Notas de prensa

O Consello da Xunta autoriza á Consellería de Economía a adoptar as medidas financeiras oportunas para o desenvolvemento do decreto de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios

Concretan os ámbitos e contías das axudas, así coma o procedemento que rexerá a súa concesión.

O Consello da Xunta acordou autorizar á Consellería de Economía a adoptar as medidas financeiras e orzamentarias oportunas para facer fronte ás ordes de desenvolvemento do Decreto 138/2006, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos e perdas causados pola vaga de incendios que asolou Galicia durante os días 4 a 14 de agosto do ano en curso. Agárdase que estas ordes, relativas ao decreto aprobado no Consello Extraordinario do pasado 24 de agosto, estean aprobadas e publicadas.

Nas ordes de desenvolvemento concretaranse os ámbitos e as contías das axudas, así como o procedemento que rexerá a concesión de cada unha delas. O decreto do Goberno galego, que recolle axudas por un valor estimado inicial de 13.097.500 euros, constitúe a primeira medida de choque implementada polo Executivo presidido por Emilio Pérez Touriño para indemnizar e reparar os danos máis urxentes provocados polos lumes, sendo as axudas complementarias e compatibles coas que habilitará o Goberno de España.

O decreto articula un sistema de axudas para paliar os danos causados polos incendios, atender as situacións de necesidade en que se poidan atopar os colectivos directamente afectados e contribuír a restaurar os valores naturais e a reactivar a actividade económica das zonas afectadas.

Nel contémplase a concesión directa de axudas e subvencións públicas ao acreditárense razóns de interese público, social, económico ou humanitario, ao tempo que establece que estas serán complementarias e compatibles coas medidas que a Administración Xeral do Estado adopte no futuro, co fin de asegurar un maior grao de protección fronte aos incendios e a súas consecuencias.

A concesión das axudas terá carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público ou privado, nacional ou internacional, de que poidan ser beneficiarios os afectados. Non obstante, cando os mencionados sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, as axudas previstas neste decreto concederanse con carácter complementario e serán compatibles en concorrencia con outras subvencións, indemnizacións, axudas, ingresos ou recursos ata o límite do valor do dano producido. As ordes contemplan as axudas e os importes seguintes:

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
Por un importe que ascende a 2.400.000 euros, este departamento da Xunta establece unha liña de axudas que ten coma beneficiarios a entidades locais (concellos, deputacións, consorcios…) que tiveran sufrido perdas ou incorrido en gastos extraordinarios como consecuencia dos labores de extinción. Financiará os gastos aos que non fai fronte o Real Decreto Lei aprobado polo Estado o pasado venres 25. Así, proporcionará cobertura para os vehículos estragados ou danados, os materiais perdidos e os sobrecustes dos servizos locais, tanto materiais como de persoal.

Consellería de Economía e Facenda

Esta consellería habilita unha liña de axudas para a reparación dos danos persoais, que corresponden a 4 falecementos (por un importe total de 72.000 euros). Tamén dará cobertura ás persoas que por mor de feridas precisaran de hospitalización, cunha axuda baremada segundo a fórmula do seguro de vehículos a motor, en función da renda, de entre 60 e 103 euros por día de hospitalización.

Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes
O proceso de axudas establecido pola Consellería de Política Territorial ten como beneficiarios a concellos nos que se sitúan infraestruturas danadas ou estragadas por mor dos incendios (como estradas, marquesiñas, sinalización, e balizamento…) e inclúen subvencións da súa reposición ou reparacións por importe de 2.100.000 euros.

Consellería de Innovación e Industria

Este departamento da Xunta aprobará axudas por valor de 5.200.000 euros para financiar os danos rexistrados nos establecementos industriais, mercantís e turísticos por mor dos incendios, así como para compensar as perdas sufridas polos establecementos turísticos ou ben por cancelacións que superararn o 40% da súa capacidade ou ben por desaloxos.

Consellería do Medio Rural

As liñas de axudas correspondentes á Consellería do Medio Rural, por valor de 1.538.500 euros, teñen por obxecto a reparación dos danos causados en infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais (concretamente camiños, captacións de auga, cerramentos e bebedoiros), así como a reparación dos danos causados na maquinaria e no equipamento agrícola ou forestal rexistrados durante as tarefas de colaboración nos labores de extinción, na medida en que non fosen cubertas pola Administración Xeral do Estado.

As axudas de Medio Rural tamén teñen por obxectivo reparar os danos causados nas explotacións agrícolas e gandeiras, como perdas de colleitas, superficies cultivadas con producións agrícolas queimadas, danos en instalacións agrícolas e anexos (cortes, alpendres ou invernadoiros) que non fosen cubertas polas medidas adoptadas polo Estado ou por calquera fórmula de aseguramento, público ou privado. As axudas están destinadas ademais á reparación da morte de gando que estivese incluído no Rexistro de Explotacións Gandeiras e á restauración de terreos queimados destinados a pasto e cultivos forraxeiros de explotacións gandeiras.

Así pois, serán beneficiarios destas axudas os titulares de explotacións agrícolas e gandeiras que sufriran os danos obxecto das axudas; os propietarios, arrendatarios ou usufrutuarios das infraestruturas, equipamentos ou instalacións afectadas polos lumes; e os titulares de explotacións gandeiras e as comunidades de montes veciñais en man común que tivesen aproveitamento gandeiro nas súas terras, no caso de que a superficie dedicada a pasteiro ou a cultivo forraxeiro fose afectada directamente por un incendio.

Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible
Por un importe de 1.500.000 euros, esta consellería habilitará unha liña de axudas para a rexeneración urxente da riqueza cinexética afectada polos incendios.

Consellería de Vivenda e Solo

Para reparar os danos rexistrados en vivendas e nos seus enseres, a Consellería de Vivenda e Solo destina 287.000 euros. O decreto de axudas considera como vivenda tamén as instalacións e construcións anexas. Cando falamos dunha vivenda habitual, a orde complementará a axuda establecida polo Real Decreto Lei do Estado ata chegar ao 100% do valor, cun límite do prezo dunha vivenda de protección autonómica no mesmo municipio. No caso dunha vivenda ocasional, o importe da axuda poderá chegar a acadar o 40% do prezo dunha vivenda de protección autonómica no mesmo municipio.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2006-08-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES