Notas de prensa

Celébrase en Compostela o Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina para avanzar na igualdade real das labregas nas organizacións agrarias e no mundo

O Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina comezou a súa andaina o 18 de outubro, en Compostela, cun obxectivo claro marcado: avanzar na igualdade real das mulleres labregas, tanto no seo das organizacións agrarias coma nos diversos países e organismos internacionais do mundo.

Así o deu a entender na cerimonia inaugural a responsábel da Comisión Internacional de Xénero da Vía Campesina, a dominicana Juana Ferrer, quen declarou que “aínda persisten moitas limitacións que frean a participación e a toma de decisións das mulleres labregas, tanto no seo da Vía Campesina como noutros espazos de loita e resistencia, e nos máis diversos foros e eventos internacionais”.

Aínda así, Ferrer valorou positivamente todo o camiño percorrido dende a fundación da Vía Campesina en 1992 en Mons (Bélxica), pero alertou de que “aínda queda moito por facer para acadar a nosa integración e recoñecemento pleno”. En contraste co padecemento dunha situación de “marxinación e opresión das labregas no campo”, Ferrer destacou a achega das mulleres campesiñas en feitos como “o desenvolvemento do agro e das comunidades nas que vivimos; o descubrimento e protección das sementes; o coidado dos recursos; o fortalecemento da Vía Campesina no mundo; a loita pola soberanía alimentaria e pola terra; ou a resistencia fronte ás políticas neoliberais que destrúen as vidas, culturas, e a agricultura, e que nos obrigan a abandonar as nosas terras e a sermos emigrantes forzosas ás cidades e a outros países”.

Na apertura do evento tamén participou a directora xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galiza, Fabiola Sotelo, que destacou a función deste congreso como “espazo para escoitar, para descubrir outras realidades, para compartir e debater e, en definitiva, para avanzar”. Sotelo destacou que “a muller do medio rural en Galiza, e no mundo empobrecido, ten sido a protagonista oculta da cooperación ao desenvolvemento”, e afirmou o seu convencemento de que “no futuro, ese desenvolvemento e o progreso, ou se fan dende o recoñecemento e o liderado da muller, ou non serán factíbeis”.

Pola súa banda, a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Lidia Senra, que oficiou como anfitrioa, agradeceu a presenza de mulleres en representación das labregas de todo o mundo. Senra explicou que “por primeira vez, mulleres da Vía Campesina vidas dende todos os puntos da terra imos abordar, de xeito colectivo, a nosa formación en feminismo. Moitas de nós levamos anos traballando a reo para que se recoñezan os dereitos das labregas; pero démonos conta da necesidade de coñecer o que significa o pensamento feminista, e que avances supuxo para a conquista dos nosos dereitos e para a nosa loita pola igualdade real”.

Lidia Senra, ademais, agradeceu o apoio financeiro da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, da Secretaría Xeral de Igualdade e da Deputación da Coruña, que estiveron representadas na xornada de hoxe por Fabiola Sotelo, Carme Adán e Margarida Vázquez Veras; amais da axuda económica do Servizo Galego de Igualdade. Esta primeira xornada do Congreso Mundial de Mulleres da Vía Campesina estivo centrada en contidos formativos ao redor do feminismo, e contou con relatorios de Carme Adán e María Xosé Agra.

Nota de prensa remitida polo Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia:

A Directora Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, Fabiola Sotelo, reivindicou o papel “protagonista” da muller nas actuacións a prol do desenvolvemento asegurando que “ata o de agora se mantivo oculto”, pero amosouse convencida de que “no futuro, o desenvolvemento e o progreso ou se fan dende o recoñecemento e o liderado da muller ou non será factible”.

Fabiola Sotelo fixo estas declaracións na inauguración do Congreso Mundial das Mulleres de Vía Campesiña. Labregas sementando a igualdade, organizado polo Sindicato Labrego Galego, a Coordinadora Labrega Europea e maila organización A Vía Campesiña, coa colaboración da Administración Autonómica e a Deputación da Coruña.

Este congreso desenvolverase en Santiago ata o sábado 21 de outubro e reúne a máis de cen mulleres procedentes de Honduras, México, Nicaragua, República Dominicana, Brasil, Bolivia, Vietnam, Corea, India, EE.UU., Suecia, Noruega, Austria, Francia e Holanda, ademais das orixinarias de Galicia e España. No acto de apertura participaron tamén a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, e Juana Ferrer, representante de Vía Campesiña.

A directora xeral de Cooperación Exterior destacou a relevancia de que este encontro mundial teña lugar en Galicia e asegurou que no tempo que leva no cargo “tivo ocasión de visitar e avaliar moitos e moi variados proxectos de cooperación ao desenvolvemento” en diversos países e comprobar que “en todos eles coinciden “a fortaleza e a capacidade de loita das mulleres”.

Así, destacou a importancia e o papel clave das mulleres na “economía e na xestión dos recursos, na resolución de conflitos, na capacidade asociativa, na educación, na cultura e na saúde”.

“Nesta semana especial de rebelión e de loita contra a pobreza, -manifestou Sotelo- teño que lembrar que un dos Obxectivos do Milenio promove a igualdade entre homes e mulleres, así como a autonomía da muller”. Nesta liña, avogou porque se facilite “esta igualdade” a través do “acceso das nenas á ensinanza en verdadeiras condicións de igualdade”.

“Queda pouco para o 2015”, dixo, e a “aposta pola erradicación do analfabetismo feminino ten que ser clara e contundente” explicando que “para poder elixir” as mulleres teñen que ser quen de “ollar as diferentes opcións e camiños que a vida nos pon por diante”

A directora xeral de Cooperación Exterior reiterou o compromiso do Goberno galego coas mulleres, asegurando que a Xunta de Galicia está a apoialas “nos seus esforzos, nos seus desvelos e denunciando as aínda terribles situacións ás que con demasiada frecuencia se teñen que enfrontar”.

O Congreso Mundial de Mulleres Vía Campesiña, inaugurado en Santiago analiza a situación na que viven e traballan as mulleres no medio rural en xeral, e as que se dedican á actividade agraria en particular. Con este encontro, preténdese propiciar a formación das participantes no pensamento feminista e contribuír á cooperación entre delegacións e asociacións para articular a loita contra a violencia de xénero e a discriminación no acceso aos medios de produción, segundo explicou a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra.

Nel participan máis de cen mulleres en representación de diversos organizacións labregas galegas, españolas, europeas e doutros países e de organizacións mixtas integradas na Vía Campesiña.

A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, Lidia Senra, abriu o acto de inauguración referíndose á “importancia de que labregas de todos os continentes se poidan reunir para compartir experiencias e debater acerca da situación das mulleres no mundo e as posibles vías para mellorala”.

Pola súa banda, Juana Ferrer, representante da Comisión Internacional da Vía Campesiña, finalizou a súa intervención dicindo que as mulleres “non estamos en proceso de conquista dos dereitos”, senón que “xa estamos en posesión deles e que agora o que hai é que defendelos”. Na súa intervención no acto de inauguración, Ferrer fixo fincapé na “longa loita e resistencia” que de sempre as mulleres tiveron que sufrir para defender os seus dereitos, nomeadamente as “campesiñas”. Neste sentido, explicou que estes días en Compostela “serán un espazo fundamental para rearticular a axenda en beneficio dos obxectivos que as mulleres da Vía Campesiña buscan concretar”.

Gabinete de Comunicación do Sindicato Labrego Galego (SLG) + Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-10-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES