Notas de prensa

Innovación e Industria e a Universidade da Coruña crearán un viveiro de empresas TIC no Parque Tecnolóxico do Campus Coruñés

O conselleiro de Innovación e Industria e o reitor da UDC asinaron un protocolo de colaboración para por en marcha o viveiro e tamén un convenio para a realización de actuacións conxuntas no eido do software libre.

O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco, e o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja, asinaron na Coruña un protocolo de colaboración para a promoción dun viveiro de empresas TIC. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellaría proxecta a adquisición de solo empresarial para a instalación de viveiros de empresas TIC que dean oportunidades a novas empresas do sector e aproveitar deste xeito as sinerxias que vai producir o Parque Tecnolóxico da Universidade da Coruña, unha iniciativa esta última que contribuirá ao desenvolvemento dunha oferta de espazos e infraestruturas tecnolóxicas para empresas tecnoloxicamente avanzadas.

Porén e en virtude do protocolo asinado hoxe a UDC autoriza a Innovación e Industria a adquirir, ben de xeito directo ben por medio dunha encomenda de xestión a algunha sociedade pública, sete parcelas do campus universitario de Elviña. Estes terreos dedicaranse á construción dun viveiro de empresas TIC e a actividades relacionadas.

Segundo explicou o titular de Innovación e Industria, con esta actuación a consellaría pretende favorecer o nacemento de novas actividades dándolle espazo no que ubicarse durante un período de tempo concreto, para que as empresas poidan adquirir madurez. O conselleiro nacionalista tamén avanzou que o seu departamento ten en proxecto ofrecer a posibilidade de que estas empresas poidan pasar a outro viveiro, que estará situado nun parque empresarial da zona de Ferrol.

Desenvolvemento do software libre

A Consellaría de Innovación e Industria e a Universidade da Coruña formalizaron tamén un acordo para a colaboración e realización de actuacións no ámbito do software libre, paso importante no desenvolvemento en Galiza deste tipo de software de código aberto. Así, Fernando Blanco e José María Barja tamén asinaron un convenio de colaboración que establece o marco de actuación para a realización e mantemento dunha plataforma axeitada para o desenvolvemento de proxectos colaborativos de software libre, así como dinamización, investigación e soporte técnico destes proxectos.

En dúas anualidades, Innovación e Industria achegará 180.000 euros ao abeiro deste acordo para a execución de diversas actuacións para impulsar o emprego de software libre no noso país. Así, instalarase e manterase unha “forxa” ou espazo web de desenvolvemento de software, integrada no portal www.mancomun.org, que inclúa un sistema de control de versións e revisións, listas de correo para os usuarios e desenvolvedores, publicación de novas globais para cada proxecto, foros de discusión abertos, motor de busca e mapas de proxectos, xestión de tarefas e enquisas e estatísticas sobre a actividade dos proxectos e do conxunto da forxa, entre outras.

Actuacións que tamén abrangue a colaboración entre a Consellaría e a Universidade da Coruña son dinamizar e coordinar distintos proxectos de localización ou creación de software en galego, dar soporte técnico en liña aos diferentes proxectos localizados na forxa, propoñer novas iniciativas para o desenvolvemento do software libre en Galiza e elaborar e traducir manuais e documentación en galego de materias que se consideren útiles para os obxectivos deste convenio.

Fernando Blanco aproveitou a súa intervención para repasar a positiva evolución que rexistrou Galiza no tocante ao emprego das novas tecnoloxías ao longo do último ano. Así, os fogares galegos con acceso á Internet incrementáronse un 23%, moi por enriba do 10% da media estatal, situándose Galiza como a segunda Comunidade do Estado cun maior crecemento. Tamén aumentaron os fogares con acceso de banda larga, que creceron un 41%. Especialmente dinámica foi a penetración nos fogares galegos da conexión por cable, que alcanza o 25,3% das vivendas e que sitúa a Galiza como a terceira Comunidade do estado con maior porcentaxe de fogares conectados por esta tecnoloxía.

O convenio coa UDC asinado insírese na liña de actuación da Consellaría de Innovación e Industria para o desenvolvemento do software libre en Galiza, tipo de software que constitúe unha peza clave para facilitar o acceso á sociedade da información e do coñecemento en condicións de igualdade, axudando a reducir o problema causado pola fenda dixital e permitindo unha maior penetración do uso da lingua galega nas aplicacións informáticas.

Trátase dun coñecemento tecnolóxico distribuído, compartido e accesíbel que favorece, ao xuízo da Consellaría, o crecemento e aparición de empresas locais con capacidade de competir coas grandes multinacionais do software e permite aos usuarios e ao conxunto das PEMES escoller a solución máis axeitada e económica para as súas necesidades. O modelo baseado no software libre permite ademais achegar a innovación ás PEMES do sector xa que facilita a creación e adaptación de novos programas informáticos, aproveitándose o extenso código aberto existente e dispoñíbel. Neste escenario definido, a Consellaría de Innovación e Industria promoveu este mesmo ano a creación do portal web “mancomun.org, iniciativa galega polo software libre”, coa intención de ofrecer un espazo aberto e punto de encontro das diferentes iniciativas galegas en software libre.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia, 2006-10-18

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES