A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Dirección Xeral de Acción Social, convoca 4.800 prazas para o novo programa Coñece o teu país 2006. Este programa pretende que os nosos maiores coñezan un pouco mellor Galiza, para o que organiza excursións ás cidades, comarcas e vilas máis significativas do territorio galego.
Esta nova iniciativa está dirixida a aquelas persoas maiores de Galiza que teñan máis de 65 anos ou ben sexan maiores de 60 e reúnan a condición de pensionistas. Ademais, os interesados deben residir na nosa Comunidade Autónoma e gozar de autonomía persoal, para poder optar a unha das prazas mediante a inscrición oportuna.
Coñece o teu país 2006 organiza un total de 96 excursións por toda Galiza entre o 1 de xullo e o 30 de novembro deste ano, que se reparten entre os 7 Fogares do Maior (4 excursións por Fogar, que fan un total de 28) e os 34 Centros Sociais (2 para cada Centro, sumando 68) dependentes da Vicepresidencia. O custo por persoa e excursión é de 9 euros e inclúe o transporte, o xantar e a asistencia de guía profesional nas visitas.
O novo programa posto en marcha pola Vicepresidencia consta de dúas modalidades: A Galiza urbana e As nosas vilas e comarcas. A Galiza urbana inclúe, como mínimo catro destinos (as cidades de A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), mentres que na modalidade As nosas vilas e comarcas, os lugares establecidos como fixos para as excursións son O Barbanza, a Costa da Morte, Bergantiños, a Mariña lucense, a Ribeira Sacra, Allariz- Maceda, o Baixo Miño, O Salnés e O Condado.
Os maiores que participan no programa están afondando no coñecemento da realidade actual e do patrimonio histórico-cultural de Galiza, ao tempo que experimentan unha convivencia con persoas nas súas mesmas condicións, unidas todas elas polo feito de estar coñecendo a súa terra en profundidade.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.