
A XIX edición do Ferrolterra Pantín Clasic, que ten lugar entre os días 7 e 10 de setembro, foi presentado na Dirección Xeral para o Deporte, patrocinadora dun evento que reúne a centos de surfeiros no Concello de Valdoviño.
O director xeral para o Deporte, Santiago Domínguez Olveira, destacou o traballo do club organizador, que favorece a participación de deportistas galegos nesta competición internacional: É de agradecer ese esforzo para apoiar a base galega. É unha grande idea que os nosos surfeiros poidan participar e se lles dean todas as facilidades, xa que esa é a forma de elevar o nivel do noso deporte de base.
Pola súa parte, o presidente do Océano Surf Club, Jesús Busto, destacou que esta proba é tamén un escaparate para a difusión dunha Galiza moderna e nova, do século XXI. Precisamente, esa é unha das características que o máximo responsábel do deporte galego destacou que esta proba permite mostrar ao exterior unha Galiza moderna, sorprendente e áxil. En Galiza contamos cos medios necesarios para organizar actividades deste tipo e por iso animo a todo o mundo a achegarse a Pantín para ver aos mellores surfeiros do mundo.
A alcaldesa de Valdoviño, Concepción Sanesteban, felicitou ao club organizador pola súa historia e destacou que para o seu municipio ademais do valor deportivo que ten, esta proba ofrece unha gran pantalla cara ao mundo. Ademais, cada vez son máis os nenos e nenas que practican este deporte nas nosas praias.
A día de hoxe hai 120 participantes inscritos, aínda que a organización confía en que se poidan alcanzar os 200 xa que o prazo de inscrición segue aberto. A proba masculina é clasificatoria para o Campionato do Mundo de Surf, mentres que no caso das mulleres é puntuábel para o Campionato de Europa. A categoría do campionato será de tres estrelas, tanto na proba masculina como na feminina, cun importe en premios de 60.000 euros.
A participación galega é a máis numerosa con máis de trinta surfeiros, destacando o ferrolán Luis Rodríguez e o vigués Gonzalo Zubizarreta, que teñen un bo nivel para loitar polos primeiros postos.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.