
A reforma da Lei de Galeguidade recollerá as conclusións do VIII Consello das Comunidades Galegas celebrado o pasado mes de agosto en Santiago. Así o afirmou hoxe o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, durante unha comparecencia no Parlamento para responder a unha pregunta oral sobre a valoración do Goberno galego das resolucións aprobadas por este Consello que segundo dixo son vinculantes para o Executivo e, polo tanto, serán correspondidas con feitos e resultados.
O titular de Presidencia explicou que na última convocatoria do VIII Consello de Comunidades Galegas, o Goberno galego, en concreto a Secretaría Xeral de Emigración, quixo dotar de auténtico sentido e de auténtico contido as funcións que ten atribuídas este órgano representativo da emigración galega. Deste xeito, o labor principal do Consello foi o estudo, debate e análise de dúas cuestións de capital importancia para os galegos e galegas residentes no exterior e para os centros e comunidades galegas: o Estatuto de Autonomía de Galicia e o estudo da reforma da Lei de Galeguidade.
Romeu cualificou de acertada a última edición deste Consello á vista das conclusións que presentou ao Consello da Xunta que amosan a reflexión e serenidade coa que se abordou un debate necesario e oportuno e que amosan, sobre todo, que os propios representantes dos centros e comunidades galegas queren adaptarse aos novos tempos e queren participar activamente na vida política, social e cultural do país. Por iso, segundo asegurou o conselleiro, o proxecto para a reforma da Lei de Galeguidade, que se presentará a comezos do vindeiro 2007 no Parlamento, recollerá as indicacións e suxerencias do Consello.
Ademais o titular de Presidencia avanzou que a galeguidade, en canto atribución universal aos homes e mulleres fóra de Galicia, recoñecerá a aquelas comunidades galegas incorporadas ao movemento asociativo dos galegos, en calquera parte do mundo no que se atopen. Asemade, engadiu Romeu, a Xunta de Galicia ten previsto conceder o recoñecemento oficial preciso a aqueles centros centenarios que albergan un valioso patrimonio que debe ser protexido e sobre todo posto en valor. Este recoñecemento verase reflectido tanto na reforma da Lei de Galeguidade como no Estatuto de Autonomía de Galicia que outorgará á emigración galega o tratamento e o papel que se merecen tanto no preámbulo como no propio articulado.
En opinión do conselleiro, nunca a emigración galega tivo a oportunidade de expresar por mecanismos oficiais a súa vontade, as dúas demandas e o seu sentir, un feito derivado do labor dos membros do VIII Consello das Comunidades Galegas que estiveron á altura das circunstancias nun momento histórico, pola propia conmemoración do 50 Aniversario do I Congreso da Emigración Galega.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.