Notas de prensa

Os socios de Xábrega valoran positivamente o traballo realizado nun ano de existencia desta Asociación Cultural de Ares

Os actos de maior éxito foron as conferencias sobre a historia das Alianzas Aresáns de Instrución, as viaxes á Antártida de Xavier Cristobo e o concerto da Orquestra de Corda do Conservatorio de Música de Ferrol.

A Asociación Cultural Xábrega de Ares celebrou a súa primeira Asemblea Xeral o pasado sábado, 19 de agosto, na que os asistentes valoraron positivamente as actividades realizadas no primeiro ano de existencia desta asociación, que conta xa con 33 socios.

O primeiro dos actos celebrados foi a conferencia “Introdución ao Centenario da Alianza Aresana de Instrución” a cargo do historiador local Ernesto Naveiras. Tivo lugar no mes de setembro e foi unha das actividades máis concorridas e das que espertou un maior interese entre o público asistente. En outubro Xábrega organizou unha proxección de vídeo sobre “As Fábricas de Salazón en Ares” con material cedido por “Gelucho de Teresa”, veciño de Ares que atesoura gravacións e fotografías dos últimos 25 anos de historia de Ares. Principalmente proxectáronse imaxes sobre o traballo das mulleres nas últimas fábricas de salazón da vila.

No mes de novembro celebrouse a conferencia “Fontes e Lavadoiros. Historia Recente do Abastecemento de Auga en Ares” a cargo do historiador Fernando García González. Durante o Nadal os mozos e pequenos da casa foron os protagonistas co desenvolvemento do “Obradoiro de Marionetas” impartido polos monitores Job Sánchez e María Barreiro, Licenciados en Belas Artes e prometedores artistas, e a celebración dunha” “Party Informática”, 24 horas conectados ao ordenador, actividade coordenada por Ángel Montenegro, socio de Xábrega con amplos coñecementos de informática e internet.

Comezamos o ano en xaneiro coa conferencia “Aprendendo co balón” da man do exfutbolista profesional do R.C. Celta de Vigo, José Luís Mosquera Losada, actualmente adestrador do Racing Vilalbés. Xa en febreiro tivo lugar a presentación pública de “Oito días, oito contos”, libro de relatos curtos para nenos escrito e ilustrado pola artista pontevedresa Clementina Vidal Caramés, editado por “Taller do Poeta”.

No mes de marzo a música foi a protagonista co Concerto de Música Clásica a cargo da Orquestra de Corda do Conservatorio de Música de Ferrol, dirixida por Emma Urango e composta por 30 alumnos. Este foi un dos actos de maior afluencia de público, celebrado na Igrexa Parroquial de Ares, xa que non hai ningún outro edificio no Concello que reúnan as condicións acústicas e de aforo axeitados.

En abril tivo lugar outro dos actos máis concorridos e que suscitou un interesante coloquio entre os asistentes, a conferencia “Viaxes desde Ares até a Antártida” a cargo do biólogo mariño Javier Cristobo Rodríguez, aresán e socio de Xábrega, que relatou a súa experiencia como investigador nas dúas expedicións que ten realizado á Antártida. Ao finalizar este acto, regalouse aos asistentes unha foto do indicador de Ares colocado xusto no Polo Sur, realizada polo propio Cristobo.

Xa no mes de xuño celebrouse a conferencia “O Traxe Tradicional Galego” a cargo da Vicepresidenta da Asociación do Traxe Galego, Xoana Pintos Barral, con desfile de diferentes tipos de traxes. E por último en Xullo, tivo lugar a conferencia “Danzas da Península Ibérica: formas, tipos e instrumentos” da man dos profesores Mª Jesús Navalpotro e Xosé Crisanto Gándara. Ademáis durante estes 12 meses Xábrega sacou á luz dous números do Boletín Informativo, no que destacan as entrevistas a “Xabrentos “, a sección de historia e o “Recuncho das Fadas” de creación literaria e participación libre.
Na Asamblea Xeral de Xábrega, os socios valoraron positivamente o esforzo realizado ata o momento e acordaron continuar nesta liña de traballo. A directiva xa está a organizar actos de diferente carácter para os próximos meses nos que o teatro, a música clásica e as conferencias de temática variada serán o piar fundamental da programación.

O domingo 20 de agosto a Asociación Cultural Xábrega cumpriu un ano. Fora o 20 de agosto de 2005 cando a xunta coordenadora deu a coñecer nun acto público o nacemento desta iniciativa. Dende aquela son xa 33 os socios que forman parte de Xábrega.

Emilio Mesías (presidente da Asociación Xábrega), 2006-08-22

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES