
O Goberno galego segue a despregar todos os recursos operativos necesarios para facer fronte ao vertido tóxico do río Umia, provocado polo incendio dunha empresa de produtos químicos en Caldas de Reis. Así o salientou o conselleiro de Medio Ambiente ante os medios de comunicación, logo de reunirse, xunto coa conselleira de Pesca, co presidente galego, Emilio Pérez Touriño, con quen analizaron como está a evolucionar a situación.
O titular de Medio Ambiente salientou que o Goberno da Xunta está a abordar a situación con total transparencia, en permanente contacto e colaboración con todas as administracións implicadas e os sectores afectados. Manuel Vázquez agradeceu, neste sentido, a colaboración e implicación das administracións, empresas e sectores.
Nesta liña, tamén lembrou que se vai reunir co presidente da Deputación Provincial de Pontevedra e cos alcaldes dos municipios afectados co obxectivo de darlles cumprida conta de todos os datos dispoñibles a cada momento. Queremos abordar este tema con absoluta transparencia para que teñan coñecemento de todo o que está pasando, asegurou Manuel Vázquez.
Contención da auga nos diques
Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, o titular de Medio Ambiente salientou que durante a xuntanza co presidente da Xunta, tanto a titular de Pesca coma el tiveran a oportunidade de analizar co presidente a situación do río Umia, lembrando que, desde o venres a mediodía cando se produciu o accidente, o máximo mandatario galego estivo ao tanto da situación e seguiu a súa evolución.
Manuel Vázquez explicou aos medios que o obxectivo da Consellería que dirixe neste momento é seguir contendo a mancha no primeiro dique do río. Ao seu carón hai unha inmensa piscina na que o departamento autonómico puxo todos os sistemas de decantación e depuración da auga.
Segundo explicou o conselleiro, unha vez que a auga pase polo dique analizaríase para ver como entra e sae. Se a auga sae en boas condicións, derivarase cara a canle natural do río. Do contrario, pasaríase a unha primeira cubeta para almacenala e sometela a novos tratamentos.
De todos xeitos, hai previstos un segundo e un terceiro diques, para liberar a auga de carga tóxica, por se fosen necesarios.
O conselleiro de Medio Ambiente, non obstante, amosouse optimista porque, segundo sinalou, xa onte á noite o PH da masa da auga pasou do 2,2 ata o 4,4, e dicir xa empezamos a ter unha masa de auga con un PH que se empeza a aproximar ao ideal, que é por enriba de 6, argumentou.
Abastecemento
Así mesmo, Manuel Vázquez lembrou que outro dos obxectivos principais do Goberno galego nestes momentos é construír unha tubería de 17 quilómetros de lonxitude para poder abastecer de auga á poboación de Vilagarcía. Onte á noite tiñamos explanado os 17 quilómetros de río para tender a circulación que vai abastecer a auga, sinalou o conselleiro, recoñecendo que existe unha dificultade loxística que é traer o tubo necesario ata Galicia.
Para superar este obstáculo, o conselleiro sinalou que se celebrou unha reunión entre as empresas, a Garda Civil de Tráfico e a Dirección Xeral de Transportes para establecer un operativo de transporte de tubo desde diversos puntos de España que permita solventar o problema. De ser preciso, segundo salientou Manuel Vázquez, incluso podería actuar para o transporte do tubo os transportes especiais do exército. Para nós argumentou- un dato moi importante sería de hoxe en 48 horas poder ter rematado o abastecemento polo menos, ata Vilagarcía.
Técnicos de pesca
Ademais dos efectivos da Consellería de Medio Ambiente, desde o departamento de Pesca tamén está a realizar un continuo traballo de mostreo en auga e en produto para garantir un perfecto estado dos bancos marisqueiros.
Segundo explicou a titular deste departamento autonómico, Carmen Gallego, nestes momentos a Consellería de Pesca ten desprazadas á zona arredor de 60 persoas, entre efectivos de inspección pesqueira e gardacostas, biólogos e asistencias técnicas.
O obxectivo é realizar un programa de analíticas intenso e seguir a manter reunións co sector pesqueiro e marisqueiro, salientou Carmen Gallego, lembrando que á fronte deste operativo está o director do Intecmar e o director do Centro de Investigacións Mariñas que irán informando puntualmente ao sector de calquera incidencia que puidera ocorrer.
Mariscadoras traballando con normalidade
Na mesma liña, a titular de Pesca lembrou que tras un peche cautelar dunha "pequena zona" próxima á desembocadura do río Umia, xa se levantou a prohibición e reanudáronse os labores de marisqueo, polo tanto, as mariscadoras da zona puideron traballar hoxe con total normalidade.
Control das empresas
Por último, Manuel Vázquez salientou que a Consellería que dirixe deu conta ao fiscal medioambiental da situación para que realice a investigación pertinente e dite as medidas oportunas respecto á empresa de produtos químicos que provocou o vertido.
Medioambientalmente esa empresa nunca debería estar aí, argumentou Manuel Vázquez, lembrando que o departamento autonómico que dirixe traballará arreo para garantir que ningunha empresa destas características ou similares se instale en zonas como a de Caldas de Reis. É preciso reflexionar sobre que hai determinadas empresas que non se poderán situar en determinadas zonas, sinalou, lembrando que a Xunta esixirá cada vez máis garantías a empresas destas características.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.