Deste xeito, entre o 23 de outubro e o 23 de novembro os interesados deberán formalizar a súa inscrición para participar nesta actividade lúdica que persegue promover a reflexión sobre a situación e a problemática da lingua galega e dos seus falantes, tanto na vida universitaria como fóra dela, a partir das historias que conten. As solicitudes deben remitirse aos Servizos de Normalización Lingüística das tres Universidades.
O concurso presentouse esta mañá en San Xerome nunha roda de prensa na que participaron a secretaria xeral da USC, Isabel García-Rodeja; o vicerreitor de Extensión Universitaria e Comunicación da Universidade da Coruña, Luis Caparrós; o director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, Enrique Costas; o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala, e a responsable da Área de Dinamización deste Servizo, Isabel Vaquero.
A Vennos con contos, actividade aínda que lúdica cun claro obxectivo de sensibilización cara á lingua galega, pode concorrer calquera membro da comunidade universitaria que, cunha duración máxima de 10 minutos e 5 de mínima, conten unha historia de creación propia sobre o uso do galego na vida cotiá. A representación do monólogo desenvolverase nun acto público a celebrar o 29 de novembro na Facultade de Dereito da USC.
Xurado e premios
O xurado do certame, que valorará tanto o contido da historia coma a propia maneira de contalo, estará formado por tres membros das Universidades organizadoras e dous persoeiros do mundo da cultura. O gañador do concurso recibirá 200 en metálico, o que acade o segundo posto 150 e 100 para o terceiro, ademais dunha subscrición de balde a BIBLOS-Clube de Lectores por un ano xunto con tres vales para a adquisición de libros a través deste mesmo Clube (200 ao primeiro, 150 ao segundo e 100 ao terceiro).
O certame organízao nesta edición as tres Universidades galegas coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e de Biblos Clube de Lectores
Éxito das anteriores edicións
Tanto a primeira coma a segunda edición deste certame de monólogos, que correron pola conta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, congregaron a centos de persoas que durante longo tempo gozaron e riron cos dezanove concursantes que desbordaron inxenio sobre o escenario.
Ao ser esta terceira edición aberta ás tres Universidades galegas, os organizadores contan con superar con creces as cifras de anos pasados, tanto de participantes coma de público.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.