Notas de prensa

A Xunta concedeu en 2006 máis de 1,5 millóns de euros ao amparo da Orde de Axudas á Pesca Costeira Artesanal

▪ A Consellería de Pesca aprobou no que vai de ano 28 proxectos presentados polo sector cos que se pretende mellorar a comercialización dos produtos e as condicións laborais dos traballadores ▪ O departamento que dirixe Carmen Gallego investirá 2 millóns de euros máis nesta Orde de axudas antes de que finalice o ano

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos leva aprobados no que vai de ano un total de 28 proxectos destinados a mellorar as condicións da práctica da pesca costeira artesanal. Estas iniciativas, presentadas polo sector ao amparo da Orde do 4 de xuño de 2003 reguladora deste tipo de axudas, supoñen un investimento de máis de 1.500.000 euros. A través destas subvencións, o departamento que dirixe Carmen Gallego pretende optimizar, entre outras, as condicións de traballo e seguridade, innovación tecnolóxica, organización da produción, transformación e comercialización dos produtos pesqueiros e formación profesional co obxectivo final de alcanzar un equilibrio duradeiro entre os recursos e a súa explotación, revalorizando ademais os produtos propios desta pesqueiría.

A Xunta investirá nesta orde de axudas 2 millóns de euros máis antes de que finalice o ano. Estes investimentos forman parte da política de actuacións que está levando a cabo a Consellería de Pesca a prol do sector da baixura. Tal e como xa anunciara a propia conselleira no Parlamento de Galicia o pasado mes de xuño, o esforzo orzamentario total previsto polo Goberno neste eido para o 2006 supera os 30 millóns de euros, repartidos en distintos programas destinados aos traballadores da baixura e o marisqueo. Esta cantidade representa un 13,5% do presuposto xeral do departamento que dirixe Carmen Gallego.

Ampla variedade de proxectos

Confrarías de pescadores, agrupacións de mariscadores e outras organizacións do sector presentaron unha ampla variedade de proxectos nas dúas primeiras convocatorias deste ano. Entre eles cabe salientar a construción dun novo edificio para a Agrupación de Mariscadores do Río Anllóns, ao que Pesca achegará preto de 150.000 euros. Con esta nova instalación, as traballadoras de Carballo verán melloradas sustancialmente as súas condicións laborais, ao igual que as mariscadoras de Pontevedra, ás que está previsto dotar dunha nova caseta.

Outras moitas subvencións están destinadas a optimizar a calidade e comercialización dos produtos pesqueiros. Neste senso, o departamento que dirixe Carmen Gallego concedeulle á Confraría de Cangas unha batea experimental para mellorar a comercialización do polbo e outra ao pósito de O Grove para garantir a produción de semente de ameixa. Ambos proxectos supoñen un investimento superior aos 200.000 euros. Igualmente, Rianxo e Ribeira veranse beneficiadas a través destas axudas cuns fabricadores de xeo que permitirán que o produto se manteña nas mellores condicións de salubridade.

Por outra banda, Pesca ten previsto suministrar ao pósito de O Vicedo de abundante material para o control da produción dos bancos marisqueiros e ao de Cambados dunha máquina calibradora, á que se destinarán preto de 150.000 euros. Ademais, a Consellería financiará numerosos equipamentos para as lonxas de Arcade, a Pobra do Caramiñal e Baiona, entre os cabe salientar unha carretilla elevadora, unha cámara conxeladora e unha unidade de identificación e pesaxe móbil. O Goberno galego investirá tamén preto de 100.000 euros nunha máquina clasificadora de berberecho no pósito de Noia e máis de 130.000 euros na construción dunha embarcación para a limpeza e a recuperación dos bancos marisqueiros de Cabo de Cruz.

Finalmente, foron aprobadas numerosas iniciativas orientadas á formación dos traballadores do mar. Neste sentido, Pesca acordou subvencionar cursos de diversas materias nas confrarías de Cedeira e A Pobra do Caramiñal; acondicionar a aula de ordenadores dos pósitos de Noia e Lourizán e abastecer á Asociación Galega de Mariscadores, Agamar, de abundante material informático.






Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, 2006-08-15

Actualidad

Foto del resto de noticias (filmoteca-galicia-202611.jpeg) A Filmoteca de Galicia pon o foco da súa carteleira para novembro na estrea do ciclo dedicado ao guionista Rafael Azcona no centenario do seu nacemento, unha escolma do cinema do xaponés Keisuke Kinoshita e a visita de James Benning para presentar as súas dúas últimas películas. Coa proxección de El pisito, de Marco Ferreri, comeza esta mesma tarde a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a conmemoración do centenario de Rafael Azcona, que ata o mes de xaneiro ofrecerá unha escolma representativa da súa dilatada carreira xunto a grandes directores do cinema español. Este mes poderá verse El jardín de las delicias, de Carlos Saura; El anacoreta, de Juan Estelrich, e El año de las luces, de Trueba.
Foto de la tercera plana (veran.jpg) O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade rexistrou un mes de outubro cálido e moi seco. Foi un período anómalo, xa que as altas presións foron moito máis frecuentes do que cabería agardar nesta época. De feito, só chegaron tres frontes desde o Atlántico que, ademais, tiveron pouca actividade. Neste contexto, as temperaturas estiveron por riba dos valores climatolóxicos e as precipitacións acumuladas foron moi inferiores ao que cabería agardar. Máis polo miúdo, a media das temperaturas foi superior ao habitual neste mes, sobre todo no caso das máximas, debido ao predominio de situacións anticiclónicas que achegaban aire cálido desde o sur.

Notas

O 7 de novembro a ciencia sairá ao encontro da cidadanía coa primeira edición de 'Abastos de Ciencia', unha iniciativa da UDC que terá lugar no Mercado de San Agustín e combinará divulgación e experimentación a través de obradoiros participativos, mesas redondas e propostas gastronómicas e culturais. A iniciativa, enmarcada no proxecto InPacto, permitirá coñecer o traballo investigador que se realiza en diferentes centros, facultades e grupos.
O grupo de investigación da USC De la Edad Media al Siglo de Quevedo, desenvolve en Santiago o Congreso Internacional 'De interpretatione: la traducción en los siglos XVI y XVII'. O obxectivo do encontro, os días 5 e 6 na Facultade de Filoloxía, consiste en presentar os resultados de investigacións arredor da tradución durante os séculos XVI e XVII, pero tamén reflexionar sobre posibles liñas de traballo para o futuro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES