O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco Álvarez, anunciou que o seu departamento levará á vindeira reunión do Consello da Xunta unha proposta, consensuada co sector turístico, para habilitar con carácter extraordinario unha partida de 3 millóns de euros que se destinarán a realizar campañas de promoción de Galiza como destino e a compensar as perdas sufridas polo turismo galego por mor dos incendios dos últimos días.
O titular de Innovación e Industria, que visitou hoxe varios establecementos que foron directamente afectados polos lumes, explicou que estes fondos servirán para financiar unha nova campaña de promoción que está previsto que se inicie durante a vindeira semana en medios de comunicación de todo o Estado, coa fin, segundo explicou Fernando Blanco, de manter a afluencia de visitantes a Galiza tralo impacto negativo dos incendios.
Bo destino turístico
En relación con esta circunstancia, o conselleiro recoñeceu que o turismo galego viviu estes días unha situación difícil, pero que Galiza segue sendo un bo destino turístico, cunha oferta de calidade en ámbitos como a cultura ou a gastronomía. Engadiu que non podemos negar que se queimaron 77.000 hectáreas de terreo, pero tamén é certo que iso supón o 2,5% do territorio galego, polo que aínda queda moito para visitar.
O conselleiro de Innovación e Industria coñeceu de primeira man a incidencia dos lumes no sector turístico galego, visitando o cámping Ría de Arousa 2, na parroquia de Oleiros, en Ribeira, e as casas de turismo rural Os Muíños e Casa da Ermida, ambas no Araño (Rianxo). Estivo acompañado polo director xeral de Turismo, Rubén Lois González, polo xerente de Turgalicia, Xesús Pereira, e por representantes da Confederación de Empresarios de Hostelería de Galiza (CEHOSGA), a Asociación de Cámpings de Galiza e de asociacións de turismo rural do país.
A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.