
O Servicio Galego de Igualdade (SGI) da Vicepresidencia de Igualdade da Xunta de Galicia promove cursos de informática básica para mulleres maiores de 55 anos que residen na zona rural. Uns cursos que deron comezo o 16 de outubro na localidade de A Barrela, no concello de Carballedo (Lugo).
Ó curso, no que colabora o Centro de Información á Muller do Concello de Carballedo, asisten 19 mulleres, en dous turnos, que durante esta semana se achegarán á informática e ó mundo de internet dentro dun programa dirixido a mulleres galegas maiores de cincuenta e cinco anos.
As ensinanzas impártense nunha Aula Virtual Itinerante que comeza na Barrela o seu recorrido por diversos concellos galegos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.