Notas de prensa

Emilio Pérez Touriño afirma que Galicia ten hoxe maior capacidade de reacción e de recursos para afrontar a loita contra a contaminación mariña

Anuncia que a Comunidade Autónoma contará en breve cun Plan Integral de Continxencias, que están a elaborar 5 consellerías da Xunta.

O presidente da Xunta, que asistiu á realización dun exercicio de adestramento de loita contra a contaminación, quixo poñer en valor, logo do simulacro, que na actualidade Galicia dispón de máis recursos, máis medios e que hoxe están moito mellor coordinados todos estes recursos de cara a afrontar un posible episodio de contaminación mariña. O presidente galego quixo dar a seguridade de que nun tema básico para o país como é o salvamento marítimo e a loita contra a contaminación, hoxe Galicia dispón de potentes servizos e dun maior grao de coordinación.

Touriño lembrou que hai escasamente un mes se asinou un convenio entre a Xunta e Fomento para poñer ao día o desenvolvemento do Plan Nacional de Salvamento Este convenio revisábase despois de 15 anos, xa que non se actualizaba desde 1991. A este respecto, o presidente da Xunta anunciou que Galicia contará ademais en breve cun Plan Integral de Continxencias para mellorar o operativo de resposta ante unha situación de crise.

Neste plan, no que participan as consellerías de Pesca, Presidencia, Traballo, Medio Ambiente e Política Territorial estableceranse as estruturas organizativas e os procedementos básicos de actuación en casos de loita contra a contaminación, o protocolo de coordinación co plan estatal e as modalidades de actuación segundo a procedencia da contaminación. Paralelamente, establecerase a catalogación dos medios e recursos específicos necesarios para facer fronte a situacións de loita contra a contaminación mariña, e tamén se establecerá a zonificación do territorio para acadar unha resposta axeitada de acordo ás características do territorio.

O presidente da Xunta salientou que hoxe está plenamente activo o dispositivo de separación de tráfico de Fisterra, coa entrada en funcionamento da Estación Radar Chan das Lagoas. Ademais, hai unha cobertura total nas costas galegas de ata 30 millas co sistema de identificación automática que permite a identificación de todos os buques de 300 ou máis toneladas, salientou o titular da Xunta.

Novo remolcador

Por outra banda, Touriño destacou que Galicia ten 5 remolcadores actualmente en servizo e coa posta en marcha, no mes de novembro, do novo remolcador Doninda, Galicia multiplicará por seis a súa capacidade de recollida de hidrocarburos. Ademais, sinalou que Galicia conta con 3 helicópteros e un avión dentro deste Plan de Salvamento Marítimo, que pasan a ter tripulación as 24 horas do día dentro da base, o que permitirá acurtar os tempos de resposta.

En total, Touriño sinalou que Galicia conta con 9 bases operativas ao longo de toda a costa galega, así como dunha base loxística de buzos. O presidente da Xunta destacou que tiña especial interese en presenciar in situ os avances que se están producindo como consecuencia da posta en marcha do servizo galego de gardacostas e do Plan Nacional de Salvamento para Galicia. Así mesmo, destacou que sempre se pode aspirar a mellorar e manifestou a súa convicción de que hoxe Galicia conta con máis e mellores mecanismos de seguridade, o que lle permitiría ter maior capacidade de reacción nunha situación de crise como a vivida no Prestige.

Embarcacións participantes

No simulacro que se desenvolveu na Ría de Betanzos, participaron oito embarcacións: o buque de apoio loxístico polivalente Irmáns García Nodal; o remolcador Sebastián de Ocampo; o remolcador Luz de mar; a embarcación de transporte de barreira de arrastre Salvador Dubhe; as embarcacións auxiliares Antonio P e Proinsa 2; unha embarcación de apoio da Cruz Vermella e outra de Protección Civil. As embarcacións encargáronse de dar resposta a unha suposto de vertedura de hidrocarburo, mediante o despregamento de barreiras anticontaminación.

O exercicio estivo coordinado por técnicos de SASEMAR e tivo unha duración de 2 horas. Ademais do presidente da Xunta, tamén supervisaron o desenvolvemento do simulacro a conselleira de Pesca, Carmen Gallego e o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, entre outras autoridades.

Esta acción desenvolveuse ao abeiro dun convenio que fóra asinado entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento o pasado mes de setembro. Segundo se desprende do texto do convenio, en materia de prevención e contaminación marítima establécese –entre outras accións- a realización de exercicios e simulacros conxuntos de loita contra a contaminación, coa periodicidade que se estime conveniente, no ámbito das augas territoriais do litoral galego.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-10-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES