para a creación da primeira unidade de emerxencia para a atención de persoas con discapacidade.

Finalmente, na área de Benestar, investirase na mellora da cobertura e das contías da Renda de Integración Social de Galiza, RISGA, na creación da rede de centros de emerxencia social e atención na rúa así como na implantación de 20 equipos de intervención para a inserción sociolaboral das persoas con maiores dificultades.

As políticas de Igualdade, as que máis medran

A Secretaría xeral de Igualdade conta para as súas áreas de actuación co 16% do orzamento total da Vicepresidencia, 47.776.789 euros, un 19´21% máis que no 2006. O presuposto destinado ás políticas de Igualdade é o que experimenta o maior incremento de toda a Vicepresidencia.

Na área de familia e infancia, investirase no desenvolvemento do Programa de Creación das Galescolas e no Plan de Calidade de Mellora Pedagóxica.

Na área de Promoción da Igualdade, as actuacións centraranse na elaboración do Plano Director de Corresponsabilidade no contorno empresarial galego e na liña de axudas para a redución da xornada laboral dos pais. A través do Servizo Galego de Igualdade, impulsaranse os programas EMEGA de fomento de autoemprego en mulleres e mellorarase e estenderase a Rede de Información ás Mulleres, os CIAM, CIMs e PIMs.

No que se refire ao tratamento da violencia de xénero, contémplase a continuidade do programa Salario da Liberdade- a día de hoxe xa se concederon 213 axudas- e a tramitación e desenvolvemento da Lei galega de Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero. Ademais, mellorarase a atención social integral, mediante a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral, da mellora dos servizos nos centros de acollida e dos programas de atención psicolóxica e de reeducación dos agresores.

18,38%de incremento no orzamento da Secretaría Xeral

A secretaría xeral e de Relacións Institucionais investirá nas súas áreas de xestión, 25.202.758 euros, o que representa o 8´44% dos orzamento total da Vicepresidencia. Deste xeito, os orzamentos do 2007 increméntanse un 18´38% en relación aos do 2006.

Este orzamento vai destinado á posta en marcha do Plan Integral de Mellora das residencias de persoas maiores da rede pública da Xunta de Galicia, (PIM), á posta en marcha e difusión do Rexistro de Convenios e á implantación da Carta de Servizos Universal en todos os centros de servizos sociais da Xunta de Galicia.

O investimento na xuventude medra un 19%

NotaA área de Xuventude disporá dun orzamento para o 2007 de 14.697.262 euros, un 10´53% máis que o destinado este ano a políticas para a mocidade. Ademais, nas partidas referidas ás obras, as dedicadas á xuventude medran un 25%. O investimento na área de xuventude representa o 5% do orzamento total da Vicepresidencia.

Os obxectivos que se perseguen con esta partida orzamentaria, na área da solidariedade, son a elaboración dun novo Plan Galego de Voluntariado, a continuidade na execución don programa “En defensa do Monte Galego” e a creación da figura do voluntariado lingüístico para promover o coñecemento e uso da lingua galega.

Ademais, na área de mocidade, está prevista a posta en marcha de novos centros Quérote de educación afetivo-sexual así como a mellora da rede de instalacións xuvenís e da Rede Galega de Información e Documentación Xuvenil.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, 2006-10-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES