
O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou na localidade coruñesa de Cee que a Xunta de Galicia porá en marcha con carácter inmediato unha liña de axudas encamiñada a paliar os danos ocasionados polos enchentes rexistrados recentemente neste municipio, así como nos veciños de Dumbría, Corcubión e Fisterra. O presidente da Xunta asumiu a reparación das infraestruturas públicas danadas, os danos en vivendas e os desperfectos causados en locais comerciais -naquelas partes que non cubran os seguros- a través da posta en marcha dunha liña de axudas.
O presidente da Xunta realizou este anuncio logo dunha xuntanza mantida no Salón de Actos do Concello de Cee con veciños afectados polas inundacións, á que tamén asistiu o alcalde da localidade, José Antonio Domínguez, e o Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu. Tras destacar que o Consello da Xunta de onte coñeceu un primeiro informe de avaliación da situación, Touriño puxo de manifesto o obxectivo do Goberno galego de que se restableza a normalidade canto antes nos núcleos afectados.
Redeseñar a canalización
Paralelamente, o titular do Goberno galego anunciou a vontade de articular, desde Augas de Galicia, unha serie de accións que permitan redeseñar e actuar sobre os actuais sistemas de canalizacións dos ríos en Cee co obxectivo de que se poidan protexer mellor os leitos fluviais. Deste xeito, ao actuar sobre a canalización poderían evitarse ou reducirse situacións como as ocasionadas por mor das últimas precipitacións na zona, que segundo destacou Touriño, acadaron o pasado luns máis de 80 litros por metro cadrado durante cinco horas seguidas. Así, destacou que se está a levar a cabo ademais a limpeza das canles dos ríos e dos sistemas de canalización e abastecemento de auga.
O próximo luns, técnicos da Consellería de Presidencia, da Alcaldía de Cee e do Consorcio de Compensación de Seguros que engloba aos afectados reuniranse para facer unha avaliación exhaustiva da situación e poder compensar economicamente canto antes aos damnificados.
Neste sentido, o máximo mandatario autonómico anunciou que a Consellería de Innovación e Industria xa habilitou unha orde de axudas cunha contía inicial de 1 millón de euros para atender os danos nos comercios.
A Xunta mantén a colaboración con todas as alcaldías afectadas para poñer en marcha os dispositivos para atender as situacións complicadas que se poidan volver a producir nestas localidade e para comezar a reparación da infraestruturas danadas e rematar cos problemas de accesibilidade e mobilidade.
Na súa vista de hoxe, o presidente da Xunta visitou Dumbría, Cee e Corcubión e tivo ocasión ademais de coñecer de primeira man os danos, e de falar cos veciños que se viron afectados polos enchentes. Touriño trasladouse a pé á zona máis afectada de Cee e tamén coñeceu en Dumbría os danos orixinados nunha estrada comarcal que se viu seriamente afectada polas intensas precipitacións.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.