Notas de prensa

Cooperación Exterior achega máis de 170.000 euros para actividades de formación de pescadores centroamericanos

Esta actuación se levará a cabo mediante un convenio de colaboración coa Fundación CETMAR para desenvolver catro iniciativas de formación.

A Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia achegará este ano máis de 170.000 euros para actividades de formación de pescadores centroamericanos. As actuacións levaranse a cabo mediante un acordo entre a Administración autonómica e a Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) para a realización do Proxecto de apoio profesional dos pescadores de centroamérica.

En total, realizaranse catro iniciativas, que contarán co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Cooperación Exterior. En primeiro lugar, desenvolverase en Galicia, no mes de novembro de 2006, un seminario sobre primeira venda e comercialización dirixido a representantes das Administracións pesqueiras e das federacións de pescadores do Istmo centroamericano. A Fundación CETMAR encargarase da coordinación formativa e loxística deste seminario, así como da posta á disposición das súas instalacións en Vigo para impartir a formación teórica do curso.

Tamén no mes de novembro deste ano, organizarase na cidade guatemalteca de Antigua un encontro para presentar do Plan de Pesca en Centroamérica 2007-2010. Así mesmo, no marco deste convenio, sitúase tamén a posta en marcha do Plan de Formación para Pescadores Artesanais e Acuicultores en Centroamérica. Trátase dun módulo de formación e capacitación básica para pescadores de Honduras, Nicaragua, Panamá, Costa Rica, O Salvador e Guatemala. En cada un destes seis países desenvolveranse dous cursos de formación sobre esta temática. A coordinación destas actividades formativas correrá a cargo da Fundación CETMAR.

Finalmente, procederase á segunda dotación de equipamentos das oficinas de apoio creadas en cada un dos países participantes no Plan de formación (Honduras, Nicaragua, Panamá, Costa Rica, O Salvador e Guatemala).

A Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias en materia de cooperación exterior, vén executando proxectos e programas en países cun baixo índice de desenvolvemento humano por medio de instrumentos de cooperación técnica e económica en colaboración con outros entes públicos e privados. Deste xeito, desde a Dirección Xeral de Cooperación Exterior estanse a executar diversos proxectos de cooperación para o desenvolvemento en materia pesqueira na área centroamericana.
Trátase de países cun enorme potencial en sectores como a acuicultura, a pesca de altura, o turismo, a produción forestal e o ambiente en xeral. A posición de Galicia ante esta rexión pode resultar decisiva se se conxugan un axeitado programa de desenvolvemento do seu tecido produtivo básico, de políticas ambientais, deseño de produtos turísticos.

Fundación CETMAR

A Fundación Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) ten como finalidade fomentar e executar todas aquelas accións necesarias para unha conservación e aproveitamento responsable do medio mariño e os seus recursos, en especial no que respecta ao litoral galego. Entre as súas actividades inclúense tarefas de formación, investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica, aínda que tamén leva a cabo accións executivas concretas fronte a demandas puntuais (análise, informes, asesoramento, axuda nas propostas e realización de actividades de investigación, transferencia de tecnoloxía, formación e programas de cooperación nacional e internacional).

Para a consecución dos obxectivos deste convenio, a Fundación CETMAR contará co apoio da Unidade Coordinadora da Organización do Sector Pesqueiro e Acuícola do Istmo Centroamericano (OSPESCA).

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-10-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES