
O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que os orzamentos de Galicia para o ano que vén mobilizarán un investimento de 2.688 millóns de euros. Así, destacou que os presupostos permitirán pór en marcha iniciativas e proxectos que mellorarán as infraestruturas e os equipamentos físicos da comunidade. Dentro delas, o xefe do Executivo fixo fincapé en que as infraestruturas do transporte recibirán nestes presupostos un 11% máis de recursos que o ano pasado, acumulando así un 30% de incremento con respecto aos de 2004.
Constitúe un esforzo moi potente que sae da contribución dos cidadáns, non é un mérito do Goberno, senón a aplicación dunha xerarquía de decisións, de prioridades. É unha aposta moi potente nas infraestruturas e no equipamento do país, enfatizou o presidente, quen destacou que o Goberno que dirixe está a xestionar estes recursos de forma eficiente.
Así o manifestou Pérez Touriño no Porto Exterior de Ferrol ata onde se desprazou para presidir o acto de entrega do Premio San Telmo 2006 a obra de enxeñería civil máis representativa construída no ano en Galicia que lle foi concedido á ampliación das instalacións portuarias ferrolás.
Licitación moi importante
Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño constatou que ata o pasado mes de agosto os Gobernos central e autonómico licitaron obra pública en volumes moi importantes. Así, explicou que a Administración Xeral do Estado licitou obra por valor de 1.105 millóns de euros, mentres que a Xunta de Galicia fixo o propio por valor de 395 millóns, unha licitación conxunta de 1.500 millóns en só 8 meses.
Respecto aos datos da Xunta de Galicia, o presidente explicou que estes 395 millóns de euros supoñen un 19% máis có licitado en 2002, un 30% máis que en 2003 e un 28% de incremento sobre 2004.
En referencia aos datos estatais, significou que o licitado neste ano é un 300% superior ao de 2001, un 166% superior ao de 2002 e un 50% superior ao de 2005.
É importante que deamos información e a recoñezamos como tal para que creza a confianza, a estabilidade e as ganas de investir en Galicia, salientou.
Plan de Infraestruturas
O máximo mandatario galego explicou que a Consellería de Política Territorial está a traballar na elaboración do Plan de Infraestruturas do Transporte 2006-2013, un plan que necesita o país e que permitirá segundo indicou, que a comunidade conte coa previsión anticipatoria necesaria para traballar neste eido con estabilidade e coordinación.
Así, manifestou a súa confianza en que este plan sexa de todos, de Galicia de xeito que permita marcar un horizonte para os retos e compromisos do Goberno en materia de obra pública e de artellamento territorial en infraestruturas.
Ademais, o presidente adiantou que o vindeiro ano Galicia contará por primeira vez na súa historia cunhas directrices claras de ordenación territorial, o que permitirá ter unha previsión razoable, pactada e consensuada de ordenación do territorio, de protección do litoral e de axeitamento das infraestruturas a esa ordenación. Ese é o esforzo no que estamos a traballar dende o necesario concurso de ideas dos profesionais, que teñen que ser co-protagonistas, manifestou.
Actuacións en Ferrol
O presidente do Goberno destacou que o Premio San Telmo ao Porto Exterior supón un recoñecemento non só do Colexio de Enxeñeiros de Camiños a esta infraestrutura senón de toda a sociedade a unha obra ben feita, así como a mobilización de recursos realizada para a súa execución.
Neste sentido, explicou que o Porto Exterior supón unha opción estratéxica polo extraordinario tamaño e volume de recursos dedicado a esta obra, que superou os 150 millóns de euros. Pérez Touriño lembrou que este porto gozará de operatividade os 365 días do ano e gabou a magnífica liña de atraque dun quilómetro coa que contan as instalacións, así como os 20 metros de calado ou as 90 hectáreas de superficie das mesmas.
Para Pérez Touriño, o Porto Exterior permitirá situar a Galicia nun posto senlleiro de cara á captación de tráficos marítimos e situala nas futuras autoestradas do mar, o que definiu como unha opción estratéxica.
A este respecto, o titular do Goberno galego significou que o acceso por estrada ao Porto Exterior estará rematado a finais do ano que vén e lembrou que nesta actuación se están a investir 75 millóns de euros. O presidente fixo fincapé en que nesta estrada de 15 quilómetros se está traballando con intensidade nun horario ininterrompido de sete da mañá a once da noite.
Ademais, comprometeuse a que o necesario acceso ferroviario a estas instalacións portuarias figure no Plan de Infraestruturas que está a elaborar o Goberno galego. E salientou que a Xunta traballará co Ministerio de Fomento e cos operadores para acadar este servizo ferroviario.
Finalmente, manifestou a súa confianza en que antes de fin de ano o seu Goberno presente o Plan Integral de Desenvolvemento de Ferrolterra actualmente en elaboración. O presidente incidiu en que os presupostos xerais do estado para 2007 consignan unha partida de 45 millóns de euros que se completan cos 4 millóns destinados polo Goberno galego nos orzamentos presentados onte.
Neste acto, o presidente da Xunta estivo acompañado, entre outros, pola conselleira de Política Territorial, María José Caride, o presidente da Autoridade Portuaria, Amable Dopico e o responsable de Portos de Galicia, Vicente Irisarri.
Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.