Notas de prensa

A xunta directiva da Rede Cinda reúnese no Centro de Estudos Avanzados da USC para analizar a evolución da educación superior en Iberoamérica entre 2002 e 2006

Ao encontro asisten representantes de trinta universidades de educación superior de Iberoamérica e Europa.

A 39ª edición da xunta directiva do Centro Interuniversitario de Desarrollo (CINDA) reúne a reitores e representantes de trinta Universidades e institucións de educación superior de Iberoamérica e Europa para debater sobre o papel das facultades na investigación e no desenvolvemento das sociedades do século XXI. Cinda foi creada en 1972 e agrupa a prestixiosas universidades europeas e latinoamericanas co fin de promover a cooperación das Universidades co desenvolvemento dos países.

O eixo central deste encontro é a análise da evolución da educación superior en Iberoamérica desde o 2002 ao 2006, tema introducido polo director executivo de Cinda, Iván Lavados, a través da presentación dun informe preliminar realizado por Universia.

A inauguración desta xuntanza, presidida polo reitor da USC, Senén Barro, contou coa asistencia do presidente desta asociación e reitor da Universidade colombiana dos Andes, Carlos Angulo; do conselleiro delegado de Universia, Jaume Pagés; do director xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Ramón Leis Fidalgo; e do director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Salustiano Mato. Ademais, a esta reunión acudiron decanos e directores de centros da USC, o director da Hospital Clínico Veterinario Rof Codina, Luis Felipe De la Cruz Palomino, xunto con representantes de institucións universitarias de Arxentina, Bélxica, Brasil, Colombia, Costa Rica, Chile, Ecuador, España, Italia, México, Perú, República Dominicana, Venezuela e Panamá.

O informe

O informe, presentado por Iván Lavados, recolle datos sobre a situación actual e a evolución experimentada nos últimos anos polas institucións de ensino superior nos países iberoamericanos participantes no encontro, agrupados no informe en función do seu número de investigadores, o seu gasto en educación superior, o número de programas universitarios que ofrecen e a cantidade de matriculados desde 2002 a 2006. Segundo estes parámetros, Brasil, España e México acadarían as mellores cifras e, pola contra, Ecuador, Bolivia, Porto Rico e a República Dominicana ocuparía os últimos lugares da listaxe.

Na súa presentación, Iván Lavados subliñou que en Iberoamérica predominan as carreiras de cinco anos, a privatización progresiva do ensino superior e que, salvo no caso español e portugués, o resto dos países invisten poucos recursos no eido da I + D. Non obstante, o director executivo de Cinda destacou o papel de Brasil polos grandes investimentos realizados no eido da educación superior, campo ao que se destina o 1,37% do seu Produto Interior Bruto, e polo aumento da presenza dos estratos sociais máis baixos na universidade.

En relación co número de investigadores nas universidades, España acada a cifra superior do conxunto aínda que a cantidade real é moito menor porque, segundo o informe, a figura do investigador en España non se corresponde coa que ofrecen os outros países iberoamericanos. O informe pon de manifesto tamén a relevancia das universidades españolas en canto ao número de programas de doutoramento, un total de 2.360, e polo número de matriculados nesta etapa formativa, exactamente 64.190 estudantes de terceiro ciclo. En segundo lugar, Brasil oferta 932 programas e 38.948 alumnos.

Dúas mesas redondas

A xornada matinal continuou coa celebración de dúas mesas redondas. Na primeira as reitoras da Universidade Nacional de Cuyo (Arxentina) e de Costa Rica trataron a cuestión do acceso á Educación Superior, mentres que o seu homólogo da Pontificia Católica de Valparaíso falou sobre institucións e resultados. Pola súa banda, a xestión das Universidades explicouna o experto Eduardo Aldana.

O reitor compostelán, Senén Barro Ameneiro, moderou a segunda mesa redonda na que a vicerreitora de Calidade e Planificación da USC, Paz García Rubio, presentou un relatorio sobre o aseguramento da calidade. A I+D e o financiamento foron outras cuestións tratadas neste debate polos reitores da Politécnica de Cataluña e da Pontificia Católica de Chile e polo presidente da Comisión de Cooperación Internacional da Universidade brasileira de São Paulo. Para pechar esta sesión matinal, realizouse unha presentación na que se deron a coñecer as conclusións.

A sesión da tarde dedicarase a realizar unha visita guiada ao patrimonio histórico da USC para, pola noite, asistir a unha cea de gala no Hostal dos Reis Católicos.

Os máis de corenta asistentes a esta reunión dedican a sesión do martes, día 17, a tratar, no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome, o balance de actividades e perspectivas do CINDA. Tamén nesta xornada terá lugar a cerimonia de entrega da Medalla ‘Doctor José Tola Pasquel’.

CINDA

Importantes institucións académicas de América Latina e Europa conforman CINDA, cuxo propósito fundamental é vincular ás universidades entre si e coas principais cuestións referidas ao desenvolvemento. A incorporación dunha universidade a esta rede requírelle o cumprimento de selectivos requisitos, de maneira que as institucións membros están consideradas entre as mellores no seu ámbito de actuación.

Gabinete de Comunicación da USC, 2006-10-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (veran-calor-ferrol.jpg) Galicia vén de pechar o mes de xullo máis cálido desde 1961, ano a partir do que se dispón na Comunidade de rexistros climatolóxicos. Esta é a principal conclusión do informe mensual elaborado por MeteoGalicia e que presentou esta mañá en Santiago a directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría. Tal e como explicou, o valor medio da temperatura máxima se situou en 29 graos, cunha anomalía positiva de 3,5 graos en comparación cos rexistros das estacións meteorolóxicas máis representativas da Comunidade. Ademais, no caso da temperatura media o dato situouse en 22,5 graos, 2,8 graos por riba do valor normal climatolóxico para este mes.
Foto de la tercera plana (deporte-remo.jpg) O Diario Oficial de Galicia publicou a orde pola que se actualiza a relación de deportistas de alto nivel, alto rendemento, rendemento deportivo de base e vitalicias, así como persoas adestradoras ou técnicas, xuízas e árbitras recoñecidas de alto nivel. Esta actualización súmase ás realizadas en xuño e establece un novo récord de persoas recoñecidas, que ascenden a 1.941, das que 835 son mulleres (43%) e 1.106 homes (57%). Arredor do 76 % das persoas -1.466- son deportistas galegos de alto nivel (623 mulleres e 843 homes). Ademais, figuran 201 deportistas de alto rendemento (101 mulleres e 100 homes), 183 deportistas de rendemento deportivo de base (86 mulleres e 97 homes), 47 persoas técnicas de alto nivel (catro mulleres e 43 homes), 29 persoas árbitras e xuízas (16 mulleres e 13 homes) e 15 deportistas galegos de alto nivel vitalicios.

Notas

A Reitoría da UDC acolleu a inauguración do congreso internacional 'New Frontiers in Cosmology', que terá lugar do 10 ao 14 de agosto. Este encontro, organizado polo Centro de Física Cosmolóxica de Berkeley, a Fundación Simons e a UDC, coa colaboración do CITIC, reúne nestes días a máis de 250 persoas investigadoras de referencia internacional no ámbito da cosmoloxía para analizar os principais retos e avances desta disciplina.
As comunidades que habitaron Colombia hai miles de anos lograron realizar extraordinarias obras de enxeñaría baseadas na cooperación entre grupos familiares, sen necesidade dun goberno centralizado, segundo demostra un novo estudo que acaba de publicar a revista Communications Sustainability e cuxa autoría corre a cargo dun equipo integrado por persoal investigador da USC, da Universidade de Cambridge e do Instituto Colombiano de Antropología e Historia (ICANH).
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES