
A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, anunciou hoxe que o departamento que dirixe investirá 100.000 euros na segunda edición de Acui, que da comezo o día 5 de setembro. No transcurso dunha rolda de prensa na que estivo acompañada polo presidente do Consello Regulador do Mexillón
de Galicia, Ramón Dios, e o presidente da Asociación de Produtores de Rodaballo de Galicia (Aroga), Pablo García, a responsable de Pesca da Xunta salientou o feito de que imos estar sempre aí para apoiar unha feira que xurde e organiza o propio sector. Neste senso, valorou positivamente o acordo acadado onte entre os empresarios acuícolas e os organizadores da feira, que permite ao sector ostentar o 66% do accionariado de Acui: Xa que tal e como manifestei en diversas xuntanzas, na organización da mostra debía estar moi presente o sector
acuícola, tanto na súa organización como nos seus contidos, periodicidade, etc..
Ademais do investimento de 100.000 euros, cuantía que se irá revisando ano a ano, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos estará presente nesta edición cun stand de 100 metros cuadrados no que os visitantes poderán atopar información sobre as actividades do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), a nova campaña de promoción do mexillón galego e todas as novidades sobre o Congreso Internacional de Acuicultura, que se celebrará o próximo ano en Galicia.
Asimesmo, Pesca desenvolverá seminarios técnicos sobre investigación en acuicultura mariña, os obxectivos no marco dun desenvolvemento sostible e a transferencia de tecnoloxía ao sector acuícola. Da mesma forma, os poñentes destas xornadas analizarán a situación e perspectivas de I+D no sector piscícola galego. Por último, ofreceranse desgustacións de diversos
produtos do mar como mexillón, linguado europeo, abadexo ou ollomol.
Acui 2006, que a Conselleira de Pesca inaugura o martes 5 de setembro no recinto ferial de Fexdega (Vilagarcía de Arousa), ocupa unha superficie total de 6.000 metros cadrados e conta coa participación de 150 firmas, superando así as 118 que tiveron representación na mostra o pasado ano. Tamén se espera superar nesta edición a cifra de 6.000 visitantes que en 2005 viaxaron, dende 36 países de todo o mundo, para asistir á cita galega.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.