Notas de prensa

Unha empresa da Tecnópole desenvolve a adaptación española do sistema de avaliación que mellora os tradicionais test de intelixencia para nenos

O test permite identificar desordes psicolóxicos coma a hiperactividade, dificultades na aprendizaxe e sobredotación en rapaces de 5 a 17 anos.

A editora Gersam, con sé no Parque Tecnolóxico de Galicia, ten xa lista a adaptación española dun novo sistema de avaliación máis avanzado cós tradicionais test de intelixencia que permite dende a detección de problemas na aprendizaxe ata a identificación de retraso mental ou sobredotación en rapaces de 5 a 17 anos. Esta nova fórmula é coñecida nos Estados Unidos coma o ‘test de intelixencia intelixente’.

Gersam fíxose cos dereitos que lle permitiron crear en exclusiva a versión española deste sistema grazas a un acordo asinado coa editorial americana Riverside Publishing. A partir dese momento, o profesor Manuel Deaño, do departamento de Psicoloxía Evolutiva e Comunicación da Universidade de Vigo, traballou para adaptalo á realidade española ata o pasado mes de xuño, dende cando está a disposición de educadores e psicólogos na web www.dncas.es.

O Sistema de Avaliación Cognitiva é resultado dunha nova corrente que entende a intelixencia coma un conxunto de procesos cognitivos e que enfoca o seu estudo dende a combinación da teoría e a práctica. Os seus autores son os profesores Jack Naglieri, norteamericano, e Jagannath Prasad Das, natural da India, co que Deaño colabora dende hai anos.

O test desenvolvido dende o Parque Tecnolóxico de Galicia para poder ser aplicado en España ten unha duración de entre 60 e 90 minutos e, segundo os seus creadores, permite identificar disfuncións nos procesos psicolóxicos básicos, desordes de déficit de atención e/ou hiperactividade, lesións traumáticas do cerebro, problemas na aprendizaxe, retraso mental e altas capacidades.

Un dos aspectos destacados polos deseñadores deste sistema é a posibilidade de utilizalo en grupos multiculturais, xa que introduce parámetros de análise que pasan desapercibidos aos tests de cociente intelectual.

O test baséase na avaliación das capacidades do neno nos catro piares que as novas correntes sitúan como eixos da intelixencia: a planificación, a atención, o procesamento de información simultáneo e o procesamento sucesivo.

Dependendo das necesidades de avaliación, pódese facer o test completo ou limitalo a un ou varios destes apartados. Se polo contrario se quere coñecer a capacidade do neno nunha área concreta, o sistema conta con unha ducia de subtests que permiten avaliar aspectos tan específicos coma a atención receptiva, a memoria de figuras ou a velocidade da fala.

A análise destes parámetros fai posible, segundo os deseñadores do sistema, predicir o rendemento académico e detectar dificultades relacionadas coa lectura e co cálculo. Ademais, permite que educadores e psicólogos valoren o funcionamento cognitivo dos superdotados e dos rapaces afectados por transtornos de hiperactividade, déficil de atención, lesión cerebral, retraso mental e perturbación emocional grave.

Por outra parte, o carácter detallado dos resultados que se obteñen da avaliación permite deseñar estratexias educativas e tratamentos terapéuticos segundo as necesidades do neno.

O novo test é obra dos profesores J.P. Das e J.A.Naglieri, ámbolos dous de reputado prestixio no eido da investigación dos procesos cognitivos. O primeiro deles traballa no Centro para o Estudo do Retraso Mental da universidade canadiana de Alberta e o segundo na universidade estadounidense George Mason.

Das é doutor honoris causa en grao supremo da Universidade de Vigo en Psicoloxía da Educación. O seu vencellamento á institución académica galega está en relación directa coa colaboración que dende hai anos mantén con profesor Deaño no campo dos procesos cognitivos e da aprendizaxe escolar. O investigador galego comparte ámbito de estudo con Das, xa que está especializado en educación especial e, en concreto, no retraso mental.

A estreita relación profesional dos dous investigadores garante a solvencia da adaptación ó español do sistema de avaliación, que se atopa xa a disposición tanto na web creada especificamente para el coma na da editora Gersam (www.gersam.net).

Noemia Ortega (Tecnópole), 2006-08-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES