
O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, entregou á presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino Santiago, o proxecto de Lei de Orzamentos de Galicia para o 2007, co que se inicia a tramitación parlamentaria das contas que deberán ser aprobadas a finais deste ano. Con este acto, cúmprese en forma e prazo a entrega dos presupostos galegos que a partires da semana que vén serán expostos e debatidos na Cámara galega.
Na rolda de prensa celebrada despois o acto, o conselleiro explicou que o proxecto elaborado persegue o obxectivo global de situar a Galicia na senda da converxencia coas sociedades máis desenvolvidas a través dun novo modelo de crecemento que combina o impulso económico e o gasto social. Afrontamos un cambio profundo da política económica para mobilizar os recursos de formación do capital humano e a innovación e así impulsar o desenvolvemento, a competitividade e o emprego, afirmou Fernández Antonio. Neste sentido, as Contas da Xunta poñen o acento na consecución dunha economía máis competitiva que permita á súa vez o impulso das políticas sociais e a creación de emprego de calidade.
A acción de Goberno para o próximo ano enmárcase ademais, segundo explicou o conselleiro, no novo periodo de fondos comunitarios que comenza o próximo 1 de xaneiro. Neste sentido, lembrou a reorientación no destino dos fondos comunitarios recollida no Marco Estratéxico de Converxencia Económica de Galicia (Mecega) 2007-2013, que recollen os obxectivos básicos da Agenda de Lisboa e perseguen o crecemento en termos de riqueza e emprego grazas a unha economía baseada no coñecemento.
Orzamentos para a dinamización
No seu repaso aos grandes capítulos dos Orzamentos, o conselleiro destacou o forte incremento dos gastos de capital (9,9%) que medran por riba do gasto corrente (8,3%). Segundo explicou, o esforzo investidor da Xunta para o ano que vén susténtase nun importante crecemento do aforro, que medra un 20%, grazas a contención do crecemento dos gastos correntes. Ademais, engadiu, o endebedamento previsto no exercicio diminúe nun 33% e destínase a investimentos produtivos case na súa totalidade (85 millóns de euros). Fernández Antonio tamén explicou que máis da cuarta parte do gasto non financeiro adícase a gastos de capital.
En canto ás prioridades de gasto, o conselleiro lembróu os grandes obxectivos dos Orzamentos e absorben o 70% do crecemento do Orzamento. Ademais, repasou as novidades fiscais incluidas no proxecto de Lei, e subliñou as melloras introducidas nos ámbitos de control, transparencia e mellora da xestión. Neste sentido, subliñou a maior transparencia que se deriva do acomodamento dos programas aos obxectivos de Goberno; e o impulso da medición por resultados a través de indicadores. Con estas medidas, engadiu, se potencian os principios de eficacia, eficiencia e transparencia na xestión dos recursos públicos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.