Notas de prensa

As relatoras do Congreso Mundial de Mulleres Labregas destacan á Vía Campesina como o marco de creación dun novo modelo de feminismo

A segunda xornada do Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina comezou cunha saída de campo na que se visitou unha explotación agraria na parroquia de San Mamede, en Vedra.

A pesares dunha choiva teimuda, case un cento de mulleres de todos os currunchos do planeta percorreron durante unha hora os invernadoiros, leiras, monte e praderías que, repartidos en cinco hectáreas, rexenta Pura Seoane baixo o selo do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galiza.

A elección desta explotación fíxose por estar baseada no modelo de agricultura labrega que defenden tanto o Sindicato Labrego como a Vía Campesina, e por desenvolver a actividade agraria como un todo global que inclúe aspectos que van dende culturas sostíbeis co entorno sen a utilización de agroquímicos para garantir uns alimentos sans e de calidade, ata a venda directa da produción sen pasar por intermediarios –Pura Seoane comercializa os seus produtos na praza de abastos de Pontevedra-.

Tras esta parte práctica, o congreso desenvolvería a segunda xornada dedicada a afondar na teoría do feminismo, contando coa presenza de tres invitadas de excepción: a dominicana Sergia Galván, e a ecuatoriana Irene León, e a brasileira Miriam Nobre. Faltou Judy Pasimino, de Tailandia, quen ía falar de ecofeminismo pero á que, por mor dos cambios lexislativos acaídos co golpe de estado no seu país, lle foi imposíbel obter o visado para participar no evento.

Así, sería Sergia Galván a primeira en intervir cun relatorio no que repasou as principais liñas do pensamento feminista ao longo da historia, tras do cal puxo sobre a mesa tres desafíos ás mulleres da Vía Campesina: primeiro, avanzar na reflexión teórica dun feminismo dende a perspectiva labrega, xa que “este é un déficit no proceso de construción do movemento feminista”; segundo, continuar traballando a autonomía como referente vital para a consolidación do movemento de mulleres labregas; e, terceiro, superar a culpa na loita polo poder. Respecto disto último, Galván alentou ás asistentes a “non disfrazalo, pois o que queremos é que se redistribúa o poder. A nosa loita pasa por rachar os privilexios dos homes, e non temos por que disfrazalo, nin por que sentirnos culpábeis”.

En canto a Irene León, centrou a súa intervención en explicar a existencia dun novo feminismo nacido da man das labregas e no marco da Vía Campesina. León salientou a importancia da terra traballada por mulleres como un espazo transcendental para a humanidade, pois aí foi “onde naceu a agricultura –as mulleres a inventamos-, onde se conservaron e melloraron as sementes grazas a unha hibridación natural, e onde se descubriu que herbas son útiles para as persoas e que plantas serven como alimento. Se todo este acervo o tivesen descuberto os homes, terían sido merecedores de todos os premios Nobel en todas as súas modalidades, e todos os recoñecementos habidos e por haber”. Non en van, a FAO recoñece que o 70% da produción alimenticia mundial está en man de mulleres. Nembargante, esta achega non só non é recoñecida, senón que contrasta co feito de que só o 1% da propiedade das terras estean a nome de labregas.

Ademais, Irene León denunciou a tentativa de “lexitimar ás empresas transnacionais como posíbeis actoras do que as mulleres fan e levan séculos facendo”, fronte ao cal, as labregas da Vía Campesina din “non ao imperialismo, non á Organización Mundial do Comercio, e non á lóxica capitalista e patriarcal, que pretende expropiar unha vez máis ás labregas non só dos seus coñecementos; senón tamén do seu espazo de creación, e de produción e de reprodución do mundo campesiño como xeito de vida”. Como exemplo disto, citou o feito de que, en América Latina, foron patentados por grandes empresas o 95% dos coñecementos sobre alimentos, herbas, saúde, etcétera, que constituían unha sabedoría ancestral desenvolvida, fundamentalmente, por mulleres. Así, isto lévanos “a entrar na lóxica do mercado e ter que mercarlle franquicias aos donos das patentes, que nos van a vender o dereito a exercer aquilo que nós mesmas inventamos; nós creamos as tortas en México, pero agora o dono da patente do taco, Taco Bell, vainos vender o permiso para poder facelas ou para poder vendelas na rúa”. Diante disto, animou ás asistentes a “reclamar o dereito a vivir no campo, e a mantelo como unha entidade de vida, é dicir, unha resistencia moi importante ao urbanocentrismo que propón o neoliberalismo globalizador. Trátase dunha cuestión de vida ou morte para a humanidade”.

Xa pola tarde, as mulleres asistentes ao congreso organizáronse en grupos para debater os temas tratados ata ese intre, antes de que a brasileira Miriam Nobre, coordinadora do secretariado internacional da Marcha Mundial das Mulleres, dese unha charla sobre este movemento feminista global.

Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG), 2006-10-20

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES